Os equipos traballan sen interrupción dende a madrugada, con intervencións que se centran en despexar a neve da vía, rescates de vehículos atrapados e a retirada do arboredo caído. A previsión é recuperar a maior parte da rede viaria provincial ao longo da mañá deste luns
Lugo, 22 de decembro de 2025. A Deputación de Lugo reforzou nas últimas horas o seu dispositivo especial de vialidade invernal para garantir a seguridade e a circulación nas estradas provinciais, tras un episodio de nevadas xeneralizadas que afectou practicamente a toda a provincia, con especial incidencia en zonas de media e alta montaña debido ás baixas cotas de neve, situadas arredor dos 600 metros.
O operativo provincial leva traballando de xeito continuado dende as 7.00 horas deste domingo, interrompendo a súa actividade ás 21.00 horas e retomándoa novamente ás 3.00 da madrugada para atender unha emerxencia na LU-P-4504, onde foi necesario rescatar un vehículo atrapado pola neve no que viaxaban menores de idade. Dende ese momento, os equipos continúan traballando sen interrupción para despexar as vías e garantir a súa seguridade.
Este mesmo domingo, a institución provincial reforzou o dispositivo inicial, que actualmente conta cun total de 16 máquinas quitaneves, 16 vehículos de apoio e 64 operarios, tras a incorporación de 16 efectivos máis, e a ampliación dos medios materiais con 8 vehículos adicionais dotados de equipamento específico para a retirada de árbores e pólas, co obxectivo de facilitar o paso das quitaneves e acelerar a reapertura das estradas.
As tarefas céntranse especialmente nos concellos situados a maior altitude, aínda que a neve obrigou a actuar tamén en vías do cinto comarcal, como a LU-P-1611, ao seu paso polo municipio de Castroverde. As únicas comarcas que non se viron afectadas de maneira significativa por este episodio foron A Mariña e A Ribeira Sacra.
Máis de 30 vehículos retirados
Nas últimas horas, os efectivos do dispositivo provincial tiveron que auxiliar e retirar da calzada arredor de 30 vehículos, tanto de persoas que non podían acceder ás súas vivendas como de condutores que se desprazaron á zona da Montaña atraídos pola presenza de neve. A Deputación de Lugo fai un chamamento á responsabilidade nos desprazamentos, co fin de non dificultar os traballos de limpeza e garantir a seguridade viaria.
Ademais da acumulación de neve, os equipos están a facer fronte á caída de arboredo e pólas debido ao forte peso da neve nas copas das árbores. No concello do Incio, por exemplo, a caída de árbores afecta a varias estradas provinciais, polo que se prevé que os labores de limpeza se prolonguen durante algunhas horas máis ata poder restablecer completamente a circulación.
Noutro punto da rede viaria, na LU-P-5713, que conecta Sarria con Piñeira, foi necesario intervir tras o desprendemento parcial da fachada dun edificio, que provocou a caída de cascallos sobre a estradas, obrigando a realizar tarefas de limpeza da vía.
Os traballos continuarán ao longo da mañá, coa previsión de que a maior parte da rede de estradas provinciais poida quedar aberta ao tráfico cara ao mediodía, sempre en función da evolución das condicións meteorolóxicas.





















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



