Na presentación do novo Punto Violeta, na que a subdelegada estivo acompañada polo director, Antonio Graña, destacaron a predisposición do persoal para actuar seguindo o protocolo sinalado na formación que recibiron
Lugo, 7 de novembro de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou hoxe o Punto Violeta do Parador de Turismo de Vilalba, un espazo seguro e identificado que ofrece información e apoio ás mulleres que poidan atoparse en situacións de violencia de xénero. No acto estivo acompañada polo director do Parador de Vilalba e Ribadeo, Antonio Graña.
Durante a presentación, Olimpia López destacou que a implicación de Paradores na loita contra a violencia machista é un exemplo de compromiso social e institucional, e subliñou que “cada novo punto de información é unha oportunidade para previr todo tipo de violencias contra as mulleres e reforzar a súa rede de protección”.
A subdelegada explicou que o obxectivo do Goberno é ampliar e descentralizar os espazos de atención e información, levando a sensibilización e os recursos de apoio a todos os ámbitos da vida cotiá, tamén aos relacionados coa hostalaría e o turismo.
Ademais, lembrou que o Goberno de España segue traballando “para consolidar unha rede institucional activa, accesible e próxima ás persoas, que garanta que calquera muller poida atopar apoio e orientación ante unha situación de violencia”.
O Punto Violeta é unha iniciativa promovida polo Ministerio de Igualdade que busca implicar á cidadanía na loita contra a violencia machista, ofrecendo información clara sobre como actuar ante un caso e acompañando ás vítimas no seu proceso de protección e recuperación.
Os establecementos que se van sumando contan con diversos materiais informativos, entre eles a Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista, carteis e adhesivos con código QR que permiten acceder directamente a información práctica sobre recursos institucionais, así como distintivos identificativos que sinalan o lugar como espazo seguro.
O persoal do Parador recibiu formación específica para seguir o protocolo de actuación ante posibles situacións de violencia de xénero. “A súa sensibilización e disposición para colaborar é esencial para que ningunha muller se sinta soa ou desprotexida”, indicou López.
Unha rede en expansión en Lugo
O novo Punto Violeta do Parador de Vilalba súmase aos xa implantados na provincia de Lugo nas sedes da Subdelegación do Goberno (Rexistro e Estranxeiría), no SEPE, na Axencia Tributaria, en Muface, e nas oficinas do INSS e da TGSS.
Ademais, a subdelegada anunciou que, no marco da programación de novembro, presentaranse novos Puntos Violetas na sede de UGT Lugo e xunto ao Colexio Oficial de Farmacéuticos, ampliando así a colaboración social e institucional na loita contra a violencia machista.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



