Ribadeo, 8 de maio de 2019. Álvaro Doural, profesor no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, e presidente de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) foi nomeado dinamizador da FP Dual na Mariña lucense. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ven de crear, con carácter experimental a Rede Galega de Dinamización da FP Dual, que estará constituída por un máximo de 48 centros, nos que se inclúen todos os integrados de FP e aqueles outros que impartan FP dual durante o curso 2018-2019 ou os que impartan ensinanzas de FP e se atopen en zonas xeográficas pouco representadas. Esta rede actuará como punto de atención ao empresariado e establecerá a canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas.
Álvaro Doural declara que “na recta final da miña vida profesional, afronto este novo reto con gran ilusión y vontade de servizo á formación profesional que tanto me deu durante a miña vida como alumno e profesor”.
Para o dinamizador da FP Dual na Mariña lucense “estamos ante un cambio necesario para poder resolver a necesidade de persoal dos sectores produtivos acorde coas súas necesidades e poder dar resposta a un problema social como é o abandono e o fracaso escolar na formación profesional”.
As funcións da persoa responsable da dinamización da FP dual son as seguintes:
a) Facer prospección de empresas. Percorrer o tecido empresarial do ámbito de actuación do seu centro para explicar e difundir a FP dual e determinar as necesidades das prazas de FP dual nos distintos sectores produtivos.
b) Atender as necesidades das empresas, dando a coñecer os perfís profesionais axeitados en cada caso e fomentando o achegamento das empresas aos centros educativos.
c) Atender as necesidades dos titores e as titoras dos centros de traballo e dos centros educativos no desenvolvemento das súas funcións.
d) Divulgar a FP dual entre o alumnado doutros niveis educativos, para o que contarán coa colaboración dos centros nos que se impartan estas ensinanzas, co fin de favorecer a orientación vocacional e profesional.
e) Asesorar a todos os actores participantes nos proxectos de FP dual de cara á realización dunha xestión de calidade.
f) Poderá formar e informar eses actores e realizar outras actuacións relacionadas coa FP dual.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



