Ribadeo, 27 de decembro de 2018. Acisa Ribadeo realizou máis de 35 actividades de dinamización comercial e hostaleira durante 2018, ademais de colaborar en 15 eventos culturais, deportivos e turísticos, entre outros. Tamén repartiu máis de 8.500 euros en vales de compra. Acisa fai un balance positivo do ano que remata e no que conta con máis de 160 asociados, aumentando deste xeito a cifra de 2017 en 15 socios máis nas mesmas datas.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, lembrou que “se levaron a cabo dúas importantes campañas publicitarias que tiñan como obxectivo dar a coñecer Ribadeo e o seu atractivo comercial, hostaleiro e turístico. Ademais tamén se realizaron campañas de dinamización comercial e hostaleira coa festa do comercio, San Valentín, os días do Pai e da Nai ou a campaña de fidelidade. Estamos moi satisfeitos coas novas actividades que se levaron a cabo este ano, e que cremos que foron exitosas como o primeiro desfile de charangas, as campañas de concienciación e a distribución de material gratuíto para os nosos asociados”.
Iriarte contou que “durante este ano celebramos catro charlas formativas dirixidas aos nosos socios e socias e firmáronse tres novos convenios de colaboración para a mellora de servizos aos nosos asociados e asociadas. Realizamos eventos en zonas onde non se facían, como por exemplo en Rinlo coa espectacular actuación do Bruxo Queiman, cos concertos da Noite Cálida e Os Bolechas que animaron aos máis pequenos, e as xornadas gastronómicas. Dinamizamos deste xeito o 90% das zonas de Ribadeo”.
Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que “colaboramos na organización de eventos tan importantes como o Ribadeo Indiano, axudando na decoración dos establecementos, con actuacións e actividades. Tamén estamos presentes na instalación de pista de xeo, no Entroido e en eventos deportivos como os torneos da SD Ribadeo, o do fútbol veterano, o Emma Cuervo, o fútbol feminino, o club de remo, as festas patronais de do Carme. Colaboramos gustosamente con máis de dez asociacións ademais de coa Semana Santa, o Ribadeo FC e o Club Náutico, entre outros”.
Reparto de material gratuíto para @s asociad@s
Pérez subliñou que “apostamos pola entrega de material gratuíto aos socios con máis de 20.000 vasos de plástico para o Ribadeo Indiano, 10.000 rueiros, mapas turísticos, posavasos, manteis e material decorativo e máis de 50.000 bolsas. Todo de forma gratuíta para as nosas asociadas e asociados”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, declarou que “todo o que se inviste desde Acisa, en actuacións como a instalación da pista de xeo, a colaboración no Entroido, na festa indiana e en premios, provén das cotas dos socios e de subvencións e colaboracións de administracións públicas, coas que mantemos sempre unha excelente relación e unha liña de comunicación fluída para poder trasladar as demandas dos asociados e da propia asociación. Todo ese diñeiro reverte de novo nos socios e socias de forma directa ou indirecta, algo que é importante salientar. E busca atraer clientes ao comercio e hostalería asociados. As nosas actividades moitas veces benefician a todos, aos que son asociados e aos que non, algo que nos alegra aínda que nos gustaría que moitos máis foran socios da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. Non nos cansamos de dicilo, cantos máis sexamos mellor, así teremos máis forza e poderemos conseguir máis cousas”.
O xerente de Acisa engadiu que “neste ano tivemos 30 altas, o maior número desde hai cinco anos. Ademais rexistramos 16 baixas, das que 10 foron por peche. Rematamos 2018 tendo aparecido en máis de 700 novas en prensa nos diferentes medios de comunicación, alcanzamos a máis de 1 millón de persoas coas nosas publicacións en Facebook e xeramos un impacto na economía local estimada en arredor de 10 millóns de euros en todo o ano”.
Francisco Iriarte insiste en que “seguimos sendo o referente comercial da mariña lucense e do occidente asturiano e confiamos en seguir séndoo”. E lembrou que “este Nadal na VIII Festa do Comercio repartiremos 5.000 euros en premios, dos que 1.000 corresponden a un premio non presencial. Temos ademais un Papá Noel, un concurso de Cartas aos Reis Magos cun paxe real encargado de recollelas, e de novo a pista de xeo coa que colaboramos con descontos por comprar nos establecementos asociados. Instalamos tamén a árbore de Nadal, na praciña de San Roque, cos logos dos socios e socias nunha aposta pola publicidade e a promoción dos mesmos”.
Proxectos para 2019
Jesús Pérez adiantou que “xa traballamos na programación de 2019, un ano especial xa que se cumpre o 30 aniversario da asociación e que empezamos a conmemorar co cambio do logotipo para este ano e que se celebrará coa cena anual da Gala que terá un carácter máis especial. Será aló polo mes de febreiro. Seguiremos apostando pola publicidade e a promoción para os socios implicándonos máis na páxina web e axudándolles a darse a coñecer”.
O presidente de Acisa manifestou que “na asemblea do próximo mes de xaneiro daremos a coñecer a programación que inclúe unha segunda edición do festival de charangas, un posible festival de música, máis material gratuíto para os socios e seguir na liña de realizar as campañas de dinamización que funcionan, así como charlas e cursos. Seguiremos colaborando coas asociacións que o soliciten e que realicen un traballo excelente para Ribadeo. Confiamos en seguir medrando como asociación e temos o reto de seguir facendo ver aos veciños e veciñas de Ribadeo e da comarca, a importancia que ten comprar no pequeno comercio como un dos grandes retos. Tamén temos o reto de, igual que necesitamos atraer clientes ao comercio con novas formas e incentivos, buscar formas de atraer clientes para a hostalería local asociada, buscando accións que animen máis á xente de fora a vir a Ribadeo a tomar algo, tanto de día como de noite, e animar aos xoves maiores de idade a saír en Ribadeo, dando servizos que poidan resultar novidosos”.
Para Iriarte e Pérez “Ribadeo é o mellor sitio para comprar, disfrutar da gastronomía e das boas vistas. Pouco sitios poden ofrecer tanto no mesmo lugar, nosoutros somos conscientes dos nosos potenciais, pero debemos seguir facendo que todo o mundo o saiba, dar novos servizos e afrontar cambios para adaptarnos aos novos tempos e costumes”. E destacan que “son 600 os postos de traballo que xeran os establecementos asociados a Acisa, de aí que sexa moi importante mercar no comercio local e consumir na hostalería que temos a carón das nosas casas”.























A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado na inauguración, onde destacou o valor desta iniciativa que leva “máis de vinte anos unindo ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.



