Foz, 24 de outubro de 2025. O Concello de Foz renovará o céspede artificial e o rego automático do Campo de Fútbol Municipal de Malates por un importe de 315.071,39 euros. A maior porcentaxe do investimento corresponde ao subministro e colocación dunha nova superficie de xogo de céspede artificial -260.332 euros- e a un novo sistema de rego con aspersores emerxentes -21.382 euros-.
A inversión será financiada pola Deputación de Lugo -250.000 euros- e polo Concello de Foz -65.071,39 euros- en base a un convenio que foi aprobado na Xunta de Goberno Local da Deputación deste venres, 24 de outubro.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece á Deputación de Lugo e ao seu presidente, José Tomé, o apoio da institución ao Concello: “quero darlle as grazas ao presidente da Deputación por esta mellora do campo de fútbol, que non sería posible sen o apoio da Deputación de Lugo. Unha inversión que vai a posibilitar ter unha superficie de xogo da máis alta calidade, xa que a actual presenta un deterioro moi importante. O campo de Malates é moi utilizado polas asociacións deportivas de Foz, especialmente pola AD Santiago de Foz, CD Foz e Club Atletismo Ría de Foz. Creo que vai a ser unha mellora moi importante para todas elas”.
Fran Cajoto engade: “o 5 de marzo reunímonos co Partido Popular de Foz e solicitáronnos esta inversión para poder facilitar a licitación do ciclo integral da auga. Nós accedemos ao solicitado -petición moi razoable- e cumprimos o acordado, como se demostrou no día de hoxe. A aportación municipal -65.000 euros- será sufragada contra un suplemento de crédito que están preparando os servizos municipais”.
Por outra parte, onte, xoves, celebrouse a última mesa de contratación do ciclo integral da auga, na que acordou propoñer ao pleno como adxudicataria do servizo á empresa Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, S.A. (FACSA), que obtivo a mellor puntuación. FACSA na actualidade xestiona o sistema de abastecemento da Zona Costeira Occidental de Asturias, que inclúe a Navia, Coaña, Villayón, El Franco, Tapia, Castropol e Vegadeo, a EDAR de Cudillero ou os colectores de Ferrol. “Onte mantiven unha reunión técnica co técnico redactor dos pregos e os concelleiros de todos os grupos políticos para informalos da proposta de adxudicación e da próxima celebración dun pleno extraordinario para a adxudicación definitiva do contrato, co obxectivo de que inversións tan necesarias e importantes como a mellora das plantas potabilizadoras de Fazouro e Cordido, a renovación da tubaxe de fibrocemento en Forxán e a de distintas conducións en todo o Concello se poidan facer á maior brevidade posible”, remata o alcalde.
Pola súa banda, o voceiro do PP, Javier Jorge Castiñeira, pronunciouse sobre as melloras no campo de fútbol municipal de Malates: “dende o Partido Popular estamos moi satisfeitos por esta boa nova, porque isto significa que unha proposta nosa, que era poder renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Malates, poderase levar adiante mediante un convenio coa Deputación de Lugo, que vai financiar gran parte desta inversión, e outra parte o propio Concello. Foi unha proposta que nós levamos a pleno no seu día, en novembro do ano 2024, precisamente a petición da Escola de Fútbol Santiago de Foz, do Club Deportivo de Foz, dos veteranos e tamén do Club de Atletismo Ría de Foz, que son os usuarios que nos estaban dicindo que as condicións do céspede eran moi malas, perigosas, tiñan furados e zonas descosidas que podían causar lesións. A primeira oportunidade que tivemos de negociación así llo puxemos encima da mesa ao señor alcalde, neste caso foi por desbloquear o ciclo da auga; a primeira opción era rebaixar as tarifas, pero o alcalde non a accedeu e para ter a abstención do Partido Popular que permitía ese desbloqueo pedimos unha obra, que é esta que se vai a facer agora. E polo tanto estamos contentos; e con isto tamén se demostra que estamos a levar unha oposición en positivo. Cando nos deixaron facer algunha proposta na negociación conseguimos unha boa inversión para mellorar o deporte focense”.
Castiñeira engadiu que “en contraste está a xestión do BNG, que no seu momento foi socio do goberno durante seis anos e apenas conseguiron inversións en temas deportivos, que era precisamente unha das súas áreas”.
“O Partido Popular está satisfeito e esperamos que canto antes se saque a licitación, para que estas novas inversións estean para polo menos iniciar a próxima temporada con ese novo céspede de última xeración e o poidan disfrutar todos os deportistas de todos eses clubs, que están facendo un traballo estupendo, especialmente as súas directivas”, rematou o voceiro do PP.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



