Carmela González avoga por acoller no Estatuto a todas as mulleres que viven e traballan na costa galega
Santiago de Compostela, 17 outubro 2025. A deputada nacionalista Carmela González trasladou ao Parlamento galego as “propostas en positivo” do BNG tanto para a creación do Observatorio de Mulleres Rurais e do Mar como do Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro, que o Goberno do PP segue, no primeiro caso, sen poñer en marcha e, no segundo, sen aprobar.
Nunha proposición non de lei presentada na comisión de Pesca e Marisqueo, González defendeu en primeiro lugar que estas dúas figuras non se limiten só ás mulleres que traballan no sector marítimo-pesqueiro, senón que inclúan ao conxunto daquelas que viven e traballan na costa galega. Por iso, avogou por modificar o nome do Estatuto para garantir que se acolle a todas as mulleres do litoral pasando a denominalo Estatuto das Mulleres do Mar.
En segundo lugar, propuxo abrir un procedemento de diálogo tanto para a creación do Observatorio como para a redacción do Estatuto no que participen as asociacións de mulleres, ás que tamén considerou preciso remitir o borrador do anteproxecto, ao igual que aos grupos parlamentarios e ao conxunto da cidadanía, para abrir un “debate real” e garantir “unha norma plural e consensuada”.
A deputada nacionalista defendeu tamén regular a creación do Observatorio e do Estatuto mediante unha lei, tal e como se fixo noutras comunidades do Estado, e no vía decreto, como pretende o Executivo de Alfonso Rueda. “Non serve un decreto porque non permite unha tramitación transparente e plural no que poida participar toda a cidadanía galega”, remarcou.
De igual xeito, avogou por derrogar o artigo 30 da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, pola que se modificaba a composición do Observatorio, “vetando a participación” das asociacións de mulleres.
“O que fixeron vostedes foi botar fora da composición do Observatorio ás asociacións de mulleres”, recriminou aos populares, cos que confrontou a lexislación andaluza neste ámbito de actuación.
“O deseño, a elaboración, o desenvolvemento e a avaliación das políticas, plans, programas e estratexias que elabora a Administración da Junta de Andalucía no marco da Política Agraria, Agroalimentaria, Pesqueira e de Desenvolvemento Rural, realizarase coa participación das asociacións de mulleres de ditos sectores”, citou, para preguntar a continuación ao PP se coñecían o texto.
“Isto é o Boletín Oficial da Junta de Andalucía e quen firma esta lei é Moreno Bonilla”, aclarou, para concluír a continuación que “o Partido Popular de Galiza está adiantando pola dereita a VOX en política de igualdade”.
Tras pedir ao PP que rectifique esta decisión, a deputada nacionalista tamén defendeu unha representación paritaria en todos os órganos nos que se toman decisións sobre o sector, así como medidas de apoio para impulsar o traballo feminino e mellorar as súas condicións laborais e actuacións de sensibilización e formación en materia de igualdade. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

















Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
No marco do 8M, esta empresa de comunicación e publicidade decidiu celebrar a súa traxectoria reunindo a 18 mulleres diferentes para compartir as súas experiencias no ámbito persoal e profesional, co obxectivo de render un homenaxe á muller.
No acto, organizado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e a área de Cultura do Concello, entregouse o Premio do Público ao filme Antes de Nós, de Ángeles Huerta, a obra máis votada pola cidadanía. A deputada de Cultura Iria Castro destacou que este encontro serve como adianto da gala e subliñou o orgullo de converter Lugo no epicentro do audiovisual galego durante estas semanas cheas de actividades arredor dos galardóns.
Cabe sinalar que o concello de Castro de Rei solicitou xa a súa adhesión ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Destacou así que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios. Sinalou tamén as importantes novidades que presenta este convenio con respecto aos anteriores acordos, como é o incremento do orzamento, que ascende ata os 25 millóns de euros anuais.
A charla será impartida por Diego Fernández Méndez, colaborador da asociación, quen repasará a evolución do sector conserveiro e o seu impacto económico e social no municipio. A actividade inclúe un recoñecemento ás mulleres traballadoras de Conservas Albo, coincidindo coa conmemoración do 8M, cunha mención especial ás últimas empregadas que pecharon esta etapa histórica. A xornada rematará cunha degustación de produtos da marca.



