Vegadeo, 5 de febreiro, 2026. Os veciños e propietarios do número 22 da Avenida de Galicia, en Vegadeo —un dos edificios máis afectados polas crecidas do río Monjardín— volven alzar a voz ante unha situación que consideran insostible e que se prolonga desde hai anos. Aseguran que, lonxe de mellorar, o problema empeora pola falta de actuacións reais e eficaces das administracións competentes.
Inundacións cada poucos meses e ata 95 centímetros de auga
Segundo explica Cristina, residente no inmoble, as inundacións deixaron de ser episodios excepcionais. As crecidas prodúcense cada poucos meses e, nalgúns períodos, durante meses consecutivos. A auga adoita alcanzar os 45 centímetros no portal e, nos peores episodios, chega ata os 95 centímetros.
Esta situación provoca danos continuos tanto no edificio como na vida diaria das persoas que o habitan.
Danos estruturais acreditados nun informe oficial
As inundacións reiteradas provocaron importantes danos estéticos e estruturais: desprendementos de ladrillos na fachada, humidades persistentes que afectan ao enfoscado e á pintura, e deterioro nos contadores de auga e electricidade.
Todo isto figura no Informe de Avaliación do Edificio, datado o 01/08/2022 e remitido ao Concello e ao Principado de Asturias. O documento establecía un prazo de entre 12 e 24 meses para corrixir estas deficiencias. Dous anos despois, nada se solucionou porque —subliñan os afectados— a causa principal do problema continúa sen abordarse.
Risco constante para a seguridade das persoas
As crecidas impiden o acceso normal ao edificio, obrigando os residentes a esperar durante horas ata que baixa a pleamar ou a atravesar a auga en caso de necesidade, con risco de caídas e lesións. A situación é especialmente grave para as persoas maiores da comunidade.
Tamén se rexistran danos materiais adicionais, como vehículos afectados nas zonas próximas ao río.
“O imprevisible é a natureza; o inxustificable é a inacción”
Os veciños recoñecen que fenómenos como choivas intensas, mareas vivas ou ciclos lunares son inevitables. O que consideran inxustificable é a prolongada falta de resposta das administracións, que —aseguran— coñecen o problema desde hai anos e non adoptan medidas efectivas nin a curto nin a longo prazo, agravando o desgaste físico, económico e emocional da veciñanza.
Xestións previas sen resultados
Os afectados lembran que xa mantiveron reunións co alcalde de Vegadeo e mesmo co presidente do Goberno. Apostaron polo diálogo e a colaboración institucional, pero ante a falta de avances ven necesario “poner el grito en el cielo” e acudir aos medios de comunicación para denunciar a lentitude desesperante na tramitación dun proxecto que consideran vital para a seguridade de Vegadeo.
Exixen a execución urxente do “Proyecto de defensa de Vegadeo frente a las avenidas”
Os veciños reclaman publicamente ao Concello de Vegadeo, ao Principado de Asturias, á Demarcación de Costas e á Confederación Hidrográfica do Cantábrico que poñan fin ao “cruce de excusas” e á transferencia de responsabilidades. Piden que se asuman as obrigas legais e se execute de forma inmediata e íntegra o “Proyecto de defensa de Vegadeo frente a las avenidas”.
Lembran que o proxecto está redactado, avaliado ambientalmente e conta con orzamento. “Lo que falta no es un proyecto, sino voluntad política y agilidad administrativa.”, afirman.
Carta formal e petición de debate no Pleno
Ademais da denuncia pública, os afectados van rexistrar unha carta dirixida ao Concello de Vegadeo e ao resto de organismos competentes —incluído o Defensor do Pobo— para denunciar a prolongada deixadez administrativa ante un risco coñecido, documentado e reiteradamente advertido.
Solicitarán que o asunto se leve ao Pleno Municipal e que todas as forzas políticas se posicionen de forma clara e unánime, exercendo a presión necesaria a través dos seus representantes autonómicos e nacionais para desbloquear e executar o proxecto.
“Non pedimos privilexios: pedimos seguridade”.
Os veciños insisten en que esta non é unha reivindicación partidista, senón unha cuestión de seguridade pública e responsabilidade institucional. Afirman estar cansos de promesas incumpridas e reclaman “seguridade, responsabilidade e o dereito básico a vivir sen medo”.
Advirten de que, se non se actúa de inmediato, “alguén terá que asumir as consecuencias desta deixación prolongada”.
“Vegadeo no puede seguir esperando”, conclúen.






















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



