Este domingo, nenas e nenos de Burela desfrutaron das actividades organizadas pola USC no pavillón Monte Castelo, en dúas sesións para diferentes idades
Burela, 6 de marzo, 2023. Un éxito este primeiro ciclo das actividades “Xogos cooperativos: cohesión grupal e traballo en equipo” do Plan Corresponsables, organizadas pola USC, financiadas pola Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e nas que colaboraron o Concello de Burela e o club de fútbol sala Pescados Rubén Burela FS. Durante a tarde do domingo no pabellón Monte Castelo, de 16.30h a 17.45h levouse a cabo a primeira sesión na que xogaron nenas e nenos de entre 6 a 9 anos e de 17.45h a 19.00h a segunda na que participaron nenos e nenas de 10 a 15 anos.
Dirixida por un psicólogo especialista no deporte e varios educadores físicos con ampla experiencia en deportes colectivos, aprenderon valores e dinámicas de cooperación que fomentan o traballo en equipo, a tolerancia, o esforzo, etc. a través dunha introdución teórica e a posterior posta en práctica dos conceptos aprendidos, con xogos como “Lazarillos”, “Paso de cinta”, “Helio Stick”, ou “A fontanería”.
O día 19 de marzo levaranse a cabo estas mesmas actividades no Pavillón do Colexio Martínez Otero de Foz e no Pavillón de A Veiga de San Cibrao para xs nenxs destas localidades e arredores, divididas en 2 sesións:
En San Cibrao (Pavillón A Veiga):
– De 6 a 9 anos: de 10.30h a 11.45h.
– De 10 a 14 anos: de 11.45h a 13.00h.
En Foz (Pavillón Colexio Martínez Otero):
– De 6 a 9 anos: de 16.30h a 17.45h
– De 10 a 14 anos: de 17.45h a 19.00h.
A INSCRICIÓN É GRATUÍTA. Realizarase exclusivamente a través da web “CORRESPONSABLES” da USC por parte do/da pai/nai/titor/titora ou persoa responsable.
https://corresponsables.usc.gal/corresponsables/publica/actividad/ampliar.xhtml?idobjsel=236
Terán prioridade de inscrición as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan cargas relacionadas con coidados. Tamén a comunidade universitaria da USC.























A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



