No marco deste encontro, a Presidenta e a Alcaldesa do municipio deron a coñecer un novo proxecto que servirá para humanizar a contorna do campo da feira e construír un parque infantil por un importe conxunto de case 230.000€
Lugo, 5 de marzo de 2026. A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, comprobou este xoves o avance dos investimentos que a institución provincial está a executar no municipio e que están a contribuír á transformación e mellora do seu centro urbano. No marco desta visita, na que Carmela López asinou no libro de ouro do Concello, ambas mandatarias deron a coñecer un novo proxecto de case 230.000€, financiado conxuntamente pola Deputación —que achega 192.251,19€— e o Concello —que colabora con 36.000€—, para construír un novo parque infantil no campo da feira, ao carón da pista multideporte, así como para adecuar a contorna e garantir un acceso seguro á zona de lecer.
Nese sentido, o proxecto contempla un parque infantil de 180 metros cadrados no que se instalará un pavimento continuo de dobre capa en toda a superficie, delimitada por unha valla de madeira en postes e traveseiros. Ademais, o espazo contará cun balancín de dúas prazas, unha rede de xogos, iluminación e catro proxectores.
Así mesmo, este proxecto tamén recolle a adaptación dos arredores para garantir a seguridade dos usuarios, posto que se atopa ao carón dun aparcadoiro. As actuacións que hai previstas van dirixidas a separar a zona do parque do aparcamento e nelas inclúense: a instalación dunha zona verde, a creación dunha nova entrada desde a rúa da Feira cunha rampla para favorecer o acceso de persoas con mobilidade reducida; a mellora do pavimento nas zonas que sexan necesarias; a instalación de árbores, bancos, mesas, fontes e iluminación tipo LED.
A Presidenta da Deputación recalcou que a achega económica que realiza a institución provincial vai incluída “por unha banda, nun convenio de colaboración no que se recollen outras actuacións; e principalmente, a través do Plan Deputación 2026, a ferramenta máis potente que ten a institución provincial para apoiar os concellos”. Definiuna como unha ferramenta “que funciona, é útil e xusta, porque permite repartir os recursos de maneira obxectiva e así garantir que todos os concellos da provincia teñan capacidade para desenvolver proxectos que doutro xeito serían moi difíciles de asumir”.
“En definitiva, é o mellor exemplo de que a suma de esforzos entre a Deputación e os concellos multiplica resultados. E tamén é unha ferramenta clave para garantir algo fundamental: que todos os territorios da provincia teñan oportunidades, vivan onde vivan, porque o noso compromiso é claro: queremos unha provincia máis cohesionada, con mellores servizos públicos e con máis oportunidades para a xente” rematou.
Pola súa banda, Marta Rouco valorou “moi positivamente” este modelo de cooperación institucional, “porque permite que todos os municipios teñamos oportunidades reais de desenvolver proxectos e mellorar os nosos espazos públicos” e recalcou que “botamos de menos que outras administracións adopten esta mesma filosofía”.
Sobre o proxecto arredor do campo da feira a rexedora local sinalou que “busca converter esta zona nun espazo de lecer máis amable, máis seguro e máis agradable para toda a veciñanza e ademais, está pensado con visión de futuro. Todo o deseño deixa prevista a posibilidade de que nun futuro se poida estudar a instalación dunha cuberta, algo que moitas familias nos trasladan para que os nenos e nenas poidan seguir utilizando este espazo tamén nos días de choiva. Estamos ante unha actuación que responde á nosa maneira de entender a política municipal: seguir mellorando os espazos públicos, facer unha vila máis agradable para vivir e construír unha Vilalba pensada para todas e todos”.
Case medio millón de euros para máis actuacións en Vilalba
Durante a xornada, Carmela López, percorreu outros puntos do municipio nos que se realizaron varias actuacións recentemente. Cun investimento da Deputación próximo ao medio millón de euros melloráronse accesos e vías, espazos públicos e equipamentos municipais.
Nese sentido, Carmela López achegouse ata o parque Rosalía de Castro, que se remodelou de xeito integral grazas a unha achega de case 40.000€. Con esta actuación substituíse o pavimento de dobre caucho, a valla de 100 metros cadrados e tamén se renovaron todos os xogos: instalouse unha casiña, un xogo múltiple con tobogán, bambán e redes.
Achegouse tamén ata o barrio das Fontiñas para comprobar o resultado dos traballos de rehabilitación do firme desta vía que dá acceso ás vivendas situadas neste residencial desde a rúa Conde Pallares. Con algo máis de 30.000€ realizáronse traballos de fresado en 200 metros de firme, repavimentouse con aglomerado en quente e repúxose a sinalización co pintado de marcas lonxitudinais transversais.
Continuou a visita coñecendo dúas obras realizadas a través do Plan Deputación 2025: unha delas foi a renovación integral do pavimento e a mellora da accesibilidade na rúa Benxamín Paz, uns traballos para os que a institución provincial achegou 133.478,70€. E, por outra banda, supervisou a restauración que se realizou con 88.530,65€ na biblioteca municipal: a nova Aula Agustín Fernández Paz, que albergará parte do legado do recoñecido escritor vilalbés; e a sala de estudo, que conta agora con novo mobiliario, teito acústico e luminarias LED.
Por último, a Presidenta comprobou as obras de mellora que se realizaron na LU-P-6513, a vía que une Vilalba con Momán. Os traballos, que contaron cunha achega de algo máis de 200.000€, realizáronse en dous tramos:
– Un primeiro treito, desde o inicio da vía ata a rotonda que dá acceso á autovía A8, no que se repavimentou con aglomerado en quente, repintouse a vía e colocouse a sinalización vertical.
– E un segundo tramo, desde o punto quilométrico 1,6 ata o 17,3 no que se realizou a reposición da sinalización horizontal.



















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



