Pilar García Porto presidiu a reunión do Consello Provincial de Turismo na que se decidiu distinguir á Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur; a Ruta da Faba de Lourenzá; e a Fundación Xosé Soto de Fión na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, e ao Consello Regulador da DO San Simón da Costa; a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro e a Feira do Butelo da Fonsagrada na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense
Lugo, 5 de setembro de 2022. A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este luns no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos a sesión extraordinaria deste órgano participativo e consultivo na que se fallaron os terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. Ademais, esta edición recoñecerá tamén a sustentabilidade co premio de Turismo Sostible, exclusivo desta edición ao estar enmarcado dentro das accións que a Deputación de Lugo leva a cabo como antesala do evento Copa España Creativa – Fórum Lugo 2022.
Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu á Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur; a Ruta da Faba de Lourenzá; e a Fundación Xosé Soto de Fión, e na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou o Consello Regulador da DO San Simón da Costa; a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro e a Feira do Butelo da Fonsagrada. Pola súa banda, a Cabana das Chousas, en Lugo, foi a empresa recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo sinalou que “con estes galardóns, contribuímos a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta turística e gastronómica da nosa provincia. Unha proxección que ten por obxecto atraer visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego, pero coa que tamén queremos incentivar a modernización do sector, que se xeren propostas innovadoras, suxerentes, e adaptadas aos novos tempos”.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, deberá agora aprobar a decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os premios entregaranse nunha gala o vindeiro 27 de setembro coincidindo, tal e como sinalan as bases, co Día Mundial do Turismo.
O xurado estivo formado por 16 persoas que forman parte do Consello de Turismo, representantes deste sector e coa presenza de deputados e deputadas dos tres grupos políticos da Corporación provincial.
Pilar García Porto destacou o valor destes galardóns que “reflicten moi ben o modelo de turismo cara o que avanzamos na provincia de Lugo e as posibilidades que temos de cara ao futuro. Un turismo sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio, a cultura, a gastronomía e a paisaxe, e que contribúe a xerar riqueza e emprego no rural”.
Así mesmo, a Deputada recordou que dende a Deputación de Lugo “estamos levando a cabo unha estratexia que se traduce en iniciativas concretas, como son as xornadas gastronómicas e de lecer Saborea a túa Provincia; o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; as Actividades Fluviais; as rutas e as guías do románico; as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra; ou o programa Coñece a túa Provincia”.
Os premiados
Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a tres proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:
– A Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, da Pobra do Brollón, resultou distinguida pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial a través das actividades realizadas. Entre as propostas impulsadas por esta entidade están a creación dun roteiro circular polos elementos patrimoniais máis importantes e a participación da veciñanza na posta en valor dun castro e da paisaxe natural. Trátase dun proxecto que ten como fin a recuperación de bens do patrimonio cultural e natural e a acción de embelecemento da paisaxe e do medio.
– A Ruta da Faba de Lourenzá, impulsada pola Cooperativa Terras da Mariña S. Coop. Galega, o Forno de Tovar, o Pazo de Tovar e Lourenzá Turismo, loita pola posta en valor do traballo para dar a coñecer a Faba de Lourenzá, un produto con Indicación Xeográfica Protexida. Esta ruta involucra ao visitante en todas as fases deste alimento e dá a coñecer dende a parte máis primaria do cultivo ata a súa degustación final.
– A Fundación Xosé Soto de Fión resulta premiada polo seu proxecto de protección e divulgación do patrimonio, tanto material como inmaterial, no que levan traballando dúas décadas. A través dunha exposición no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, pódese coñecer o patrimonio do sur da provincia, así como a comarca dos Ancares e a posta en valor do Castelo de Doiras. Trátase dunha entidade que enfoca o seu traballo tanto para turistas como para investigadores que queren coñecer a provincia de Lugo.
Polo que respecta á categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foron galardoados outros tres proxectos:
– O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, en Vilalba, recibe o galardón á gastronomía lucense por poñer en valor un produto como o Queixo San Simón, que é un abandeirado da gastronomía lucense e galega. Trátase dun referente no mundo galego que é exemplo de como recuperar un produto a piques de desaparecer. Hoxe é un proxecto de futuro no que están implicadas un gran número de persoas.
– A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro, en Viveiro, pon en valor a merluza do pincho pescada de xeito artesanal polos barcos locais. Con este evento exáltanse e degústanse ata oito pratos elaborados con este produto de calidade e con materiais 100% ecolóxicos. Os veciños traballan para que esta cita saia adiante ano tras ano e que as persoas que se acheguen poidan coñecer o seu referente gastronómico e a súa calidade.
– O Concello da Fonsagrada resulta premiado pola Feira do Butelo, unha cita de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos da Montaña no que se fomentan a actividade empresarial de produtores e restaurantes locais. Dende 2018 é Festas de Interese Turístico de Galicia e, nesta edición, celebrou a súa 25º edición.
Polo que respecta á categoría de Turismo Sostible, o proxecto das Cabanas das Chousas foi recoñecido pola súa loita para o coidado e protección do medio ambiente co uso de caldeiras de biomasa, o bo mantemento do espazo para a prevención dos incendios forestais ou a instalación de contedores de reciclaxe. As Cabanas están situadas a varios metros do chan, nun bosque autóctono e están totalmente mimetizadas e integradas co entorno.
Entrega de galardóns
Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, …E para comer, Lugo á gastronomía lucense e de Turismo Sostible teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta ocasión será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está prevista a celebración dun acto de entrega das distincións no Pazo de San Marcos.
Na segunda edición destes galardóns, celebrados o ano pasado, foron recoñecidos o Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, e o Concello de Viveiro, na categoría de Lugo Cambia ao turismo lucense. Na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL).




















A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.



