A Fundación Expomar organizou este xoves 11 de decembro a terceira edición do “Día do Orgullo Mariñeiro”, que volveu combinar a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar
Burela, 12 de decembro, 2025. Burela volveu reivindicar a súa identidade mariñeira coa celebración do III “Día do Orgullo Mariñeiro”, unha iniciativa da Fundación Expomar en colaboración co Concello de Burela e a Consellería do Mar, no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
A cita, creada hai dous anos, busca poñer en valor a cultura mariñeira local, sustentada en máis de cen anos de historia da confraría, o peso da lonxa a nivel rexional, estatal e europeo, o papel dos provedores locais e a tradición estaleira, entre outros activos que definen a identidade marítima de Burela.
A xornada desenvolveuse en tres escenarios ao longo do día: centros educativos e sociais da Mariña, a Casa da Cultura e a Praza da Mariña.
Orgullo Mariñeiro nas Escolas: máis de 1.000 racións de pota
Ao mediodía arrancou a iniciativa “Orgullo Mariñeiro nas Escolas”, coa distribución de máis de 1.000 racións de pota da lonxa de Burela nos comedores de once centros públicos da Mariña Lucense. Este ano sumáronse tamén os comedores da Fundación Eu Son (Burela) e da Asociación Saúde Mental A Mariña (Cervo).
Os menús especiais chegaron aos centros de Burela, Barreiros, Foz, Muras, San Cibrao e Viveiro, incluíndo escolas infantís, CEIPs e IES.
Para coñecer de primeira man a acollida da iniciativa achegáronse aos comedores representantes da Xunta, do Concello de Burela e da Fundación Expomar, entre eles Cándido Rial, Carmela López, Ramiro Fernández, Mario Pillado e José M. González “Brais”.
A Muller e o Mar: voces en primeira persoa
Pola tarde celebrouse na Casa da Cultura a charla-coloquio “A muller e o mar”, protagonizada por profesionais vinculadas aos oficios mariñeiros: armadoras, estibadoras, redeiras e representantes da Administración.
Moderado por Rosa Ana González (GALP A Mariña-Ortegal), o encontro contou con:
• Begoña Pernas, presidenta da Cooperativa de Estibadoras de Burela
• María del Mar Febrero, presidenta da Asociación de Redeiras
• Mª Eugenia González, armadora
• Ángeles Vázquez Suárez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
As participantes reflexionaron sobre catro eixos —Por que son do mar?, Retos diarios, Relevo feminino e Futuro azul— coincidindo na necesidade de máis formación, apoio ao emprendemento e axudas ao sector, lembrando que todas forman parte dunha mesma cadea produtiva.
O acto pechouse coas intervencións de Carmela López e Ángeles Vázquez, que apelaron ao orgullo mariñeiro de Galicia, da Mariña e de Burela, especialmente das súas mulleres do mar. As actuacións de Arumiños ACM Arume e do grupo infantil da SCR Ledicia abriron e clausuraron o encontro.
Festa popular na Praza da Mariña
Como é tradición, o Día do Orgullo Mariñeiro rematou na carpa de Nadal da Praza da Mariña cunha festa gastronómica do “Peixe de Burela”. O público puido degustar gratuitamente salpicón de pescada do pincho, empanada de bonito do norte e pota en salsa.
A celebración contou cunha nova actuación especial de “Cantiños Osa do Mar”, desta volta a cargo do grupo xuvenil Blood Skeleton.



















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



