As e os socialistas advirten de fincas sen limpar xunto a vivendas, instalacións públicas, depósitos de auga e elementos eléctricos, e reclaman ao alcalde que actúe “antes de que haxa consecuencias irreversibles”
Xove, 7 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Xove acusou hoxe ao Goberno municipal do PP de poñer en risco á veciñanza pola súa “deixadez absoluta” en materia de prevención de lumes, tras constatar a existencia de fincas sen limpar e maleza acumulada en zonas próximas a vivendas, núcleos de poboación e instalacións que poden resultar especialmente sensibles en caso de incendio.
As e os socialistas lembran que o pasado 31 de maio rematou o prazo fixado pola Xunta de Galicia para ter realizada a xestión da biomasa nas faixas de protección, tal e como prevé a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Esta normativa establece a obriga de manter limpas as parcelas e de crear faixas de protección arredor de vivendas, núcleos rurais, solo urbano, instalacións industriais, cámpings, gasolineiras, dotacións públicas e outras edificacións.
Dende o PSdeG denuncian que “a día de hoxe, en Xove, non se cumpre nin o 50% do que esta lei obriga”, xa que “seguen existindo fincas sen limpar pegadas ás vivendas, tanto en zonas urbanas como rurais”. Unha situación que, advirten, supón “un gran risco para a veciñanza” nun momento de temperaturas extremas e de grave perigo de incendios.
O Grupo Municipal Socialista pon como exemplo o estado dos arredores dos depósitos de auga de Palmeiro, Monte Vello e O Cruceiro, onde aseguran que segue habendo maleza acumulada. Tamén alertan da situación de casetas que albergan transformadores de subministración eléctrica, así como de parcelas próximas á nova edificación da residencia que está a construír Aspanane na urbanización de Palmeiro.
“As franxas de protección non son unha recomendación, son unha obriga legal e unha medida básica para protexer persoas, vivendas e servizos públicos”, subliñan as e os socialistas, que responsabilizan ao Goberno local do PP de non ter feito o seguimento necesario para garantir o cumprimento da normativa.
Neste sentido, lembran que o Concello debe revisar que parcelas seguen pendentes de limpeza, comunicarllo ás persoas propietarias e, no caso de que non se actúe, impulsar os procedementos correspondentes para garantir a limpeza das fincas. “Salgueiro ten que actuar antes de que haxa consecuencias irreversibles. A prevención faise antes, non despois do lume”, advirten.
O PSdeG sinala directamente ao alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, como “principal responsable municipal da seguridade e da protección da veciñanza”, e reclámalle que “se poña as pilas e faga cumprir a lei con urxencia e para todos por igual”.
“As vagas de calor previstas elevan o risco e fan aínda máis irresponsable a pasividade do PP. Salgueiro non pode seguir mirando para outro lado mentres hai maleza pegada a vivendas, instalacións públicas e puntos especialmente sensibles do municipio. A seguridade da veciñanza non pode depender da improvisación nin da deixadez dun alcalde que sempre chega tarde, tamén á prevención dos lumes”, conclúen.






















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



