Se o que escribe fose narrador estaría lonxe de afrontar nunha novela un tema como o que pretende este título. Ben aconsellado por amigos, ou pola industria editorial, fuxiría obedecendo os consellos de “exceso informativo”, “tema trillado”, “horizonte de expectativas do público ausente” ou tantos outros argumentos que fornece a crítica literaria.
Mais, por riba do balbordo, da pedantería grandilocuente dos discursos ocos, das preguntas circunnavegadas para nunca atopar resposta, das estratexias políticas e mediáticas, os individuos na súa personalidade interna e a sociedade como conxunto activo temos a obriga de reflexionar. A situación por atípica así o require. Pensar mesmo nestes tempos onde todos teñen alguén que pensa por eles ou polo menos o pretende. Polos individuos pretende pensar a omnipresenza do Estado e polo Estado e os seus responsables os técnicos. Vivimos pois nun permanente desvío de responsabilidades que algo esconde sen dúbida.
Existen certezas? Pasado un mes a pregunta é obrigatoria, mais a reposta non deixa de ser a reflexión dun individuo particular que desde o confinamento pretende asaltar un castelo, unha Frouseira.
Certeza 1
As frases feitas, herdadas e repetidas mil veces son a mellor fonte de caudal abondoso para xerar mentiras. E así vivimos décadas co convencemento de que tiñamos a mellor sanidade do mundo. Nin a tivemos nin a temos, e isto é lóxico ata certo punto nun Estado que chegou ao modelo social do benestar cando chegou e como chegou. Non fomos críticos antes, mais agora a frase sónanos ostentosa e ata estúpida, e moi na liña doutras que forman o glorioso acerbo dun Estado que necesita (como todos os Estados que un día foron imperiais) ser o primeiro en algo.
Evidentemente, só unha mente que vive na ignominia e mezquindade permanente pode pensar que non temos a mellor sanidade do mundo porque non puido evitar todas e cada unha das mortes por Coronavirus. Non estar preparado para unha pandemia é xeral a calquera sistema sanitario dos máis avanzados do mundo. O problema é que esta crise nos coloca enriba da mesa outros datos ben máis preocupantes: número de camas, número de camas UCI, número de respiradores (necesarios tamén sen Covid-19), número de facultativos. Datos reais sen entrar no sendeiro certo pero trillado da privatización. Este sistema sanitario que se nos vendeu durante décadas como o mellor non ten mascarillas (que se pode chegar a entender na situación actual) pero é que non ten nin batas e segue sen ter quen llas faiga.
Certeza 2
Esta crise é un chanzo máis na destrución dun modelo europeo fracasado, fallido e en caída libre desde a crise do 2008. Un modelo que tampouco se deixou cuestionar (igual que o da mellor sanidade) sen que a un o tildasen de extremadereita, extremaesquerda, arredista ou simplemente de fanático. Un modelo europeo que leva meses co espazo Schengen anulado ou semianulado (cousa que non vin, estando no estranxeiro, nin cando dos atentados yiadhistas), unha Europa dividida en Norte e Sur, unhas institucións europeas sen un modelo de actuación común, unha Europa que permite o rexurdir dos poderes estatais nas súas peores expresións e segue negando ou póndose de pefil diante das reclamacións das nacionalidades históricas, unha Europa digo, que se di liberal, pero permite a inxerencia dos Estados na vida e control dos individuos ata límites que rozan os Dereitos Humanos.
Certeza 3
En contraposición co anterior e tal como a ave fénix, o Estado Español renace. Nesta época de tribulacións mal levadas co tema de Catalunya intenta renacer. Concentra o poder, anula as Autonomías, di que o virus non coñece de fronteiras e non pecha Madrid (ou nos permite blindarnos) pero si pecha as de Francia e Portugal. Escóitanse discursos vacuos inflamados de soflamas patrióticas con linguaxe bélica que, por fortuna, a inmensa maioría da poboación lle sonan falsos, demodèes e fóra de lugar para afrontar unha crise sanitaria. Discursos de Vox na voz do gobernó progresista…disque!
A oposición non quere quedar atrais e pide máis e máis duro. Medidas máis duras, máis cartos para todos, máis confinamento, máis axudas… Curiosamente en Europa non o ven claro e xa se irá vendo quen paga todo isto, como se paga todo isto. Algo que parece agora fóra de lugar e inhumano pero que vai ocupar moitos dos nosos días, xa cando o covid sexa unha sombra.
Adubiando todo este panorama a posta en escea parece cando menos sacada doutra época: discursos patrióticos, militares e gardas civís nas teles, heroización do seu traballo e o monarca, na maior crise da súa institución, intentando gañar algo de popularidade a golpe de visita e comunicado. Só falta a Igrexa que entremedias tapa as súas vergoñas co tema das residencias de anciáns, saca tempo para oficiar algunha misa aló por terras andaluzas.
Certeza 4
O sector privado manda. A liña errática levada polo goberno no peche ou non da actividade non esencial é boa mostra disto. Quince días si, quince non, quince si…parece que aquí as tan citadas opinións dos técnicos ou non se tiveron en conta ou directamente os anularon como interlocutores válidos. Evidentemente a dereita neste caso non computa os posibles riscos e mortos coa mesma vehemencia coa que nos ten acostumados durante esta crise.
Certeza 5
A xente de a pé (aquela á que sempre tanto apelaba Podemos) está na casa e está paralizada e sen un interlocutor entre ela e o goberno.
Agora mesmo o asedio informativo á xente é brutal e moito máis para toda aquela que por motivos económicos, intelectuais ou persoais non ten acceso á internet e ao contraste de información.
Como nas guerras déuselles unha canción (Resistiré), un obxecto (o papel hixiénico na primeira fase, substituído agora polas mascarillas e luvas e o eterno debate da OMS), un culpable (a escoller entre un laboratorio, o goberno, a oposición ou se cadra, e por pasar por alí, Oriol Junqueras), un lema (Quédate na casa), e un heroi (os sanitarios e as forzas da orde, así, ao mesmo nivel). Por se isto fose pouco o Presidente quixo colaborar cunha frase desas dos conflitos bélicos que quedan para a Historia: Haremos todo lo que haga falta, donde haga falta, cuando haga falta. Evidentemente as contradicións ante tamaño programa de máximos comezaron no minuto un e apareceu esa forma grotesca que ten por veces de presentarse o contraste entre os feitos e as palabras no Estado Español.
Agora ben, o que máis se deu foi medo. Moito medo en enormes doses resaltando só uns aspectos do virus e non outros. Contradicindo información en menos de 24 horas e adoptando unha posición de que nada do plantexado é debatible. É unha obra mestra de distracción grazas á cal agora a meirande parte da poboación pensa que está na casa para non contraer o virus cando a realidade científica é que a inmensa parte da poboación, se non o contraímos xa, terémolo que facer nun futuro e que todos sairemos á rúa co virus presente. Cómpre pois recordar que estamos na casa para non colapsar un sistema sanitario que está lonxe de ser o mellor do mundo. Dito doutro xeito estannos organizando a entrada nos hospitais.
Certeza 6
En relación co anterior está o feito de que o goberno adoptara unhas medidas que non contemplaron ninguna excepcionalidade ao Estado de Alarma e as medidas a el asociadas nun Estado con máis de 47 millón de habitantes, cunha superficie de 506.000 km2 e cunhas diferenzas e contrastes xeográficos, poboacionais, etc. enormes. Tamén con diferenzas claras no impacto do virus por comunidades.
O consabido centralismo desta vez xacobino meteunos a todos na casa menos aos que non lles deixou a patronal. Nin unha soa excepcionalidade no último decreto para nenos e nenas, para o deporte ou o lecer individual ao aire libre… nada. E o que é peor, fomentar e apoiar un estado de opinión pública que linche ao disidente.
Parece que os políticos de Madrid tratan a xente como adulta e responsable só cando lle piden o voto. Nas situacións de emerxencia: líder carismático, forzas de seguridade, exercito e estabulación.
Certeza 7
A última das certezas non é tal. Máis ben é unha dúbida, un interrogante. Mais parece que nesta crise tamén nos pretenden obrigar a sufrir por quen se nos indique sen que poidamos nin seguera contemplar algunas das mortes como algo natural. Dramatizándoo todo e de todo tirando algunha rentabilidade ata nos nosos sentimentos pretenden inxerencias.
Son preocupantes e tristes as mortes pero tamén o son as circunstancias que as rodean. A dereita coma sempre ancorada nun cristianismo e nunha falsa solidaridade e contemplándoo só como un servizo social a esquerda, non cómpre agora que estamos vendo o que vemos preguntarnos polo modelo social que estamos creando en torno aos nosos maiores.
Hai só un problema de privatización e de falta de recursos detrais das mortes en masa nas residencias, actuando estas case como verdadeiras fosas comúns? É este o modelo? Existen outros? Son preguntas que temos que facernos como galegos pois unhas poucas xeracións antes todo o mundo sabía que opinión lle merecía unha residencia ou un asilo de anciáns. Como puidemos cambiar tanto en tan pouco tempo…
A xeito de conclusión
Non se lle escapan os debates que están na palestra a quen escribe: privatización-socialización, deslocalización-autarquía, social-democracia-neoliberalismo, persoas-rendementos…Con todo comezamos a ter tamén a certeza de que o debate pasados uns meses voltará a pecharse en falso. As posicións a día de hoxe están claramente definidas e o o covid-19 e as súas consecuencias perden peso entre a clase política onde todo o mundo xa cava trincheira. Non descarten eleccións no Estado en menos dun ano. Aquí en Galiza xa leva Feijoo un mes en campaña electoral.
A forma en que o Estado Español asumiu como Institución esta crise é claramente cuestionable. Por contraste con outras zonas, por comparación con outros países e pola posta en escea que roza unha película de Berlanga. Só recordar, para quen busque comparacións, que Italia está entre os países máis centralistas do mundo e na China a persoa individual e os seus dereitos non existen como os entendemos en Europa. A min non me valen. E a vós?