A Mariña, 17 de xuño de 2022. En Burela arrincaron esta tarde as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e da Deputación de Lugo para a súa promoción, organiza esta cita, que nesta edición se desenvolven do 17 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño. Nesta ocasión, ademais, realizarase un sorteo entre as persoas que participen que consistirá en 4 premios de experiencias, aloxamento e almorzos nas empresas participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia localizadas na Mariña Lucense.
Desde a Mancomunidade o seu presidente, Fran Cajoto, lembra que “se trata dunhas xornadas con actividades gratuítas que se organizan por cuarto ano consecutivo da man dos artesáns da comarca que conforman o proxecto das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense, polo que a Mancomunidade leva apostando dende hai anos. Na primeira edición destas xornadas no ano 2019 organizáranse en xuño co obxectivo de axudar a dinamizar este mes previo á tempada alta e desta vez, logo dos anos fortes da pandemia cando se centraron no outono, retómanse esas datas co mesmo obxectivo: ampliar a tempada turística”.
Cajoto amósase satisfeito “polo éxito da convocatoria, xa que quedan moi poucas prazas libres. Algunha queda para este domingo e a vindeira fin de semana en San Cibrao e pouco máis”.
As xornadas deste 2022 chegan con novidades: “trátase dunha nova xornada e ruta que discorrerá por Ribadeo ao entrar a participar no proxecto o Atelier Raíces Nómadas, onde Ezequiel Franchi elabora artesanalmente artigos de marroquinería fina e que a partir de agora estará dispoñible para recibir visitas no seu obradoiro. Así pasamos de 6 a 7 Rutas de Artesanía que discorren pola comarca. E, por outro lado, co obxectivo de promocionar esta iniciativa ponse en marcha un sorteo entre as persoas que participen como mínimo en 2 das xornadas – visita ao obradoiro artesán máis actividades – e qué mellor que facelo da man doutro proxecto promovido pola Mancomunidade, o Turismo Slow Norte de Galicia. O sorteo consistirá en 4 premios clasificados en 2 categorías diferentes: 2 premios de experiencias turísticas do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 300 euros cada un e 2 premios de 1 noite para 2 persoas (aloxamento máis almorzo) nun establecemento do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 150 euros cada un”, segue a relatar Fran Cajoto.
A axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, subliña que “as IV Xornadas de Portas Abertas, coma nas anteriores edicións, estarán dedicadas ao público en xeral, pero tamén ao sector turístico e educativo. Arrincan hoxe aquí, en Burela, con visita ás redeiras de Cabo Burela, ao barco museo Reina del Carmen e tamén ás Conservas Faro Burela. Xa mañá, sábado, faremos da Ruta dos Artesáns de Mondoñedo. Visitaremos ás 10:30 horas a Ponte do Pasatempo e o taller de monicreques de Ton Arenas, ás 11:40 horas achegarémonos ata o barrio dos Muíños e ao alfar Esquina Atlántica e ás 13.00 horas realizaremos unha visita polo casco histórico de Mondoñedo, que será guiada por Claudia del Pino. E o domingo en Viveiro visitaremos a Regal Cerámica a partir das 10 da mañá, achegarémonos ao paseo fluvial Alcalde Cerdeiras ás 12:30 horas, percorreremos o casco histórico de Viveiro con Noela Feal a partir da unha do mediodía e ás dúas visitaremos a exposición permanente nos Claustros de San Francisco”.
As IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía seguirán do 23 ao 26 de xuño en San Cibrao, Foz, Ribadeo, A Pontenova e Riotorto.
As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e as actividades complementarias. Para participar é preciso reservar, xa que as prazas son limitadas, en https://amarinalucense.gal/es/rutas-artesania onde tamén se poden consultar as bases do sorteo. Para calquera dúbida ou consulta as persoas interesadas poden dirixirse a turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608.
No acto de inauguración que tivo lugar esta tarde en Burela interviñeron o alcalde burelés, Alfredo Llano, a deputada da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García, a xefa da Área de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez, e o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto.






















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



