Como cada ano será un encontro para celebrar o talento emprendedor
Xove, 7 de decembro, 2025. O Concello de Xove, a través do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, organiza a VII Gala do Emprendemento Local, un evento que busca poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado da comarca.
Nesta edición, o público poderá coñecer de primeira man dúas experiencias inspiradoras:
CASA LABRADELA
• José Ángel e Shaila García González contarán como decidiron diversificar a explotación familiar introducindo a cría de porco celta e profesionalizándose na apicultura.
• Compartirán o día a día nunha parcela de 9 hectáreas, a satisfacción de manter vivo o legado familiar e os retos de transmitir á seguinte xeración o valor dun rural sostible.
ESTÉTICA MARTA
• Marta Louzao Gato falará da súa aposta polo autoemprego en 1988, cando con só 18 anos abriu o seu centro de estética en Xove.
• Explicará como o negocio evolucionou ata converterse nun referente que xera 3 postos de traballo, baseado na proximidade, a formación continua, a calidade e a confianza.
Valores que inspiran
A gala é un espazo para destacar:
O emprendemento feminino
.O desenvolvemento sostible
O talento e a creatividade
A lingua galega
O compromiso co rural e co comercio local
Un cabaret emprendedor Este ano, o Salón de Actos converterase nun cabaret, porque así é emprender: saír a escena sen rede, con ilusión, con maquillaxe e tamén con feridas.
• Presentación: Alcalde José Demetrio Salgueiro Rapa
• Mestre de cerimonias: Dani Ríos, músico, cantante e showman, que guiará a gala con humor e cancións.
• Actuación musical: soprano Monserrat Expósito Cao acompañada ao piano por Martín Buchi Zimerman
• Número de danza: interpretado e coreografado por Elsa Palacios Gómez
Asesoramento para emprender
O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local lembra que non chega con ter unha boa idea: é preciso avaliala e transformala nun Plan de Empresa viable. Por iso, ofrece asesoramento a todas aquelas persoas que desexen dar forma ao seu proxecto.
Unha cita aberta a toda a veciñanza e ao público en xeral.
Venres, 12 de decembro
20:30 h
Salón de Actos Municipal de Xove
Entrada libre e gratuíta ata completar aforo (apertura de portas ás 20:15 h)






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



