A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os seus homólogos autonómicos entrevistáronse hoxe co comisario europeo Virginijus Sinkevincius
Bruxelas, 12 de setembro de 2022.- Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León solicitarán comparecer de maneira conxunta ante o Parlamento Europeo para dar a coñecer a situación “real” do lobo ibérico ao norte do río Douro, así como as dificultades coas que afrontan as catro comunidades a súa xestión desde que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) decidiu incluílo, hai un ano, na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).
Así llo trasladaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polos seus homólogos autonómicos, ao comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevincius, con quen mantiveron unha reunión en Bruxelas para falar, precisamente, do lobo ibérico, do seu estado de conservación actual e da necesidade de manter o difícil equilibrio entre esta especie e a actividade agrogandeira coa que comparte territorio.
Neste sentido, a responsable galega subliñou que para asegurar a continuidade do lobo en Galicia e a súa convivencia co sector primario, a Xunta aprobou en 2008 un Plan de xestión específico que, entre outras medidas, prevía a posibilidade de autorizar accións puntuais de control sobre as poboacións desta especie, así como axudas económicas dirixidas tanto a previr posibles ataques como a paliar, de ser o caso, os danos causados, mobilizando a tal fin 5,85 millóns de euros entre os anos 2016 e 2022.
O resultado destes esforzos, tal e como dixo, foi que durante os últimos 15 anos se logrou manter nun estado de conservación “favorable” as poboacións de lobo existentes en Galicia, garantindo á vez a súa convivencia co medio rural. Esta situación, sen embargo, contrasta coas conclusións transmitidas polo Goberno central ás autoridades comunitarias sobre a situación actual da especie nestas catro comunidades, un territorio que concentra o 95% dos exemplares de lobo ibérico de todo o país e cuxa realidade non ten nada que ver coa que presentan as poboacións ao sur do río Douro.
Así, os catro representantes autonómicos entregáronlle ao comisario unha carta conxunta na que lle trasladan a situación que supuxo para os seus territorios a inclusión desta especie na Lesrpe, o que lles impediu levar a cabo a xestión e conservación do lobo como viñan facendo desde hai máis dunha década, con controis mediante a extracción de exemplares puntuais polo danos causados nas explotacións gandeiras.
Na mesma liña, censuran que o informe de seguimento sexenal remitido por España sobre o lobo conteña “erros incomprensibles” e conclúa que o estado de conservación da especie é “desfavorable inadecuado”, algo que non se corresponde coa realidade nin cos datos achegados polos Gobernos rexionais, administracións responsables da xestión das poboacións nos seus respectivos territorios.
Por iso, defenderon tamén a necesidade de reforzar o peso das rexións na Unión Europea para que o traballo que realizan no marco das súas competencias as comunidades autónomas poida ser tido en conta e valorado.
Situación na Comunidade galega
Con relación á situación concreta de Galicia, Ángeles Vázquez explicou que da análise realizada pola Xunta sobre a dinámica poboacional da especie, a súa área de distribución natural e as perspectivas futuras durante o período 2013-2018, concluíuse “claramente” que o lobo presenta un estado de conservación “favorable”.
De feito, avanzou que os traballos para actualizar o censo do lobo na Comunidade —que se prevén rematar no último trimestre deste ano— apuntan a que a situación se mantén nesta mesma liña. “Solidariedade si, pero instamos ao Goberno central a que nos deixe ás Comunidades ao norte do río Douro a seguir facendo a xestión da especie”, declarou a conselleira, quen lembrou que en Galicia se rexistran unha media de 6 ataques diarios.
Invitación para visitar Galicia
Ante esta situación e os prexuízos que supón para as súas comunidades o actual estatus do lobo, os catro representantes autonómicos convidaron ao comisario así como a unha delegación da Comisión de Medio Ambiente da Eurocámara a visitar os seus respectivos territorios para coñecer sobre o terreo a situación real do lobo e escoitar de primeira man as demandas e problemas dos gandeiros e veciños das zonas nas que se concentra.
De igual xeito, convidaron tamén á Comisión a realizar as auditorías que estimen oportunas para cotexar os datos do lobo nas catro comunidades.
Cómpre lembrar que en setembro do ano pasado entrou en vigor a orde ministerial pola que se incluíu a todas as poboacións de lobo ibérico ao norte do río Douro dentro da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Esta decisión, adoptada unilateralmente polo Goberno central e sen ter en conta o criterio das principais comunidades lobeiras, supuxo a prohibición práctica de calquera medida de control cinexético fronte á especie debido ao seu novo nivel de protección.
Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León recorreron a orde ante a Xustiza, ao entender que o estado de conservación favorable da especie non xustificaba desde o punto de vista científico a decisión, nin tampouco se adoptara seguindo os trámites previos nin os pasos habituais para introducir unha nova especie na Lesrpe.
A pesares disto, o pasado mes de xullo o Ministerio aprobou a nova Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades do medio rural, sen ter novamente en conta as alegacións das principais comunidades lobeiras e co voto en contra de Galicia, entre outros.





















Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



