Lugo, a 9 de xaneiro de 2020. O deputado no Congreso por Lugo e portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Popular, Joaquín García Díez, sinalou que “o Brexit supón un novo golpe para A Mariña porque máis da metade da frota pesqueira que faena en Gran Sol é da nosa comarca”. Máis da metade dos 88 barcos que compoñen a frota do Gran Sol pertencen aos portos con base en Celeiro e Burela sumando máis do 50% do total dos dereitos de pesca que ten actualmente a frota pesqueira española nesas augas”. Polo tanto, “calquera redución nas cotas de pesca coma as provocadas polo acordo do Brexit supoñen un novo golpe económico e social para a comarca mariñá”.
Así o denunciou esta mañá en Burela acompañado do deputado por Lugo e vicesecretario de Participación do PP, o viveirense Jaime De Olano; o presidente da Comisión de Pesca no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro; e o tamén deputado autonómico Daniel Vega; ademais do voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, e o voceiro do PP de Burela, Manuel Rouco. Os populares da provincia amosaron así o seu apoio a un sector estratéxico para A Mariña.
Para o portavoz de Pesca do Grupo do PP no Congreso “quedou claro que o alivio inicial do sector se debeu a que o Goberno non tiña informado ao detalle sobre a letra pequena do acordo” porque “ao ir coñecendo máis detalles decatáronse do grave prexuízo económico que supón para o sector e que rolda os 54 millóns de euros en cinco anos, unhas perdas de máis de 9 millóns de perdas para o 2021 que afectarán, maioritariamente, á frota galega”. É que “o pouco que contou o Goberno non contén todas as verdades. Cando fala de cesión do 1% oculta a realidade”, puntualiza García Díez que explica que “nese caso estase referindo a porcentaxes de reducións baseados na estabilidade relativa e non en función de zonas e especies”.
O deputado popular pon como exemplos a zona VI, ao oeste de Escocia, onde a perda de cota no quinto ano sería do 20% aproximadamente para o rape e dun 19% para o gallo e na zona VII, ao oeste de Irlanda, a perda de cota no mesmo período sería do 3,5% para a merluza.
Cotas perdidas e inseguridade
Joaquín García Díez afirmou que “as cotas que se perderon xa, perdéronse para sempre” e sinalou que “é importante acabar canto antes coa inseguridade, coñecer como van afectar as negociacións de cotas tralo período de 5 ano e medio. Agora o que sabemos é que a UE e o Reino Unido acordaron ceder un 25% do valor da pesca sendo diferente a repercusión nas frotas en función dos stocks e das zonas de pesca”.
O popular considera “imprescindible pelexar para que os novos fondos europeos e o paquete de medidas aprobado pola UE permitan subvencionar paralizacións, incluso definitivas, debido ao grave problema de relevo xeracional que non só afecta a tripulantes, senón tamén a armadores”. Ademais, á incerteza do sector ante as consecuencias do Brexit, hai que engadir “a temporalidade dos 5 anos e medio, período moi curto para programar e amortizar as grandes inversións que requiran estas frotas”.
Contacto permanente co sector, que se amosa “preocupado”
García Díez explicou que “o propio sector xa ten expresado a súa preocupación polo grave prexuízo ocasionado á frota española” e, nese sentido, “dende o Grupo Parlamentario Popular estamos traballando de maneira coordinada coas CC.AA. nas que goberna o PP e tamén cos eurodeputados do PP que tamén pediron a comparecencia do Comisario de Medio Ambiente, Pesca e Océanos para que dean explicacións na próxima reunión da Comisión de Pesca”. Así mesmo, “estamos en contacto permanente cos representantes das principais organizacións pesqueiras afectadas como son CEPESCA e a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores a nivel estatal e tamén cos representantes do sector na provincia”. Tanto o portavoz de Pesca do Grupo do PP no Congreso coma outros representantes do Partido Popular da provincia de Lugo veñen de manter unha reunión telemática coa Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Porto de Celeiro e as confrarías de pescadores de Burela e Celeiro.
Nin o presidente nin o ministro explicaron as medidas previstas polo Goberno
O Grupo do PP no Congreso ten rexistrada a petición de comparecencia do ministro Planas o pasado 16 de decembro para coñecer as medidas previstas polo Goberno en materia de pesca para adoptar ante os escenarios da negociación do Brexit. E, agora que xa se coñece o acordo ao detalle, García Díez insistiu en que “é obrigada a súa comparecencia no Congreso para coñecer os plans que o Goberno ofrecerá ao sector ante as limitacións impostas á nosa frota”.
O portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario Popular criticou que “nin o presidente Sánchez nin o ministro Planas deron ningún tipo de explicación ao sector pesqueiro español, a pesar de ser o máis importante da UE. Mentres que outros Gobernos do noso entorno, coma o francés, se volcaron durante e despois da negociación do acordo cos seus sectores pesqueiros, o Goberno español poñía máis empeño en vender o acordo como satisfactorio a pesar dos recortes que se aplicaron nas cotas pesqueiras e do escenario de incerteza que se abre, especialmente, a partir do 2026”.
Proposición no de ley do Grupo Popular no Congreso
García Díez ten anunciado recentemente a presentación dunha Proposición no de Ley por parte do Grupo Popular no Congreso instando ao Goberno a incluír na reserva de axuste do Brexit que se destina aos sectores máis afectados pola ruptura ás rexións que se verán máis afectadas por unha maior concentración de buques pesqueiros nas súas zonas de traballo como é o caso de Galicia.
Igualmente, os populares recollen na proposta ao Goberno a contar coa representación das CC.AA. no seo dos Consellos de Ministros de Pesca da UE dada a importancia futura na negociación anual de TACs e cotas entre a UE e o Reino Unido.


















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



