A Xunta de Voceiros acordou este xoves o documento, asinado polos diferentes grupos políticos, no que a institución comprométese a traballar para “lograr espazos de participación para todas, reforzando a colaboración e o seu liderado”
Lugo,19 de febreiro de 2026. A Xunta de Voceiros da Deputación, convocada este xoves pola Presidenta Carmela López, aprobou unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller que se celebrará o vindeiro 8 de marzo. O documento deste ano, centrado nas mulleres que sosteñen a administración local, conta co apoio de todos os grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- e do deputado non adscrito.
“Desde a Deputación de Lugo queremos poñer o acento nese labor imprescindible, e non sempre recoñecido, das xestoras públicas”, aborda o texto. Mulleres que sosteñen a administración local desde os espazos de responsabilidade e desde os equipos técnicos. “Falamos de mulleres traballando en ámbitos e funcións chave na xestión provincial como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade”, destaca o documento.
Baixo o título de As mulleres, xestoras do cambio a Deputación de Lugo comprométese a traballar para “lograr espazo de participación para todas, reforzando a colaboración e o seu liderado”.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
A conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, permítenos lembrar, reivindicar e facer balance dos avances acadados. Unha data mundialmente rememorada na que a ONU, neste 2026, une a mulleres e nenas para esixir igualdade real de dereitos e unha xustiza para facer valer, exercer e desfrutar eses dereitos.
No ámbito provincial, falar de igualdade significa falar de milleiros de mulleres implicadas ao longo dos anos que deixaron e deixan o mellor do seu talento e da súa capacidade ao servizo da veciñanza con responsabilidade, bo facer e rendición de contas. Un traballo cotiá que mantén en pé a Deputación de Lugo e garante que os servizos públicos cheguen a todas as persoas.
Desde a Deputación de Lugo queremos poñer o acento neste labor imprescindible, e non sempre recoñecido, das xestoras públicas. Mulleres que dende os espazos de responsabilidade, e tamén dende os equipos técnicos, sosteñen a administración local e participan nos procesos máis esixentes que afrontan hoxe os gobernos máis próximos á cidadanía.
Falamos de mulleres traballando en ámbitos e funcións chave na xestión provincial como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade. Un traballo constante e rigoroso, absolutamente esencial para garantir a continuidade, a estabilidade institucional e a mellor atención, mesmo en situacións complexas como recentemente aconteceu coa pandemia do Covid.
Na actualidade, esta experiencia resulta determinante para facer fronte a un dos maiores desafíos do municipalismo como foi a xestión dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, coñecidos como Next Generation EU. Nunca antes os concellos e deputacións tiveran que xestionar recursos de tal dimensión, cunha esixencia técnica que require coñecemento normativo, vangarda, organización, coordinación e unha planificación precisa. En Galicia, unha parte moi significativa desta responsabilidade recae nas mulleres.
Ese foi o motivo de poñer este 8M o foco nas mulleres como xestoras transformadoras dos seus pobos e cidades, facendo gala dun compromiso e coñecemento do territorio que posibilita que os investimentos non se concentren só nos grandes núcleos urbanos, senón que contribúan á cohesión territorial de toda Galicia e a un desenvolvemento máis equilibrado.
Este liderado político e institucional implica tomar decisións, establecer prioridades e garantir a transparencia no uso dos recursos públicos, con rigor e unha base sólida que reforza a confianza da cidadanía nas institucións.
En todos os contextos políticos, a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas. Non hai política sen igualdade, non hai xestión sen mulleres, non hai democracia real sen paridade.
Por todo iso, debemos seguir defendendo o feminismo como un movemento político, social e cultural civilizatorio, indispensable para combater todas as formas de desigualdade, discriminación e violencia. É indispensable para reforzar a participación activa das mulleres na política, pero tamén na economía, na educación, na investigación e na tecnoloxía. E por suposto, é imprescindible para fornecer e ampliar a actual axenda pública con novas respostas a vellas preguntas, con novas solucións para vellos problemas.
Neste 8 de marzo, dende a Deputación de Lugo:
. Reafirmamos o noso compromiso para seguir visibilizando ás mulleres como xestoras do público, exercendo o poder e eliminando barreiras que aínda dificultan o seu acceso a postos de responsabilidade.
. Seguiremos loitando por un modelo provincial de desenvolvemento sostible, social, económico e medioambiental, centrado nas persoas, con perspectiva de xénero, con miradas máis plurais e coa igualdade impregnando a organización e a xestión dos concellos.
. Traballaremos para lograr espazos de participación para todas, e reforzando a colaboración e o liderado de todas elas.
. Avanzar para que os retos e desafíos que temos por diante se afronten dende o principio de igualdade, recoñecendo ás mulleres non só como protagonistas senón como xestoras do cambio, responsables directas de construír, dende o ámbito provincial, un mellor futuro.
. Invitámosvos a que durante todo o ano, pero especialmente nestas datas tan simbólicas, estimulemos conxuntamente a visibilización destes logros escritos co nome de centos de mulleres.
Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso ao fronte. Fronte á ola que nos envolve no momento actual, FIRMEZA nos logros e avances sen perder de vista o que nos queda por facer.



















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



