Deu luz verde na Xunta de Goberno a un convenio de colaboración co Concello de Foz para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Malates; e con Burela para a instalación dunha cuberta que protexa parcialmente a praza da Mariña
Lugo, 24 de outubro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir 750.000€ na mellora de dotacións e servizos nas comarcas da Mariña e na Montaña. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, que enmarcou a decisión tomada esta mañá na sesión semanal do Executivo no seu compromiso coa cooperación cos 67 concellos que conforman a provincia de Lugo.
Avanzou que na comarca da Mariña aprobaron dous convenios de colaboración con Foz e con Burela. En Foz a Deputación investirá 250.000€ para a renovación do céspede artificial no campo de Malates. “Unha instalación deportiva moi empregada tanto para partidos como para adestramentos por equipos locais e categorías inferiores”, explicou García Porto.
Sinalou que o céspede actual está “moi deteriorado” porque o instalaron no 2011, hai 14 anos, e ten moito uso e destacou que “a través destes fondos poderemos instalar un céspede artificial de última xeración e ademais renovar o sistema de rego”. Nese sentido, detallou que o Concello de Foz porá outros 65.071,39€ para chegar a un orzamento conxunto de 315.071,39€ necesarios para estas actuacións “que virán a mellorar a seguridade, a comodidade e as prestacións deste campo de fútbol”.
Valorou que renovar o céspede non é só unha mellora deportiva, “senón un investimento en benestar para o conxunto da veciñanza, porque grazas a esta actuación, Foz contará cunha instalación máis moderna e sostible, que potenciará a vida comunitaria”.
Praza da Mariña de Burela
En Burela, a Deputación destinará outros 250.000€ para a instalación dunha cuberta na praza da Mariña. Un espazo público ao aire libre “imprescindible para este municipio porque acolle gran variedade de usos: a recepción dos Reis Magos, eventos deportivos, xogos infantís, representacións de teatro, concertos, feiras e pequenos mercados”. Explicou a Deputada que mediante estes fondos “dotaremos a esta praza dunha zona cuberta de 400 metros cadrados, de costas ao antigo centro comercial; no lugar no que se sitúa o actual palco da música”.
O Concello de Burela aportará 122.670,30€ para chegar a un orzamento de 372.670,30€ necesarios para a instalación desta cuberta, que terá alturas variables, será de madeira e metal e estará dotada con lucernarios para deixar pasar a luz natural. “Gracias a esta actuación dotamos ó centro de Burela dun espazo útil ó aire libre os 365 días do ano, independentemente do tempo; xa que a estrutura que está proxectada protexería da choiva, pero tamén do nordés. “Un investimento que se traduce en cohesión social, actividade económica e sustentabilidade urbana”, destacou García Porto.
Melloras na Fonsagrada
Ademais a Xunta de Goberno aprobou para comarca da Montaña un investimento de 249.994,37€ para colaborar na rexeneración e dotación de servizos básicos no concello da Fonsagrada. Mediante este convenio a Deputación de Lugo financiará un total de 7 actuacións que afectarán ao centro urbano e a diferentes parroquias do sur do municipio.
No centro urbano da Fonsagrada estes fondos servirán para acondicionar o aparcamento da Avenida de Galicia, “unha das principais arterias urbanas da Fonsagrada polo tránsito que ten e na que a zona destinada a aparcar está moi deteriorada”. Tamén servirán para adecuar e renovar os servizos na rúa Marqués de Rodil, “outra das vías significativas do centro urbano deste concello porque dá servizo directo a residencias e establecementos comerciais”. Neste caso o investimento, detallou a responsable provincial, servirá para a renovación do abastecemento, o saneamento, a canalización das telecomunicacións ou mellora do alumeado.
No que ten que ver co rural do concello, estes fondos permitirán tamén mellorar o abastecemento de Aldobrén; no de Louxas; instalar unha cuberta nos depósitos de auga de Mazaeda e facer obras de reforzo e reconstrución dun muro en San Martín de Suarna.
“Son todas actuacións moi importantes para este concello, que é o máis extenso de Galicia -483,5 quilómetros cadrados- e que conta con máis de 600 quilómetros de vías asfaltados e 278 núcleos, polo que a súa poboación está moi dispersa e é complicado manter unha boa calidade dos servizos”, subliñou García Porto. “E ese é o noso compromiso coa cooperación cos concellos, axudar ós 67 concellos da nosa provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós veciños e veciñas”, engadiu.
Maquinaria nova para o Parque Móbil
Licitada ademais a contratación para a adquisición dunha pala de cadeas, unha Bulldozer con coitela frontal e Ripper para o servizo do Parque Móbil. O prezo de contratación é de 393.250€ e o prazo de entrega será de 40 días naturais. “Este contrato permitirá dotar ao Parque Móbil dunha máquina e un accesorio imprescindibles no mantemento e rehabilitación de terreos, facilitando os traballos en obras e operacións de gran volume e en terreos difíciles”, relatou.
Polo tanto esta contratación virá a mellorar o servizo que ofrece o Parque Móbil da Deputación que repercutirá nas vías municipais de toda a provincia.




















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



