Unha programación completa con música, actividades infantís, propostas deportivas, tradicións e o festival Callo Fest para despedir o ano
Cervo, 5 de decembro do 2025. O Concello de Cervo vén de presentar o seu programa de Nadal, unha proposta ampla e diversa que combina tradición, cultura, deporte e diversión para todos os públicos.
Na presentación, na Plaza do Concello, participaron a alcaldesa, membros do equipo de goberno e representantes das asociacións que colaboran na organización das numerosas actividades previstas, reforzando unha vez máis o carácter participativo e comunitario que define ao noso Concello.
A alcaldesa destacou que “trátase dun programa variado, pensado para que todas as persoas, independentemente da súa idade, poidan atopar propostas para gozar destas festas. É tamén unha forma de dinamizar o noso concello, promover a convivencia e apoiar ao comercio e ao asociacionismo local, que son fundamentais para que Cervo siga medrando con forza”.
A programación comezará este sábado 6 de decembro coa elaboración dos Beléns de plastilina -ás 12:00 horas no Concello e ás 17:00 horas na Casa da Cultura- e co acendido do Belén feito con papel reciclado de xornal da Asociación de Mulleres de San Cibrao, que será ás 18:00 horas, na Casa do Mar.
O 13 de decembro celebrarase o Mercado de Nadal na Praza do Souto, organizado por Airiños do Xunco co apoio do Concello, e o 17 de decembro terá lugar o Día do Soci@ do CIT no local da asociación. Durante esas datas, Papá Noel e o seu Elfo visitarán centros educativos, a escola infantil, o CDR, e rúas do municipio en diferentes xornadas organizadas polo Concello de Cervo e tamén por diferentes asociacións do municipio.
O programa continuará con propostas moi variadas, como o Interactive Super Grid e a pista multiobstáculos para os días 20 e 21 de decembro, na Praza dos Campos, o Guategue Arruguiñas de Nadal o día 20 organizado polo Concello e a Asociación Terramar na Casa do Mar, a Visita de Papá Noel a Rúa o día 21 organizada pola Asociación de Veciños de Rúa en colaboración co Concello, e a Merenda e Visita de Papá Noel a Trasbar tamén o día 21 organizada pola Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar, igualmente co apoio municipal.
Ese mesmo domingo, día 21 de decembro, terá lugar a tradicional Gala de Nadal, nesta ocasión no salón de actos do Concello, a partir das 19:30 horas, coa participación dos diferentes grupos musicais e de baile do Concello.
Os días 22, 23 e 24 desenvolveranse as actividades xuvenís do Tren de Nadal e o Downhill Rollerball, , e o día 23 celebrarase a festa acuática na piscina municipal. O 24 será a quenda do Noiteboa Infantil na Praza do Souto, organizado pola Fervenza de Sargadelos en colaboración co Concello.
Un dos pratos fortes da programación chegará o 26 de decembro co Callo Fest, organizado por Amigos da Troula co apoio do Concello de Cervo, que reunirá na Praza dos Campos a Aphonnic, Black Back Band, Not Yet e Until Dawn para ofrecer unha noite de música enérxica e bo ambiente. O tributo a AC/DC de Black Back Band será o prato forte dunha cita que recupera os tradicionais callos de balde e que incluirá o xa clásico ensaio das badaladas de fin de ano á media noite.
O día 27 o Mago Jorge representará o seu espectáculo Magicamente, no salón de actos da Casa do Mar, ás 19:00 horas.
Os días 29 e 30 haberá actividades xuvenís con sesións NERF, talleres de tatuaxes e de chapas, organizadas polo Concello na Praza do Souto; e o día 30 tamén se celebrará un novo Guategue de Arruguiñas no CDR que tamén desfrutará dunha representación teatral o día 28 de decembro pola mañá.
O 31 de decembro instalaranse as alfombras de baile na Praza dos Campos pola mañá e na Praza dos Souto á tarde; e tamén será o día da Carreira Popular San Silvestre – A Fume de Carozo, organizada por Fume de Carozo coa colaboración do Concello, que partirá ás 12:00 horas da Praza dos Campos. Esa mesma noite celebrarase a Xuntanza e brindis de Fin de Ano no local social de Trasbar, organizada pola Asociación Veciños do Burgo de Trasbar.
Xa en xaneiro, o día 3 haberá un espectáculo infantil na Praza dos Campos, ás 19:30 horas, e o 4 un show de maxia e un concerto para todos os públicos, na Praza do Souto, organizados polo Concello de Cervo en colaboración con Airiños do Xunco.
O día 5 celebraranse as tradicionais Cabalgatas de Reis: en San Cibrao, ás 18:00 horas organizada polo Concello e coa colaboración da Asociación de Mulleres de San Cibrao e a ANPA do CEIP Península da Paz, con remate e recepción real na carpa instalada na Praza dos Campos e chocolatada con biscoito caseiro e bocadillos de salchicha da man da asociación cultural Comisión de Festas de Lieiro; e en Cervo, a partir das 19:30 horas organizada por Airiños do Xunco en colaboración co Concello, cun percorrido polas rúas e chegada á Praza do Souto.
Como peche, o 25 de xaneiro celebrarase no pavillón do CEIP Península da Paz o Campionato de Kata e Exhibición Técnica, da Federación Galega de Karate e o departamento galego de Nihon Taijitusu, co apoio do Concello.
Ademais, haberá Brincos de Nadal, como actividade de conciliación, o día 27 de decembro, ás 12:00 horas, nas Escolas Vellas de Cervo, e ás 17:00 horas na Casa da Cultura; e tamén o día 2 e 3 de xaneiro, nos mesmo horarios e lugares.
O Concello de Cervo anima a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente neste programa pensado para ofrecer alternativas de ocio variadas, de calidade e creadas para favorecer a convivencia e o espírito festivo que caracteriza estas datas.






















O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.



