Ribadeo, 9 de agosto, 2023. O BNG de Ribadeo reclama do goberno municipal que se aclare a actuación nos distintos puntos lilás (aparecen como “Puntos Violeta” nas carpas) que o concello puxo a disposición das mozas e mulleres ribadenses en diferentes actos festivos que houbo en Ribadeo nestas vacacións. Ante a necesidade de aclarar que ocorreu neses puntos de información, nomeadamente no da Xira de Santa Cruz, e despois da denuncia do Observatorio da Mariña polo Igualdade e doutras persoas que estiveron presentes, facémonos as seguintes preguntas:
Cal foi o procedemento seguido para instalar estes puntos lilás de información e asesoramento ante posíbeis agresións sexuais nos diferentes actos que se celebraron en Ribadeo?.
Estes puntos de información, foron atendidos por persoal do concello coa debida formación para cumprir as funcións propias de tal centro de información? Foron, no seu caso, atendidos por persoas alleas ao cadro de persoal do concello?.
De ser certo isto último, que procedemento se seguiu para facer a selección e posterior contratación do persoal que atendeu ditos puntos lilás?.
Fíxose algún tipo de folleto para dar información? Dispúxose, en todo caso, de algún tipo de folleto (xa elaborado para outras actuacións doutros puntos lilás) co que informar ás persoas usuarias de dito punto de información e asesoramento?.
Estaba presente e á vista o protocolo de actuación a seguir en caso de nos atopar cunha situación de denuncia por agresión sexual? Era coñecedor o persoal que atendeu este punto lilá da necesidade de mostrar publicamente dito protocolo de actuación?
Que horarios de atención ao público se habilitaron? Cren vostedes que eran suficientes para que estes puntos de información e asesoramento cumprisen a súa función?.
Estiveron abertos ditos puntos lilás en horario nocturno, precisamente o período en que máis agresións se chegan a producir?.
Tiveron constancia continuada do desenvolvemento de actuacións por parte das persoas que atenderon ditos puntos lilás ao longo da súa apertura?.
Centrando a nosa atención no ocorrido no punto lilá da Xira de Santa Cruz:
Eran vostedes coñecedores da maneira en que se estaba a proceder na xestión dos punto lilá de Santa Cruz?.
Que teñen que dicir ao respecto da actuación das persoas destinadas a atenderen dito punto lilá na Xira de Santa Cruz?.
Cando tiveron coñecemento do que estaba a ocorrer no punto lilá da Xira de Santa Cruz (inxesta de alcohol, realización de xogos non relacionados directamente coas tarefas de tipo punto informativo, senón como puro divertimento, etc.) adoptaron algún tipo de medida ao respecto?.
Despois de todo o traballo feito ao longo de tantos anos, e que converteu a Ribadeo nun referente de loita feminista e contra a violencia machista, non cren vostedes que ocorrido cos puntos lilás nestes días bota por terra o prestixio acadado polo Concello de Riabdeo?.
O señor Abascal e Vox negan a vioencia machista. O señor Feijoo óbviaa e silénciaa por puro interese e egoísmo político e electoral. Semella que vostedes, a nivel municipal, queren facer de dita loita contra a violencia machista unha reunión entre amigos e amigas e botar unha partida. Señor alcalde, Daniel Vega, vostede dicía hai uns días nunha entrevista que Vox e o BNG se tocaban nos extremos e poñíase vostede no centro e a moderación. Que moderación pode haber en silenciar e negar a violencia machista? Que moderación e seriedade pode haber en facer da loita contra a violencia machista unha festiña entre compis. Señores concelleiros e concelleiras relacionados coa loita contra a violencia machista; señor Daniel Vega, póñanse a traballar e déixense de lerias. Gobernen, que para iso foron elixidos/as. E loiten con empeño contra a lacra da violencia machista, non a neguen nin a ignoren nin fagan dela un teatriño para sacaren unhas fotos e quedaren ben.























Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



