Ribadeo, 13 de marzo de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, enviou hoxe á Xunta un escrito urxente, ao delegado territorial, para darlle conta do resultado da xuntanza celebrada onte no estadio municipal Pepe Barrera e no que empraza á administración autonómica a incrementar a achega inicial comprometida de 46.000 euros. Deputación e Concello están dispostos a destinar sendas partidas de 140.000 euros para o proxecto de remodelación do Pepe Barrera, e Suárez Barcia agarda que a Xunta poña tamén un terzo da cantidade total, que ascende a 421.000 euros. O rexedor pídelle compromiso á administración galega para afrontar estas obras e celeridade na súa resposta porque deberán ser licitadas canto antes.
O alcalde declarou que “enfocando cun sentimento positivo a xuntanza de onte na que o Concello de Ribadeo convocou tanto á Deputación como á Xunta de Galicia no propio campo de fútbol Pepe Barrera, en presenza tamén dos representantes do Ribadeo FC e da SD Ribadeo, para que viran e puideran opinar do que estamos intentando facer con este impulso á renovación do campo do Pepe Barrera. Para iso o arquitecto, que o Concello contratou para redactar este proxecto, explicou con todo detalle o que se pretende facer e de onde sae este presuposto de 421.000 euros no que se require que non soamente o Concello senón outras administracións teñan que participar necesariamente nesta actuación”.
Fernando Suárez contou que “o presidente da Deputación, que si acudiu, manifestou que estaba disposto a que a Deputación puxera un terzo, é dicir 140.000 euros, pero que tamén o resto de administracións con competencias en deporte, isto é a Xunta de Galicia máis o Concello, debéramos facer o mesmo. Pola parte do Concello aceptamos, sen ningún problema, e podemos asumir a cantidade dun terzo, é dicir 140.000 euros. Pero como a Xunta de Galicia que estaba convidada e por motivos de axenda, segundo nos manifestou nunha carta que aínda recibimos hoxe, non puido estar, é polo que no día de hoxe tamén lle mandamos un escrito urxente no que lle damos conta do debate do resultado da xuntanza de onte, así como emprazamos á Xunta a que suba a súa achega inicial duns pírricos 46.000 euros a un terzo, é dicir a 140.000 euros igual que estamos dispostos a poñer o Concello e máis a Deputación”.
Para o rexedor ribadense “non é moito pedir cando desde o 2009 a Xunta non fixo ningún euro de inversión en infraestruturas deportivas en Ribadeo, e xa hai dez anos. Nesta misiva que lles enviamos tamén lles explicamos que esa falacia, tan manida que teñen ultimamente, de que podemos coller os cartos do Fondo de Compensación Territorial da Xunta é iso, unha falacia. Na propia Constitución, que todo o mundo reivindica moitas veces, di no artigo 143 que a suficiencia das facendas municipais débense garantir con tributos propios e na participación nos tributos do Estado e das Comunidades Autónomas. Pero ese tipo de recursos que nos dá a Xunta de Galicia, e que nos dá o Estado, son para recursos ordinarios para prestar servizos básicos, non para actuacións extraordinarias como é o caso”.
Suárez Barcia subliñou que “para actuacións extraordinarias, como é o caso, necesitamos achegas extraordinarias como a que está disposta a facer a Deputación de Lugo e como a que queremos que poña a Xunta, da mesma maneira que si un ve o Diario Oficial de Galicia pode ver numerosos convenios de Xunta e Concellos de actuacións extraordinarias. Digo que os veciños e as veciñas de Ribadeo serán igual que os de calquera outro Concello, e polo tanto o que lles pedimos é o compromiso para achega dun terzo como ás demais administracións e ao mesmo tempo celeridade porque queremos licitar estas obras canto antes para que se poidan facer durante a época estival, para que o parón deportivo no Pepe Barrera non se demore máis aló do necesario nin máis aló de outubro que era a idea que tíñamos para volver iniciar alí as actividades”.
O alcalde de Ribadeo engadiu: “esperemos que haxa sentidiño e que non se utilice a política de maneira rastreira, como vemos que moitas veces se utiliza, senón que se utilice para o que os veciños queren que utilicemos a política, para dialogar e para chegar a acordos, e os veciños chegado o momento logo deciden quen o fai mellor e quen o fai peor, pero por favor que non se castigue aos veciños e ás veciñas de Ribadeo con respecto a outros concellos”.


























A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
Villares gabou o traballo realizado e subliñou que “a implicación do tecido social e dos veciños e veciñas é clave para transmitir as tradicións que forman parte da nosa identidade e reforzar os vínculos da comunidade”. Na xornada principal deste xoves destacou a ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos. O venres e o sábado celebraranse o Festival Folklórico Internacional e o Festival Folklórico Infantil respectivamente, organizados polo Grupo Mistura.
O Concello de Ribadeo atende así a petición realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, que solicitou permisividade neste sentido aos 67 Concellos da provincia de Lugo. Ademais o Concello autorizou a instalación dunha pantalla na praza de Porcillán. A petición foi realizada pola Asociación Cultural Festas do Carme.
Este ano, como novidade, as crianzas participantes neste programa están a desfrutar de sesións de inglés dunha forma lúdica, dinámica e divertida, grazas á colaboración da English School de San Cibrao. A través de xogos, cancións, actividades participativas e moita creatividade, os nenos e nenas reforzan a aprendizaxe do inglés nun ambiente distendido, fomentando a comunicación, a curiosidade e a confianza para expresarse noutra lingua.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
O Grupo Sargadelos adquiriu todos os bens inmobles, maquinaria e fondo de comercio de Burelarte S.L. As naves, de máis de 3.000 m² e os terreos anexos, con máis de 4.000 m², destinaranse a ampliar e mellorar a capacidade produtiva das empresas do grupo. Ademais, Sargadelos integrará a maior parte da plantilla de Burelarte e tentará manter viva a marca BurelaRTe, recoñecida pola súa calidade no gres porcelánico, sempre que a autoridade laboral o permita.



