O sector primario segue a ser estratéxico na provincia, cunha reagrupación das explotacións gandeiras que mellora a eficiencia, o rendemento e consolida o territorio como referencia estatal na produción láctea
Lugo, 23 de decembro de 2025. A Deputación de Lugo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), presenta Lugo, Informe Anual 2025, unha publicación que recompila os principais indicadores demográficos, laborais, empresariais, turísticos e macroeconómicos da provincia, co obxectivo de ofrecer unha radiografía rigorosa, actualizada e completa da realidade socioeconómica lucense.
Desde a Deputación de Lugo destácase o valor desta publicación como unha ferramenta de análise e referencia para a cidadanía, as empresas e as institucións públicas á hora de avaliar a situación da provincia e fundamentar a toma de decisións. A institución provincial salienta, ademais, a importancia da colaboración público-privada que fai posible este informe, froito do traballo conxunto coa CEL, e que permite dispor ano a ano dunha diagnose fiable da evolución económica e social de Lugo.
O informe recolle dúas tendencias especialmente relevantes. Por unha banda, o crecemento das empresas de tamaño medio, tanto das que contan con ata 50 persoas traballadoras como das que se sitúan entre 50 e 250, o que pon de manifesto a capacidade do tecido produtivo provincial para medrar, profesionalizarse e xerar emprego estable. Por outra, no medio rural obsérvase unha progresiva reagrupación das explotacións gandeiras en unidades de maior tamaño, un proceso que reflicte o traballo das novas xeracións de gandeiros e gandeiras, con formación, manexo das novas tecnoloxías e unha clara aposta pola modernización do agro para competir con éxito nos mercados.
Identidade económica e social sólida
Á luz dos datos recollidos en Lugo, Informe Anual 2025, a provincia continúa a amosar unha identidade económica e social sólida, caracterizada por un tecido produtivo resiliente, un mercado laboral que mantén o crecemento do emprego e unha sociedade que, malia o acusado envellecemento poboacional, segue a avanzar en benestar e rendemento económico.
No ámbito económico e laboral, Lugo pechou o ano 2024 cunha taxa de paro do 6,99 %, situándose por debaixo das medias galega (8,67 %) e estatal (11,35 %). O número de persoas ocupadas acadou as 139.400, cunha distribución sectorial que reafirma o peso dos servizos (63,2 %), seguidos da agricultura (15,2 %), a industria (15 %) e a construción (6,6 %).
A contratación mantívose estable respecto a 2023, con 72.494 contratos rexistrados, dos cales o 34 % foron indefinidos. O avance da contratación indefinida consolídase especialmente nos contratos por circunstancias da produción, que supoñen máis da metade das conversións.
A afiliación á Seguridade Social tamén presenta un comportamento positivo. En 2024 rexistráronse 125.319 persoas afiliadas, e o peso do traballo autónomo en Lugo (24,9 %) sitúase claramente por riba do conxunto de Galicia (19,1 %), o que evidencia o marcado carácter emprendedor da provincia e a relevancia das pequenas empresas e das actividades familiares. En materia de pensións, Lugo contabiliza 113.091 prestacións, cunha pensión media de 983,9 euros, un dato que reflicte a estabilidade do sistema e o seu impacto directo sobre o consumo interno.
Tecido empresarial
O tecido empresarial lucense está integrado por arredor de 22.600 empresas, das cales o 97 % son microempresas, aínda que o número de sociedades de tamaño medio continúa a medrar. Entre 2022 e 2023, as empresas de 10 a 49 traballadores aumentaron un 4,7 %, mentres que as de 50 a 249 traballadores creceron un 8,4 %, unha evolución que apunta cara á consolidación e á profesionalización progresiva do tecido produtivo.
O sector primario mantén un papel estratéxico na economía provincial, cunha progresiva concentración das explotacións gandeiras en unidades de maior dimensión e rendemento, o que sitúa a Lugo como unha das provincias de referencia na produción láctea.
No ámbito do turismo, a actividade consolidouse tras a recuperación pospandemia. En 2023, o grao de ocupación hoteleira situouse no 33,7 %, cunha estancia media de 1,69 días. No turismo rural, a ocupación foi do 15,5 %, cunha estancia media de 1,9 días, mentres que os apartamentos turísticos rexistraron un 26,8 % de ocupación, cunha media de 3,2 días por visitante. Estes datos reflicten un fluxo estable e un interese crecente polo turismo de natureza e polo patrimonio histórico e cultural da provincia.
En canto aos prezos e á actividade macroeconómica, o IPC en Lugo moderouse ata o 3,1 % en 2023, en liña coas medias galega e estatal. O PIB provincial acadou os 7.395 millóns de euros, cun predominio claro do sector servizos (64,6 %), seguido da industria (11,7 %), os impostos netos (9,5 %), a agricultura (8,8 %) e a construción (5,4 %). A estrutura económica amosa así unha diversificación sostida e unha base produtiva que combina tradición e innovación.
Reto demográfico
Os datos menos favorables concéntranse no ámbito demográfico. Lugo mantén unha estrutura poboacional fortemente marcada polo envellecemento: case o 7 % da poboación ten 85 ou máis anos, unha proporción superior ás medias galega e estatal, mentres que só o 2,8 % corresponde a nenos menores de 4 anos. O descenso da natalidade non se compensa completamente co incremento da poboación de orixe estranxeira, aínda que esta achega vitalidade económica e cultural a numerosos concellos. A composición dos fogares tamén evoluciona: as parellas con fillos seguen a ser o tipo máis frecuente (26,5 %), pero medran os fogares unipersoais (23 %) e as parellas sen fillos (25 %), reflexo dos cambios sociais e das novas dinámicas residenciais.
Retos de futuro
A análise conxunta destes indicadores permite concluír que Lugo afronta o futuro desde unha posición de equilibrio, cun mercado laboral estable, unha economía diversificada e unha mellora progresiva dos niveis de renda. O principal desafío continúa a ser demográfico, aínda que tamén representa unha oportunidade para atraer novos proxectos e poboación activa. A cooperación institucional, a innovación empresarial e o aproveitamento do talento local serán claves para seguir construíndo unha provincia dinámica, sostible e competitiva, orgullosa da súa identidade e aberta ao mundo.
Impreso e dixital
A publicación Lugo, Informe Anual 2025 conta con exemplares impresos, dispoñibles na sede central da CEL, e pode descargarse tanto na web da entidade, www.cel.es, como no portal https://lugoencifras.org/. Para a elaboración deste estudo analizáronse as fontes oficiais máis recentes —INE, IGE, SEPE, Banco de España e Ministerio de Traballo e Economía Social—. O informe 2025, pechado entre os meses de outubro e novembro antes da súa remisión a maquetación, recolle maioritariamente datos correspondentes ao exercicio 2024, aínda que nalgúns indicadores se incorporan cifras de anos anteriores (2023 ou mesmo 2022), sempre en función do peche das fontes consultadas e empregando exclusivamente datos consolidados.



















O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.



