Ribadeo, 31 de marzo de 2022. O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte das máis de 75.000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo.
O rexedor na súa intervención dixo que “o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra”.
Suárez Barcia, que leu o nome das 40 persoas homenaxeadas nesta xornada, sinalou que “os Concellos temos que facer obras, actos culturais, etc, pero tamén temos que facer memoria, porque antes ca nós, aquí viviu xente, que tiña familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais de humanidade, e de progreso colectivo, de fraternidade. E tiñan unha cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir”.
O alcalde explicou que as Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén unha delas en Rinlo.
Pilar Otero, a concelleira de Cultura, sinalou que “a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar, non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto”.
O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que “todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino. Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un ano, desde logo, significativo”. No acto tamén tomaron a palabra Ramón López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron lembradas hoxe en Ribadeo.
A continuación proxectouse un vídeo coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.





















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



