A Mariña, 28 de xuño de 2022. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e da Deputación de Lugo para a súa promoción, organizou as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que nesta edición desenvolvéronse as fins de semana do 17 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño e contaron con dúas novidades: unha nova xornada e ruta que discorreu por Ribadeo e un sorteo entre as persoas que participaron como mínimo en 2 das xornadas de 4 premios de experiencias, aloxamento e almorzos nas empresas participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia localizadas na Mariña Lucense.
As IV Xornadas de Portas Abertas discorreron por parte dos 7 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. Comezaron o venres, 17 de xuño, en Burela coas Redeiras Cabo Burela, o sábado, día 18, foi a quenda de Mondoñedo, coa visita ao taller de monicreques de Ton Arenas e ao alfar Esquina Atlántica e o domingo día 19 a iniciativa chegou a Viveiro coa visita a Otero Regal. Xa a seguinte semana, o xoves 23 os participantes achegáronse a coñecer o traballo de Francisco Fra no seu asteleiro de carpintería de ribeira, o venres 24 o do ceramista e artista plástico Daniel Caxigueiro, en Foz, o sábado 25 o de Ezequiel Franchi no seu obradoiro de marroquinería fina en Ribadeo e o domingo remataron estas IV xornadas en Riotorto coa visita ao Ferreiro Manuel Alonso Fojaca (MAF). Todas estas visitas aos artesáns estiveron acompañadas de interesantes actividades complementarias en torno a recursos naturais e culturais próximos que os participantes tiveron a oportunidade de desfrutar.
Nas xornadas, con prazas limitadas, houbo un total de 80 persoas. Algunhas delas participaron en 2 e 3 visitas, sendo deste xeito 54 persoas as que desfrutaron desta experiencia e 22 as que poderán entrar a participar no sorteo que se resolverá o próximo xoves, 30 de xuño, e se anunciará nas redes sociais da Mancomunidade. Para entrar neste era necesario participar en como mínimo dúas das xornadas, tal e como se recolle nas bases do sorteo. A procedencia das persoas foi a habitual nestes catro anos da iniciativa: provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, de Asturias e Madrid, aínda que tamén das Illas Baleares.
As persoas enquisadas valoraron moi positivamente a iniciativa, outorgándolle unha nota media de 9,9 puntos. O 100% recomendaría a experiencia coa que, da man dos propios artesáns, puideron coñecer en detalle e dunha forma interactiva e amena a historia que hai detrás de cada un deles, o seu proceso de traballo e o taller así como algúns dos principais recursos turísticos dos municipios onde transcorreron as xornadas da man de visitas complementarias. Ademais comprobouse como cada vez as Rutas de Artesanía son mais coñecidas, xa que mais da metade das persoas enquisadas xa escoitaran falar delas.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, manifestou que “esta foi unha primeira actuación dentro deste proxecto para este ano. Dende a Mancomunidade imos seguir traballando ao longo deste 2022 cos artesáns e na nova edición da Guía das Rutas de Artesanía, con información actualizada sobre os recursos e artesáns do territorio, unha guía coa que se propón ao visitante afondar no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde están situados e o entorno próximo. A día de hoxe é posible consultar a guía en formato dixital en amarinalucense.gal”.























Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



