Critican que o Concello dependa por completo de SOGAMA, malia os incrementos de custes e sancións ambientais
Xove, 6 de novembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Xove rexeitou no Pleno extraordinario celebrado o mércores a proposta do goberno local do PP para incrementar de media nun 84% a taxa de recollida e tratamento do lixo, unha medida que consideran “inxusta, desproporcionada e consecuencia directa da falta de xestión de Demetrio Salgueiro e do seu equipo”.
Segundo explican, o Concello xustifica o incremento pola adaptación á normativa europea sobre residuos, mais “nin o PP de Xove nin a Xunta fixeron os deberes”. “Estamos de acordo co espírito da lei, que busca aplicar o principio de que quen contamina paga, pero o que non pode ser é que a inacción do PP se traduza nun novo golpe aos petos da veciñanza”, sinalan.
O PSdeG advirte de que a medida supón un forte impacto económico nas familias e nos pequenos negocios. As vivendas urbanas pasarán de pagar 48 a 88 euros anuais (+83%), mentres que as rurais subirán de 36 a 60 euros (+68%). No sector da hostalaría, os bares e restaurantes en zona rural serán os máis prexudicados, con incrementos que superan o 300%. Ademais, a suba tamén afectará a outros establecementos e empresas locais, que verán encarecido o custo dos servizos sen melloras aparentes na xestión do lixo.
Os socialistas lembran que SOGAMA incrementou os seus custes nun 60% nos últimos dous anos, ao tempo que continúa incinerando residuos en lugar de reciclalos, acumulando sancións ambientais que acaban repercutindo nos concellos. “A mala xestión da Xunta e de SOGAMA, sumada á pasividade do alcalde, fan que agora sexan os veciños os que paguen a factura”, denuncian.
Sen políticas de redución nin reciclaxe
Desde o PSdeG acusan ao goberno local de “limitarse a colocar contedores de cores mentres presume de reciclaxe”, sen desenvolver ningún programa de redución de lixo, compostaxe nin campañas informativas sobre sustentabilidade ou cambio climático. “Colocar catro contedores non é facer reciclaxe, é postureo”, critican.
Ademais, advirten de que a zona rural de Xove segue sen medidas reais de compostaxe nin alternativas para a separación de residuos, o que amosa a falta de planificación e compromiso do executivo do PP.
Falta de control e improvisación
A falta de planificación do goberno do PP volveuse poñer de manifesto neste pleno extraordinario, no que tamén se trataron asuntos como a modificación de créditos ou a adecuación de postos de traballo.
“Cada dous meses o Concello ten que mover partidas dun lado a outro porque non existe unha folla de ruta nin unha previsión seria dos gastos”, critican. “É o reflexo dun goberno esgotado, sen proxecto e que só xestiona a golpe de improvisación”.
Ademais, denuncian que o executivo de Demetrio Salgueiro acumula cinco dedicacións políticas para un concello de apenas 3.300 habitantes “sen que se vexan resultados nin melloras na vida da veciñanza”.
Compromiso socialista
“Desde o PSdeG-PSOE de Xove imos seguir defendendo os intereses da veciñanza sen afogala con impostos como está a facer o PP, porque esta suba de lixo é a consecuencia dun modelo de goberno baseado na deixadez, a falta de ideas e o abandono das políticas ambientais”, conclúen.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



