A alcaldesa, Marta Rouco, denuncia que, un mes despois de solicitar unha reunión urxente coa Dirección Xeral de Mobilidade, a Xunta segue sen dar ningunha resposta nin solución
Vilalba, 20 de febreiro de 2026. O Concello de Vilalba denuncia, unha vez máis, o que considera un patrón sistemático de desinterese por parte da Xunta de Galicia cara a un municipio e uns veciños que levan anos agardando respostas que non chegan.
A alcaldesa, Marta Rouco, lembra que hai xa un mes solicitou unha reunión urxente coa directora xeral de Mobilidade para abordar solucións inmediatas, unha petición que non foi atendida nin obtivo resposta algunha.
Rouco explicou que “o silencio da Xunta é inaceptable ante unha situación que afecta directamente á mobilidade e ao servizo público que reciben centos de veciños e veciñas cada semana”. A rexedora subliñou que a falta de comunicación institucional “non é un simple atraso administrativo, senón unha mostra máis do escaso interese da Xunta por resolver un problema que leva máis de dous anos enquistado”.
Segundo lembrou a alcaldesa, a estación de autobuses continúa “sen baños operativos, sen un espazo digno de espera, sen información actualizada para os usuarios e cun deterioro evidente na súa contorna e nas propias instalacións”.
Marta Rouco destacou que “Vilalba non pide privilexios, pide o mesmo trato que reciben outros municipios galegos. Non hai ningunha xustificación para que a capital da Terra Chá, un punto estratéxico de conexións por estrada, teña unha estación nestas condicións”.
Desde o Concello consideran necesaria unha actuación urxente que inclúa, cando menos, a recuperación dos servizos básicos e unha planificación clara sobre o futuro da estación. Así mesmo, reiteran o seu chamamento á Xunta de Galicia para que responda con urxencia e abra unha vía de diálogo real que permita avanzar cara a solucións efectivas para esta infraestrutura.



















Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.



