Aprobada a listaxe coas 135 entidades admitidas que participarán por primeira vez na nova edición do Coñece a túa Provincia, o programa de viaxes gratuítas da institución para fomentar o turismo de proximidade e apoiar ao sector hostaleiro e comercial
Lugo, 20 de febreiro de 2026. A Xunta de Goberno aprobou estes venres novos investimentos por un importe conxunto que supera os 700.000€ para continuar mellorando a mobilidade na provincia, neste caso, co acondicionamento de vías municipais e provinciais nos concellos de Negueira de Muñiz, O Vicedo e Muras. “Estas intervencións responden ao compromiso firme deste Goberno de garantir a seguridade nos máis de 4.200 quilómetros que ten a rede viaria provincial e coa cooperación cos concellos especialmente os máis pequenos e das zonas rurais, tal e como vimos demostrando cada venres nesta Sala de Xuntas”, informou tras a reunión semanal a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto.
En concreto, en Negueira de Muñiz arranxaranse dúas vías municipais cun orzamento total de 345.744€. Unha das vías é a une este pequeno municipio da Montaña con Seira e a outra a que vai de Carballín a Bustelo. As actuacións en ambos casos consistirán na reapertura de cunetas e na pavimentación do firme con aglomerado en quente. Terán un prazo de execución de 2 meses.
No Vicedo, quedaron licitadas tamén as obras de acondicionamento en dous treitos da LU-P-6405, que é a estrada que vai desde o municipio mariñán pasando por Vilasuso ata o Alto de Moreiras. “Son unhas obras moi importantes porque este alto é un punto de interese turístico no municipio que conta cunha área recreativa e cun miradoiro con vistas á ría do Barqueiro e á afamada Illa Colleira”, resaltou García Porto.
Os traballos afectarán a un primeiro tramo de máis máis de 700 metros, do quilómetro 1,400 ao 2,155. E un segundo treito, que supera o quilómetro, entre o 3,493 ao 4,693. Inclúen a reapertura de cunetas, aglomerado quente no firme e a sinalización horizontal. O orzamento de licitación é de practicamente 140.000€.
Ademais, na sesión deste venres adxudicáronse á empresa Cholo SL as obras de mellora en dúas vías provinciais do concello de Muras, por un importe económico de 250.000€. Por unha banda, mellorarase un treito de case 3 quilómetros -do 0 ao 2,915- desde o inicio da LU-P-3402. Esta é a vía que une A Gañidoira coa parroquia de Viveiró e que dá acceso a puntos de interese turístico como o Miradoiro de Mazoi. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical.
Por outro lado, a actuación inclúe o arranxo dun tramo de algo máis de 6 quilómetros da LU-P-6502, a estrada que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa nos quilómetros comprendidos entre o punto quilómetrico 18,100 ao 24,300. Precisamente neste tramo sitúase a ponte que colapsou onte por mor dos temporais e que mantén a estrada pechada ao tráfico. O proxecto inclúe a reparación integral da estrutura e ademais a reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos, na repavimentación e na sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución de ambos proxectos será de tres meses.
Pilar García Porto sinalou que a mobilidade é un dos principais eixos de acción do Goberno provincial, polo que “as actuacións que vimos de aprobar en Negueira de Muñiz, no Vicedo e en Muras demostran que traballamos sen excepcións, sen importar a cor política, e con especial atención aos concellos máis pequenos e ás zonas rurais”.
Admitidos no Coñece a túa provincia
Na Xunta de Goberno desta semana tamén quedou aprobada a listaxe provisional das entidades admitidas para participar na sexta edición do Coñece a túa provincia, que sairán publicadas este sábado, 21 de febreiro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Esta nova convocatoria bateu récord de participación cun total de 365 solicitudes, 32 máis que o ano pasado. Destas solicitudes, 135 colectivos foron admitidos, mentres que 230 quedan na lista de agarda por se se producen baixas. “Un dato a destacar é que, nesta ocasión, todos os colectivos admitidos participan por primeira vez, xa que se priorizaron as entidades que nunca antes formaran parte desta iniciativa. O obxectivo é ampliar o alcance do programa e abrir novas oportunidades de redescubrir a provincia a través destas viaxes gratuítas”.
Desde que se puxo en marcha en 2021, o programa medrou de xeito constante e consolidouse como un éxito rotundo entre os colectivos da provincia. O seu interese non deixa de crecer: ata agora, preto de 12.200 persoas participaron, xerando un retorno económico superior a 800.000€.
Convocatorias e bases para seis novas prazas de empregado público
Hoxe ademais aprobou as bases e convocatorias para cubrir seis novas prazas de funcionario mediante concurso-oposición incluíndo unha praza de Auxiliar para o Arquivo Provincial, tres prazas de Auxiliar de Sala para a Rede Museística-dúas reservadas a persoas con discapacidade-, e por último, dúas prazas de Maquinista- Condutor para o Parque Móbil reforzando así os servizos públicos da institución provincial. Nos vindeiros días sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.



















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



