Lugo, 10 de marzo de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves o envío urxente tanto de axuda económica, como de materiais básicos de primeira necesidade ao pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa.
“Ademais de estar a plena disposición para colaborar no que faga falta coas entidades que están coordinando a cooperación das administracións locais con Ucraína, como poden ser a FEGAMP ou o Eixo Atlántico, dende a Deputación de Lugo tamén faremos unha colaboración directa para contribuír a paliar na medida do posible o sufrimento dos ucraínos e axudar na protección e no benestar das persoas que se vén obrigadas a fuxir deste terrible conflito para salvar a vida, sobre todo mulleres, nenos e persoas maiores”, subliñou José Tomé.
O mandatario provincial explicou que a institución levará a cabo as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella.
Por unha banda, a Deputación fará de maneira inmediata unha contribución económica por importe de 10.000€ a través desta entidade humanitaria e nos vindeiros días, e tamén por medio da Cruz Vermella, aportará outros 18.000€ para a compra de material básico de primeira necesidade que determinen as organizacións que están traballando sobre o terreo en función das necesidades existentes para atender ás persoas que sofren o conflito. Entre eses materias estarán produtos alimenticios, de hixiene ou sanitarios, pero tamén todos aqueles bens que as entidades determinen máis útiles para poder dar resposta aos problemas cos que se atopan tanto as persoas que permanecen en Ucraína na zona de conflito, como as que se atopan fuxindo da guerra nos países limítrofes. “Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Presidente.
José Tomé púxose xa en contacto co presidente desta institución humanitaria en Lugo, Luis Abelleira, co fin de artellar os mecanismos necesarios para coordinar as diferentes liñas de cooperación que a Deputación deseñou para colaborar ante a crise xerada pola invasión rusa de Ucraína.
O Presidente incide que a colaboración económica e material que fai a Deputación servirá para “responder ás consecuencias inmediatas que esta crise está causando sobre a poboación civil e a súa vida diaria, pero tamén nas infraestruturas que están afectando directamente á poboación, deixándoa sen auga, gas ou electricidade”. O mandatario provincial tamén pon en valor o reforzo e respaldo que é necesario facer co voluntariado que “presta primeiros auxilios e apoio psicosocial ás persoas afectadas polo conflito, que as están asistindo na medida que a situación de seguridade o permite”.
Tomé Roca destaca a “absoluta implicación da Deputación de Lugo co pobo ucraíno”, e remarca que a institución que dirixe adopta esta medida porque ante “esta tremenda catástrofe, tan inxusta, temos que amosar a solidariedade dos veciños e veciñas da provincia co pobo ucraíno”. Salienta, ademais, que a coordinación con Cruz Vermella, como unha das entidades establecidas polo Goberno de España para canalizar as axudas, é a vía máis rápida e eficaz para que a nosa colaboración chegue aos ucraínos e ucraínas”.
Declaración institucional
A Deputación de Lugo acordou por unanimidade na Xunta de Voceiros e Voceiras unha declaración institucional de condena á agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.



















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



