Cervo, 2 de decembro de 2025. O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo denuncia a grave situación que veñen sufrindo as traballadoras e traballadores de Sargadelos, que desde o pasado xoves acudiron cada día ao seu posto de traballo e atoparon a fábrica pechada, sen información, sen comunicación oficial e sen ningunha garantía sobre o seu futuro laboral. Os socialistas consideran “inxusto, inhumano e inaceptable” que unha empresa emblemática de Galicia trate así ao seu persoal, deixando durante días a decenas de familias nunha incerteza absoluta.
Segundo relatan as propias empregadas e empregados, o pasado xoves foron obrigados a abandonar as instalacións e desde entón non recibiron comunicación oficial por parte da dirección. A fábrica permaneceu pechada, sen explicacións nin previsión de reapertura, xerando un escenario de incerteza e preocupación que golpeou de cheo a decenas de familias da Mariña.
Presenza socialista e apoio directo ao persoal
Responsables municipais e orgánicos do PSdeG na Mariña acudiron tanto onte como esta mañá á fábrica para coñecer de primeira man o acontecido e trasladar o seu apoio ao persoal afectado. Entre eles, a Delegada comarcal do PSdeG na Mariña, María Loureiro; o Secretario Xeral de Cervo, Francisco Mon; o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto; a Alcaldesa de Burela, Carmela López; a Secretaria Xeral do Vicedo; así como concelleiras e concelleiros de Mondoñedo e Cervo.
Os socialistas subliñan que a prioridade nestes momentos é estar ao lado do persoal, trasladar apoio e escoitar as súas preocupacións nun momento de enorme incerteza. “O que se viviu estes días é profundamente inxusto. Non se pode deixar a decenas de traballadoras e traballadores sen explicacións, sen resposta e sen saber que vai pasar co seu posto de traballo”, destacan.
Un comportamento empresarial inaceptable
O PSdeG insiste en que esta situación non é un episodio illado, senón unha forma de actuar que deixa ás persoas completamente desprotexidas. “O persoal quedou á súa sorte, sen información, sen garantías e sen os mínimos estándares de transparencia que debe cumprir calquera empresa. A xestión destes días é inadmisible e impropia dunha compañía histórica para Galicia”, engaden.
O anuncio de reapertura non resolve a situación
Tras días de silencio, o propietario de Sargadelos anunciou hoxe que prevé reabrir a planta de produción en Cervo. Porén, para os socialistas este anuncio non resolve a situación creada: o que se di é incomprensible e inxustificable despois de varios días mantendo ao persoal nunha indefensión absoluta.
“A día de hoxe, a plantilla continúa sen recibir unha notificación oficial que explique que pasou estes días, por que se pechou a fábrica e en que condicións se vai retomar a actividade. Tampouco se detallaron as supostas actuacións en materia de salubridade ou prevención de riscos que permitirían reabrir as instalacións”, denuncian.
“O anuncio realizado hoxe non vén acompañado de información nin de medidas verificables. Non é posible pedir confianza a un persoal que leva días sen respostas. Primeiro hai que dar explicacións e garantir dereitos, e despois abrir portas”, subliñan desde o PSdeG.
Os socialistas inciden tamén en que seguen agardando saber como se van recuperar as condicións laborais afectadas e a situación das nóminas destes días. “É imprescindible que ningún traballador quede prexudicado, nin económica nin laboralmente. A reapertura non pode ser un borrón e conta nova”, engaden.
A Xunta debe actuar con rigor e responsabilidade
O PSdeG-PSOE lembra que a Xunta de Galicia ten competencias directas en materia industrial e en prevención de riscos laborais, polo que non pode limitarse a avalar anuncios sen supervisión nin información detallada.
“A administración autonómica debe actuar con rigor, garantir o cumprimento da legalidade e asegurar que o persoal traballa con seguridade e estabilidade. O que non pode facer a Xunta é mirar cara outro lado mentres unha empresa deixa ás traballadoras nunha situación límite”, advirten.
Os socialistas engaden que este episodio volve evidenciar a falta dunha política industrial seria na Mariña. “Alcoa leva anos nunha incerteza permanente e agora sumamos este novo capítulo en Sargadelos. A pregunta é clara: que alternativas industriais ten a Xunta para a comarca?”.
Compromiso firme co persoal de Sargadelos
O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo reitera o seu apoio absoluto ás traballadoras e traballadores de Sargadelos e comprométese a manterse vixiante ata que se dea unha solución definitiva, digna e transparente. “Sargadelos forma parte da identidade de Galicia, pero quen a sosteñen son as persoas. A súa dignidade laboral e a súa seguridade son o primeiro. Seguiremos ao seu lado ata que esta situación quede completamente resolta”, conclúen.





















Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.
O distintivo, concedido por ADEAC, recoñece a excelencia ambiental e a xestión sostible do territorio.En 2026 o programa acada cifras récord, con máis de 1.200 km de sendeiros en 154 municipios. A senda franquía destaca pola súa calidade paisaxística e ambiental, ao unir Castello e Porcía a través de acantilados, praias e espazos de alto valor ecolóxico. Este recoñecemento reforza o compromiso de El Franco cun modelo que combina conservación, educación ambiental e turismo sostible, situando o concello na rede estatal de itinerarios de excelencia. A entrega oficial das bandeiras será o 6 de marzo no Castelo de Cullera.
Sinalaron que conta cunha Indicación Xeográfica Protexida con case 70 hectáreas cultivadas, 194 produtores e máis de 215.000 kg certificados en 2025, cun valor superior aos 430.000 euros. Tamén subliñaron que forma parte dos 36 selos de calidade de Galicia e que festas como esta dinamizan o rural e favorecen a venda directa entre produtores e consumidores.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.



