A Mariña, 11 de febreiro de 2026. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou esta mañá a proposta que levou a Fitur 2026 A Mariña, unha viaxe á identidade. Fíxoo ante autoridades, Concellos, un numeroso grupo de colaboradores do sector privado local e oficinas de turismo, nun acto que tivo lugar no salón de actos do IES de Foz, que rendeu unha homenaxe no propio territorio ás Carolas. Así mesmo, fixo entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Mariña (SICTED) da Mariña aos servizos que renovaron a súa distinción neste proxecto.
Co acto desenvolvido esta mediodía en Foz a Mancomunidade de Concellos da Mariña quixo explicar no territorio o traballo que está a desenvolver para a promoción turística deste destino.
Este mércores a figura de Sargadelos coa que se rende unha merecida homenaxe ás Carolas ou Canouras, consideradas pioneiras da actividade turística na Mariña, foi presentada no territorio. “Esta proposta quere poñer en valor a aquelas mulleres labregas que, a finais do século XIX e sobre todo no século XX, chegaban acompañadas pola familia e as veciñas ata a costa da Mariña procedentes das zonas do interior da comarca e da provincia de Lugo para tomar os chamados baños de mar”, explicou a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, na súa intervención.
A peza, que quere sintetizar a identidade do destino, representará á Mariña “cando desde a Mancomunidade, por exemplo, teñamos que realizar algún agasallo institucional. Tamén os 16 concellos recibirán un número delas para que poidan facer o mesmo; e así mesmo atopámonos estudando xunto con Sargadelos a súa posible comercialización para que o nome da Mariña chegue a través dela o máis lonxe posible”, subliñou López.
Esta homenaxe forma parte da estratexia que vén desenvolvendo a Mancomunidade nos últimos anos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística cofinanciado pola propia Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo e que afonda na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes. Durante o acto, a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, tivo palabras de agradecemento “para todas aquelas persoas que traballan para a recuperación desta figura, investigando e divulgando a través de colaboracións, conferencias, publicacións, programas turísticos e culturais, visitas guiadas e mesmo retomando a tradición en setembro de regalarse 9 sanadores baños de mar”.
Nesta liña, a presidenta da Mancomunidade lembrou que nos últimos anos desenvolvéronse diferentes proxectos “cos que construír un destino integrado, sostible e atractivo, para ampliar a temporada turística e para atraer novos segmentos”. Trátase, tal como afirmou, “dunha aposta por un modelo que respecta e protexe o patrimonio da Mariña, que aporta valor á sociedade e que pensa nas persoas”. Para Rocío López non hai dúbida: “hoxe amosamos ao mundo unha marca turística sólida, que se abre camiño entre outros grandes destinos”.
Así, lembrou que a construción deste modelo turístico sostible descansa en iniciativas como os Plans e Obradoiros con Corazón, que achegan a diversidade do territorio a través dos guías e artesáns locais; a implantación do SICTED, que impulsa a calidade turística nos destinos a través dos seus produtos e servizos; a promoción do turismo ornitolóxico e o xeoturismo, con programas de formación, material divulgativo e o I Encontro NatureWatch A Mariña; o I Foro de Turismo e Sostibilidade, que puxo á Mariña no foco do debate sobre o turismo sostible da man de expertos internacionais; a creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña, para dar valor ao sector; ou o mantemento da rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, que aglutina a empresas especialmente sensibles cun modelo de xestión sostible.
Neste punto, quixo lembrar ás institucións e ás persoas que creron que un turismo sostible é posible na Mariña e que, co seu traballo, contribuíron para avanzar cara ese modelo de futuro.
Concellos e profesionais do sector tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos que se veñen desenvolvendo na Mariña nos últimos anos no marco dos convenios anuais coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo e máis salientablemente do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense ferramenta impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo, así como as novas propostas, coas que se da un paso máis na posta en valor do territorio.
Durante o acto fíxose entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Mariña (SICTED) da Mariña aos servizos que renovaron a súa distinción neste proxecto que botou a andar da man da Mancomunidade no 2023 no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña cofinanciado pola propia Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Erminda, subliñou que “a Mancomunidade impulsa este sistema co obxectivo de establecer un programa de boas prácticas para mellorar a calidade turística do destino e a colaboración público – privada”.
E engadiu: “renovaron a súa distinción no SICTED da Mariña un total de 26 empresas do sector de aloxamentos, restaurantes, museos, oficinas de turismo e guías de turismo que comezaron fai 3 anos este camiño da man da Mancomunidade. Estes profesionais, xunto con 13 empresas e servizos de aloxamento, restauranción, guías de turismo, artesanía, museos e turismo activo acreditadas en 2024, conforman unha rede activa de 39 axentes que traballan pola calidade turística na Mariña, aos que o ente ten previsto poder chegar a 20 novos servizos e empresas neste 2026”.
Os 39 servizos distinguidos polo SICTED da Mariña son:
RESTAURANTES: El Oviedo, Hotel Restaurante Javier Montero, Taberna Galicia e Augas Santas Cervexería artesanal.
ALOXAMENTOS: Hotel Albergue Montero, Luzada Glamping Burbujas, Finca Goleta, Hotel Mi Norte, Hotel-apartamento Complexo Alameda, Lumen Place Albergue, Lumen Place Apartamentos, Casa do Mudo, Casona de Labrada, Hotel Restaurante Javier Montero, A Lume Manso, Cabanas da Barcela, Hotel U Viveiro, Hotel Ego, Hostel Áncora Foz, Malates Slow Hotel Boutique Foz, Finca O Bizarro, Hotel Rías Altas, Hotel O Cabazo, Casal de Pelaio.
GUÍAS: Sra.María Servizos Turísticos-Noela Feal, La Guiateca-Carmen Delia, Rutas Galicia Norte-Boris Vilar, Guía tu día-Ana Pena.
OFICINAS DE TURISMO: O Vicedo, Ribadeo, A Pontenova, Viveiro, Burela e Lourenzá.
TURISMO ACTIVO: Bicips.com
MUSEOS: Catedral de Mondoñedo; Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen e Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá.
ARTESANÍA: Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo.
No acto interviñeron a presidenta e vicepresidenta da Mancomunidade, Rocío López e Ana Ermida; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Javier Arias; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; o alcalde do Concello de Foz, Francisco Cajoto; e a directora do IES, Leticia Maseda.
Xunta de Galicia
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que o Goberno galego impulsa na Mariña un modelo turístico baseado “na sustentabilidade, a calidade e o respecto pola identidade local”, o que se traduce nun apoio transversal aos recursos e proxectos que conforman a súa oferta.
Así mesmo, sinalou que A Mariña mantén una posición privilexiada no turismo de benestar, vinculado ás demandas do viaxeiro actual que busca calma, autenticidade e contacto co territorio; este é un dos obxectivos que potencia o Plan de Sostibilidade Turística, ao que a Xunta achega 1 millón de euros.
Na mesma liña, subliñou que o Goberno galego tamén reforza o atractivo do destino a través de axudas aos concellos para acondicionamento dos seus elementos turísticos e aos establecementos de aloxamento e restauración para a modernización e mellora das súas instalacións, entre outras medidas.
Deputación
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, felicitou á Mancomunidade da Mariña Lucense, e na entrega dos 26 diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) ás empresas e servizos da comarca recoñecidos polo seu compromiso coa calidade e a atención ao visitante.
Durante o acto, Carmela López felicitou á Mancomunidade pola campaña que rende homenaxe ás Carolas, pioneiras do turismo na Mariña, sinalando que “constrúe un modelo turístico fiel á identidade desta comarca”. Engadiu ademais que esta acción turística supón “unha viaxe ao que somos e ao que nos fai diferentes” e destacou que “visitar a Mariña é descubrir unha maneira de vivir, de relacionarse co tempo, coa paisaxe e coa xente”.
Lembrou a constante colaboración que mantén a institución provincial coa Mancomunidade, coa que colabora cunha achega de 25.000€ para realizar accións coma esta que impulsan a comarca como xeodestino de referencia para reforzar a promoción turística da comarca e mellorar o posicionamento da marca A Mariña.
A Presidenta subliñou que a campaña reforza “un modelo turístico baseado no benestar e na autenticidade, que conecta coa esencia do territorio e coa súa cultura”. Ademais, felicitou ao tecido empresarial pola súa implicación, lembrando que “cada recoñecemento representa profesionalidade, atención e unha forma de facer que suma calidade ao conxunto do destino”. López reafirmou o compromiso da Deputación “cun modelo turístico sostible, enraizado no territorio e xerador de oportunidades reais para a xente da comarca”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



