Aprobado un convenio de colaboración co Concello de Ourol, polo que a institución provincial achega á entidade local máis de 60.000€ para eliminar as barreiras arquitectónicas na Casa da Cultura, “convertendo este equipamento público nun espazo máis accesible, funcional e de uso para todos”, sinalou Pilar García Porto
Lugo, 24 de xullo de 2026. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novas actuacións para mellorar infraestruturas e servizos públicos na comarca da Mariña, cun investimento total que supera os 300.000€ nos concellos de Cervo e Ourol. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal deste venres, “son accións que repercutirán directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas destes municipios mariñáns”.
Por unha banda, a institución provincial aprobou a licitación das obras de acondicionamento de dous treitos das estradas LU-P-1503 e LU-P-1505, cun orzamento superior aos 250.000€. Na LU-P-1503, que é a estrada que vai de Río Covo, por Trasbar a Vilaestrofe, actuarase nun treito comprendido entre os puntos quilométricos 2,600 ao 4,360.
Os traballos, cun prazo de execución de catro meses, consistirán na limpeza de cunetas, a mellora do drenaxe, acondicionamento de deficiencias en diferentes curvas. Posteriormente, o estendido con aglomerado en quente e, unha vez rematado, procederase ao pintado da sinalización horizontal.
Pilar García Porto sinalou que esta actuación dará continuidade as obras de mellora executadas pola institución provincial nesta mesma vía, na que se actuou nos case tres primeiros quilómetros. “Falamos dunha vía de especial importancia porque enlaza coa estrada provincial LU-P-1502, que comunica co concello de Burela e o Hospital da Mariña”.
A Voceira Socialista destacou ademais que estas melloras “permitirán dar un servizo máis seguro e cómodo para os veciños e veciñas de Trasbar e de Castelo, pero tamén doutras parroquias da zona, xa que esta vía comunica cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo, un dos atractivos turísticos da comarca da Mariña”.
Tamén se actuará na estrada LU-P-1505, que comunica o núcleo urbano de Cervo coa estrada nacional N-642 e coa parroquia de San Román de Vilaestrofe. Neste caso, acometeranse melloras nun tramo de algo máis de dous quilómetros.
Máis de 60.000€ para unha Casa de Cultura de Ourol “máis accesible e inclusiva”
Na Xunta de Goberno celebrada esta mañá tamén se aprobou un convenio de colaboración co Concello de Ourol, a través do cal a institución provincial aporta á entidade local máis de 60.000€ para financiar integramente a mellora da accesibilidade da Casa da Cultura deste municipio mariñán.
“A actuación permitirá eliminar barreiras arquitectónicas e converter este equipamento público nun espazo máis accesible, funcional e adaptado ás necesidades da veciñanza, garantindo que todas as persoas poidan participar nas actividades culturais e sociais que se desenvolven neste centro”, detallou a Voceira Socialista do Goberno.
A Casa da Cultura é unha infraestrutura fundamental para a vida social e cultural de Ourol, un punto de encontro para o tecido asociativo e un espazo esencial para o desenvolvemento de actividades dirixidas á veciñanza.
Esta colaboración enmárcase na liña de apoio da Deputación aos municipios “para facer posibles intervencións que, en moitos casos, non poderían asumir unicamente cos seus recursos propios”, sinalou Pilar García Porto.

























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



