A Mariña, 26 de agosto, 2020. PENSE CANDA NÓS, PRESIDENTE.
Medo, o que temos as familias galegas é medo; cando falamos en público dicimos “preocupación”, ou “coidado” , pero o que temos é medo. Medo a que as nosas fillas e fillos vaian ao colexio a contaxiárense, medo a que enfermen, e medo a que por riba da súa propia enfermidade, traian a desgraza a casa e á vida dos maiores, tan vulnerábeis, e do resto da familia e achegados, iniciando unha espiral imparábel.
Dende o 12 de marzo pasado, cando vostede mesmo saíu aos medios de comunicación para nos dicir que as clases se suspendían porque a situación da pandemia era seria e merecía esa medida, as asociacións de nais e pais galegas estivemos de acordo en que a saúde da comunidade era moito máis importante que o mantemento da presencialidade nas aulas. Asumimos a situación e defendemos o que daquela cumpría: unha mellor asistencia na casa, porque a vida continúa, e defendemos que o importante era o acompañamento ás familias e ás crianzas, para que dentro da situación estrema que estabamos a vivir puideramos manter a normalidade do xeito máis acaído posíbel. Nós fixemos o noso traballo con seriedade, atendemos ás nosas fillas e fillos mesmo por riba do que podiamos ou sabiamos facer, roubamos o tempo de onde non o había para acompañalos, non como nais e pais, iso cómprenos de noso, acompañámolos como mestres, como estudantes, como orientadoras, como técnicos de cantas necesidades había ou apareceron.
O único que daquela esiximos foi que houbera alguén do outro lado, e nin iso foron quen de coordinar dende a goberno da Xunta que entón tamén vostede presidía. Do outro lado houbo, onde o houbo, persoal docente serio e responsábel; e onde non cadrou que houbera ese persoal, onde non había medios tecnolóxicos para que ese persoal chegara, ou onde había barreiras de comunicación persoal ou de formación específica imprescindíbeis, simplemente houbo un enorme baleiro que ninguén encheu, e que aínda hoxe está por resolver para miles de escolares galegas.
Pero ao estarmos na casa o que non había era contaxios, as nenas e nenos non se contaxiaron porque non se relacionaron, e aos serios problemas que non se resolveron daquela non houbo que engadir outros de saúde que multiplicaran os riscos.
Agora si que os hai, agora di vostede que os nenos e as nenas teñen que comezar un curso escolar case ordinario, ordinario en aulas, en profesorado, en distancia (un metro entre o centro das cadeiras é unha distancia tan mínima que resulta difícil atopar aulas onde non se cumprira xa de antes), con algo máis de limpeza se cadra –porque se agardamos pola que faga o propio alumnado imos aviadas- e sobre todo con moita loxística de deambulación polos corredores e de accesos e saídas nos centros escolares para logo mesturárense dentro sen o control necesario.
Medo, presidente, medo é o que temos as familias, e medo é o que deberían ter todas as persoas de ben diante da inexplicábel teimosía do goberno que preside en manter unhas normas que se fixeron hai meses, para unhas expectativas sanitarias que hoxe están feitas anaquiños diante dunha realidade que é aínda máis teimuda ca vostede: comezar o curso hoxe mesmo, xa non digamos coa previsión a quince días vista, coas normas insuficientes e ridículas que están nas mans dos centros, é condenarnos a repetir o que xa vivimos; abrir os centros escolares sen máis dotación, sen máis aulas, con rateos de cheo total, sen persoal sanitario en cada centro –ou vainos dicir que o persoal docente, meus probes, vanse converter en especialistas sanitarios cun cursiño divulgativo dunhas poucas horas?- sen reorganizar as capacidades dos centros escolares, vendéndonos unha e mil veces un aumento do profesorado que é mentira, totalmente mentira porque se os rateos non baixan non hai profesorado a maiores… Con eses vimbios, quen non vai ter medo?
Ese medo, que se está a transmitir entre a sociedade, que vai impregnar os centros escolares, que afecta ao alumnado, ao profesorado, ás familias, ao persoal non docente, a calquera que entre nun centro escolar, que é a concentración de descoñecidas máis grande que se poida dar á vez nun territorio; ese medo, presidente, non lle fai pensar que quizais non se están facendo ben as cousas ?, non se lle ocorre pensar que as galegas e galegos que veñen de escollelo de novo demandan unha presidencia operativa que tome decisións a favor do pobo que a colocou aí ? non pensa que as familias, que somos o pobo todo, merecemos respostas certas, esforzos contrastados, e diálogo serio e constante porque o problema é de todas e queremos solucións iguais para todas?.
Gobernar é organizar e decidir, utilizar os recursos públicos para o que é prioritario, rectificar se as circunstancias o requiren, e actualizar as respostas ao momento no que se atopan os problemas que atemorizan á poboación.
Gobernar sería agora mesmo retirar o mal feito e comezar de novo co que se debe facer, en moitos lugares xa están a facelo, e aquí, vai seguir vostede teimando en que as nenas e nenos galegas volva a clase nestas condicións e con estas inexistentes medidas de seguranza?. Ninguén de nós o faría, agora pense, canda nós, coma nós, quizais así poida entendelo.
Confederación ANPAS GALEGAS

















José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 15 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



