Ribadeo, 12 de xuño, 2026. A neurocientífica galega de referencia internacional Sonia Villapol visitou a Feira da Ciencia de Ribadeo acompañada da súa familia. Tal e como explicou Susi Besteiro, coordinadora do evento, Villapol xa participara na XXVI edición cunha conferencia en liña durante o curso post-pandemia, cando as restricións impedían a súa presenza física. A visita quedara pendente, e este ano fixouse coincidindo coa celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia. O alumnado de 2.º ESO C, xunto co profesor de Física e Química Iván Varela, tivera a iniciativa de nomear a súa aula como Aula Sonia Villapol, o que motivou un vídeo de agradecemento da científica e a súa disposición a acudir ao centro para impartir a conferencia de clausura.
Villapol percorreu a Feira da Ciencia comezando polo proxecto do alumnado Stembach, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, titulado “Que nos fai humanos? A maxia do cerebro”. A alumna Aitana Monasterio explicoulle a investigación sobre o claustrum de cabalo, unha estrutura cerebral clave na integración sensorial. A neurocientífica interesouse tamén por outros traballos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como O pulmón de palomitas, centrado na prevención do consumo de vapers, a innovadora Inmunoterapia con células CAR-T ou o estudo sobre Micro-ARN como interruptores da expresión xénica.
O alumnado do Sagrado Corazón presentoulle proxectos de tecnoloxía e un traballo de bioloxía sobre o recentemente descrito hemifusoma, unha estrutura celular relacionada coa reciclaxe intracelular. Na zona do CEIP Gregorio Sanz, Villapol desfrutou coas explicacións do alumnado de primaria sobre Scratch tactile e sistemas de rego automático. Tamén visitou o espazo do IES Porta da Auga, onde conversou co profesorado e se fotografou con numerosos estudantes.
Tras visitar a Aula Sonia Villapol, o museo de material didáctico e o laboratorio de Bioloxía, chegou o momento da conferencia. Aínda que estaba anunciada como “Un cerebro activado, un cerebro de preguntas”, Villapol ofreceu en primicia “O cerebro en modo ON”, título do libro que a editorial Galaxia publicará proximamente. A presentación correu a cargo de Iván Varela, acompañado por María Menéndez e Mateo Villapol, quen destacaron tanto a traxectoria científica da investigadora no Texas Medical Center de Houston como o seu papel divulgador durante a pandemia da COVID-19.
A conferencia resultou especialmente interesante para o alumnado, con explicacións sobre o comportamento adolescente e consellos para manter un cerebro saudable: durmir ben, practicar deporte, alimentarse axeitadamente e socializar. Ao remate, a súa filla Sheila, falando un galego impecable, presentou os resultados dunha enquisa comparativa sobre hábitos de vida e saúde mental realizada entre alumnado do IES de Ribadeo e dun instituto de Texas. Os datos amosaron similitudes significativas, quedando pendente unha análise conxunta máis detallada para o vindeiro curso.
Tras unha longa ovación, chegou o momento dos agasallos. Julia e Mateo Villapol entregáronlle un busto impreso en 3D grazas á colaboración de Conchi Fernández, de Polos Creativos. A directora do IES, María Ron, fíxolle entrega do Faro da Illa Pancha, símbolo de recoñecemento por ser “un faro de ciencia”.
O Paraninfo encheuse por completo, con presenza de familiares —incluídos os pais de Villapol—, amizades e numerosas autoridades: Francisco Díaz Fierros, Laura Fidalgo, a xefa do Servizo de Formación acompañada da asesora Leticia, Ana Alzate, xefa do Servizo de Inclusión, Carlos Carballo, director do CFR de Lugo, Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e Daniel Vega, alcalde de Ribadeo.
No acto de clausura, Judith Fernández destacou a importancia da colaboración entre os catro centros educativos de Ribadeo e o valor destes eventos, enmarcados no programa Galicia Educa, para visibilizar o traballo do alumnado e do profesorado e favorecer a orientación académica. Finalmente, o alcalde Daniel Vega clausurou a XXXI Feira da Ciencia felicitando a toda a comunidade educativa e reafirmando o compromiso de manter Ribadeo como “un faro de ciencia”.




















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



