O Presidente subliñou en Madrid que a provincia “sitúase entre os grandes polos do románico a nivel de toda Europa”, unha potencialidade que a institución aproveita para promover “un turismo non masificado, personalizado, no que cada visitante deseñe a súa propia experiencia”
Lugo, 19 de xaneiro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no stand de de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a nova campaña de promoción turística lanzada pola institución provincial, Lugo, provincia románica, coa que dá un novo paso na súa estratexia para impulsar o turismo de calidade e sostible. Así o explicou Tomé Roca na presentación deste mediodía, na que estivo acompañado polo protagonista da campaña, o actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022.
“Chechu Salgado é un bo representante do gran talento emerxente que temos na provincia de Lugo, neste caso, no audiovisual. Por iso, parecíanos o mellor embaixador posible para facernos mirar cos ollos e valores de hoxe o rico patrimonio centenario da nosa provincia”, loou Tomé Roca, que destacou que a presencia da Deputación en Fitur “un ano máis, representa unha nova etapa no desenvolvemento do modelo de turismo sostible e de calidade que vimos fomentando”.
O promocional da Deputación, tal e como relatou o propio actor sobre o escenario de Fitur, amosa a viaxe sensorial de Chechu Salgado pola provincia. Un audiovisual no que a paisaxe e o rico patrimonio do territorio acompañan ao intérprete para compartir cos espectadores a experiencia única que viven os visitantes que escollen Lugo como destino turístico.
Tomé Roca defendeu que este tipo de turismo “conxuga o respecto ao medio ambiente coa posta en valor do patrimonio cultural. Un modelo que xera riqueza e emprego de calidade e que convértese nun elemento fundamental para envorcar as dinámicas demográficas do rural, ofertando á mocidade posibilidades de negocio e proxectos de futuro alí onde teñen as súas raíces”.
Sobre a iniciativa da Deputación, o Presidente explicou que “este ano optamos polo románico como fío condutor da nosa proposta”. Sinalou que “Lugo é unha das provincias españolas nas que este estilo, ligado ao Camiño de Santiago, deixou maior número de monumentos. Unha concentración que sitúa a zonas como a Ribeira Sacra entre os grandes polos do románico a nivel de toda Europa”.
“Aproveitando toda esta riqueza, apostamos por un turismo non masificado, personalizado, no que cada turista deseñe a súa propia experiencia, que elixa cales dos centos de templos e mosteiros repartidos pola nosa provincia quere visitar”, apuntou José Tomé, que sinalou que “para facilitar esta labor, desde a Deputación preparamos xa diferentes rutas do románico pola provincia e publicamos guías actualizadas sobre este patrimonio que están tendo gran acollida”.
Neste sentido, o mandatario provincial engadiu tamén que a entrada na Ruta Transrománica –recoñecida polo Consello de Europa- converteu á provincia de Lugo no primeiro territorio de Galicia e o terceiro de toda España en formar parte desta iniciativa, “que supuxo un salto cualitativo e cuantitativo moi importante na promoción do patrimonio románico da provincia como recurso turístico”.
Convidou o Presidente a “poñerse na pel do mozo curioso que interpreta Chechu Salgado no audiovisual que presentamos hoxe, e que saian a descubrir os segredos do románico da provincia de Lugo. Son tesouros á vista de todos, pero agochan marabillas que cada un descobre por primeira vez. Invítolles a que, coas igrexas e as pedras, percorran os camiños, cheguen aos pobos, falen coa xente, desfruten da comida, do viño, e que se senten un anaco a coñecer a nosa mellor historia e as nosas tradicións”.
Concluíu Tomé Roca que “falando do Lugo que fomos onte e do Lugo que fomos hoxe, seguro que atopamos as claves para seguir construíndo a provincia de Lugo de progreso que queremos seguir sendo no futuro”.
Avances no Plan de Sustentabilidade da Mariña
O mandatario provincial asistirá esta tarde á presentación da campaña Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Unha estratexia turística que ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e a notoriedade do destino, reforzando o posicionamento da Mariña. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, dará conta dos avances do Plan de Sustentabilidade Turística que lle foi concedido polo Goberno de España a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar a zona norte da provincia.
O Presidente destacou neste sentido que, no marco do seu apoio constante ao turismo e aos concellos, a Deputación de Lugo aporta 81.000€ á Mancomunidade para que poida materializar precisamente ese conxunto de medidas.
Expomar 2023
Tomé Roca pechará a axenda en Madrid esta tarde coa presentación da décimo novena edición da feira náutico pesqueira na Casa de Galicia. O Alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalará as principais novidades deste ano que se celebrará do 10 ao 13 de maio. Destacou o Presidente a relevancia da pesca para a economía da provincia, enmarcando precisamente a achega de 12.000€ da institución provincial para a celebración desta cita na colaboración continua da Deputación ao sector.





















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.