De novo, outro ano máis, a pediatra que pasa consulta no ambulatorio de Xove colle vacacións. Loxicamente está no seu dereito. Polo xeral, en calquera outro traballo, a ausencia dunha profesional substitúese con outra. Agás nos empregos públicos cubertos polo funcionariado que, como sabemos, son os menos importantes para certos gobernos: a saúde, o ensino, a xustiza… O servizo de pediatría é, para nós, un deses traballos nos que a substitución debería ser obrigada. Pero non é así para o Partido Popular, de tal xeito que Xove quedará entre o 20 de febreiro e o 20 de marzo con únicamente tres horas de pediatría á semana. Os martes, para maior información.
Os pícaros do noso concello que teñan que ser atendidos pola pediatra a causa dunha urxencia ou doenza común, terán que desprazarse ao Centro de Saúde de Burela. Deste xeito, por se o feito do desprazamento non fora abondo, tamén se contribúe a saturar o servizo de pediatría burelao, pois alí confluirán as crianzas tanto de Xove coma de Cervo.
Tal e como pasou en Alfoz e Ferreira, parece que están agardando o momento para eliminar os servizos de pediatría de Xove e Cervo. E igual ese momento non está moi lonxe. Á pediatra quédalle pouco para a súa xubilación, e do mesmo xeito que pasou co doutor Perocier, se cadra aproveitan a súa xubilación para eliminar a praza.
No Bloque Nacionalista Galego de Xove faremos todo o que estea nas nosas mans para que iso non chegue a acontecer. Mais a quen lle corresponde actuar é ao Goberno municipal do PP, que de momento (e xa van aló dous anos) continúa caladiño coma un peto.