Viveiro, 8 de outubro, 2026. O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha unha nova edición dos xoves de tapeo co regreso do Juepeo, unha proposta gastronómica que leva xa 11 anos consolidada na vila.
Viveiro recupera así unha das súas citas culinarias máis populares, que volve este mes de outubro para converter os xoves nunha oportunidade perfecta para saír, probar novas creacións e desfrutar da hostalería local.
Cada xoves, os 15 establecementos participantes ofrecerán unha tapa especialmente elaborada para a ocasión, cunha ampla variedade de propostas: croquetas, hamburguesas, tortillas, raxo, cachopo, polbo, vieiras, pratos internacionais e outras creacións pensadas para sorprender á clientela. Os locais que se suman á iniciativa son: Muro Restaurante, Vinoteca Los Leones, Cornelius Taberna, La Tortilla Maravilla, Casa Pepi, Mesón O Recuncho, Asador By Jorla, O Rincón do Tronco, Coffee Urban Roaster Bar, Atlántico Gastrobar, Mesón A Ría, Pulpería O Panadeiro, A Zapatería Bar, Cafetería 12 e Gato Pardo.
O prezo da tapa mantense en 3,50 euros, facilitando así descubrir diferentes propostas gastronómicas a un prezo accesible e convertendo o xoves nunha auténtica festa culinaria.
🎁 200 euros en premios
O Juepeo chega tamén cun incentivo adicional: as persoas participantes poderán optar a un premio de 200 euros. Para entrar no sorteo será necesario cubrir a papeleta que se entrega coa tapa e depositala na urna habilitada en cada establecemento.
🍸 Despois do tapeo… chega o D’Copeo
Para completar a experiencia, o Juepeo incorpora o D’Copeo, unha proposta pensada para continuar a noite despois do tapeo. Os locais participantes ofrecerán cócteles especiais por 5 euros, creando así unha segunda parte da xornada gastronómica e de ocio.
Deste xeito, o Juepeo pretende converter os xoves nunha cita habitual para saír, consumir no comercio e na hostalería local, descubrir novos sabores e desfrutar de Viveiro.
Desde o CCHV anímase tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a cidade a participar nesta nova edición e a facer dos xoves días de encontro, gastronomía e diversión.
O Juepeo está de volta. Os xoves, en Viveiro, saben mellor.






















O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



