Santiago de Compostela, 16 de novembro 2021. O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a corrixir a política de persoal que está levando a cabo o ente público Portos de Galiza, convocando as prazas necesarias para mellorar os seus servizos para evitar así tanto a sobrecarga de traballo que padece o cadro de persoal na actualidade, como a externalización ou privatización dos mesmos.
De igual xeito, nunha proposición non de lei defendida pola portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, o Bloque instou ao Goberno galego a iniciar, de acordo cos representantes sindicais dos e das traballadoras, un proceso de estabilización laboral das máis de 43 persoas que teñen nestes momentos contratos temporais nas distintas categorías laborais, tendo en conta que unha parte importante destas persoas se atopan en situación de fraude de lei por abuso da temporalidade. Así mesmo, propuxo a negociación transparente duna RPT coas organizacións sindicais do cadro de persoal que mellore a operatividade de Portos -competente nas 122 instalacións portuarias de titularidade galega- e respecte os dereitos dos traballadorxs da entidade.
Pérez recordou na comisión parlamentaria de Pesca que dos 109 profesionais do organismo (a 31 de decembro de 2019, segundo os propios datos de Portos), 48 pertencen aos servizos centrais localizados en Santiago e 61 aos servizos periféricos, unha estrutura que, segundo explicou, foi medrando exponencialmente nos primeiros e diminuíndo nos segundos, “sen que as advertencias do Consello de Contas, xa no ano 2004, provocara efecto algún na política de persoal do ente”. Neste sentido, alertou que xa daquela, o Consello de Contas destacaba “a concentración de competencias, efectivos e dotacións nos servizos centrais en detrimento dos servizos periféricos con escasos medios persoais e sen unha delimitación clara das súas funcións”.
Segundo a deputada nacionalista, esta situación “continúa e é a principal responsábel das circunstancias actuais nas que están moitas das instalacións portuarias e, dende logo, das condicións nas que traballa o insuficiente persoal que desenvolve as súas funcións nelas”. Nesta liña, Pérez afirmou que estas condicións abranguen dende o escaso número de profesionais, ata unha precariedade laboral que en Portos de Galiza alcanza case un 40%, “con aproximadamente sobre 43 persoas que teñen contratos temporais nas distintas categorías laborais, con contratos de interinidade en prazas estruturais”.
Neste contexto, recordou que a Administración ten a obriga legal de convocar as prazas transcorridos tres anos dende a contratación segundo a normativa vixente, normativa que Portos de Galiza “vén saltando á torera sistematicamente”, cando o proceso de estabilización que debera regular a situación que actualmente padece o persoal de Portos “debera ser unha prioridade para o ente público e non é así”.
Abusivo emprego de asistencias técnicas que acaban en servizos permanentes
“Dicimos que debería ser unha prioridade, primeiro, para cumprir a lei, porque Portos de Galiza ten a moito do seu persoal en fraude de lei; e segundo, porque se evitaría a conflitividade laboral que se está a dar, porque os traballadores e traballadoras en moitísimos casos teñen que acudir aos tribunais de xustiza para reclamar os dereitos que lle corresponden e que a propia Administración lle está vetando”, censurou, para reprobar a continuación que, “a maiores, mentres se lle están escatimando os seus dereitos ao persoal, Portos de Galiza aumenta, cunha facilidade ademais pasmosa, as privatizacións dos servizos, cun abusivo emprego de asistencias técnicas que se acaban convertendo finalmente en servizos permanentes”.
Pérez denunciou que, logo de que o PP asegurara no mes de xaneiro na mesma comisión de Pesca que Portos estaba ultimando a relación de postos de traballo cos representantes das e dos traballadores co obxectivo de que entrara en vigor nas seguintes semanas, o que aconteceu realmente dende entón foi “pouco e, en contra do que di o refrán, malo, moi malo”.
“Porque no mes de abril deste ano, como reacción a un escrito de queixa do comité de empresa, informóuselle dende Portos, nunha reunión na que estaba a súa presidenta e o seu director, que xa tiñan redactada unha RPT e que fora remitida á Secretaría Xeral para a súa tramitación na Dirección Xeral de Orzamentos”, explicou, para subliñar que no mes de setembro o ente volveu convocar outra reunión para transmitirlle ao comité que a nova RPT non fora aprobada polos organismos económicos competentes.
Polo tanto, para a deputada nacionalista e en contra do que anunciara o PP no seu día en comisión parlamentaria, “Portos de Galiza elaborou unha RPT dun xeito absolutamente unilateral, sen dialogar con ninguén” e tamén “unilateralmente e sen negociar absolutamente nada cos representantes das e dos traballadores, a remitiu a Función Pública e á Dirección Xeral de Orzamentos, que non a admite. “A día de hoxe, seguimos sen RPT e, polo tanto, sen posibilidade de promoción interna do persoal, cun abuso de comisións de servizo a dedo, e sen que ese persoal poida cumprir a súa carreira profesional, optar á funcionalización, ou participar nun concurso de traslados”, denunciou, logo de recordar que o último concurso de traslados remóntase neste organismo a 2005.
Logo de cualificar de “esperpénticos” os argumentos empregados polo grupo parlamentario do PP para vetar a iniciativa e, polo tanto, evitar a súa aprobación, Pérez reprobou o seu intento de manipular o debate parlamentario aclarándolle que quen denuncia unha “inflación de cargos ou postos directivos, non é o BNG, senón o Consello de Contas de Galiza”. A portavoz nacionalista de Pesca acusou ao PP de “mentir e manipular na súa intervención ao respecto do persoal de Portos de Galiza” e recalcou que, a pesar do que afirmou, “a realidade é que seguimos sen RPT”.
“E iso non é o máis grave baixo o noso punto de vista, o máis grave é que Portos segue mantendo ao persoal en fraude de lei, cunha precariedade tremenda e facéndoo ir aos tribunais de Xustiza para que sexan eles os que lles concedan os seus dereitos, os que lles corresponden por lei”, concluíu.





















Xunto a este grupo de alumnos e profesores estiveron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Seguridade, Montse Seijo.
A edición incorpora como novidade a primeira inmersión da imaxe da Virxe no porto, prevista para o 11 de xullo. O Día do Carmen, o 16, manterá os actos máis emblemáticos, como a Misa Solemne, a Procesión Mariñeira e a descarga pirotécnica. O programa inclúe verbenas, concertos, actividades infantís, o Día do Bollo e o desfile de Cabezudos. O Concello e SofiTapia animan á participación nunhas festas que volverán converter a vila nun punto de encontro. Os actos no Auditorio Municipal serán de entrada libre ata completar aforo.
Durante a súa estancia na capital, tiveron a oportunidade de coñecer o Senado, onde foron recibidos, entre outros representantes, polo senador lucense José Manuel Balseiro, veciño de San Cibrao e pola deputada no Congreso, Cristina Abades, que traballou durante anos na Casa do Concello. Balseiro deulles a benvida á Cámara e acompañounos nun percorrido polas súas principais dependencias, explicándolles o funcionamento da institución e o labor que desenvolven os senadores. O parlamentario agradeceu á asociación Terra-Mar a organización desta iniciativa, que contribúe a achegar as institucións aos cidadáns e a fortalecer os vínculos entre a Mariña e a representación que exerce a provincia de Lugo no Senado.
Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.



