Os populares propoñen que o Goberno “desenvolva un plan estratéxico para adaptación e mellora dos convois que circulan por esta liña de ancho métrico e, ao mesmo tempo, recupere horarios e frecuencias”
Viveiro, 24 de outubro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Viveiro pedirá no vindeiro pleno que o Concello inste ao Goberno central a impulsar o servizo ferroviario de FEVE na Mariña. “Desde o Partido Popular queremos que Viveiro se desenvolva e conecte” e, polo tanto, “instaremos á corporación a que o Concello chame ás portas do Goberno para que, finalmente, desenvolva un plan estratéxico para adaptación e mellora dos convois que circulan por esta liña de ancho métrico e, ao mesmo tempo, recupere horarios e frecuencias”. Igualmente, piden que “o Goberno outorgue as mesmas medidas compensatorias a Galicia que as anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens”.
A portavoz, Mariña Gueimunde, sinala que “todas as infraestruturas son necesarias para intercomunicar o noso Concello tanto coa comarca da Mariña, a comarca de Ferrolterra ou a comunidade asturiana”. Pero, lamentablemente, en Viveiro o servizo de transporte ferroviario -antes coñecido como de vía estreita e agora de ancho métrico- “non se axusta ás necesidades e demandas dos usuarios nin serve para comunicar, sequera, co concello veciño”.
A popular incide en que “non hai servizo en horarios suficientes de ida e volta, nin persoal que o atenda, nin os convois son modernos nin cómodos nin accesibles”. Para Gueimunde “temos un servizo público que podería ser utilizado, sequera, para achegarse ao Hospital da Costa, pero que a día de hoxe está obsoleto”.
De feito, lembra que presenta recoñecidas deficiencias: continuos atrasos, avarías, cancelacións, falta de persoal, eternas viaxes de percorrido interminable, interrupcións de servizos, traslados inoportunos en buses ou taxis, desprendementos de terra, etc”. A este respecto, os populares engaden que “a falta de inversións e melloras somerxen a esta liña nun proceso de práctico desmantelamento que a reducen a unha presenza testemuñal desprovista de funcionalidade como transporte público”.
ATRASO NA ENTREGA DE MATERIAL E PREXUÍZOS A GALICIA
A situación da liña de FEVE na Mariña viuse agravada cando se constatou que o Goberno de España ía incumprir o seu compromiso de renovación da frota no ferrocarril de vía estreita a raíz do erro nos cálculos nos gálibos da infraestrutura dos novos trens, o que provocará un atraso considerable na chegada dos novos convois, como mínimo de tres anos, segundo as previsións que baralla o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Este atraso na entrega do material rodante para o servizo operado pola antiga Feve é un agravio máis para os intereses de Galicia e da comarca, que a estas alturas, aínda non recuperou os servizos cancelados por mor da pandemia sanitaria”, expoñen os populares.
Á lista hai que sumar, o anuncio da titular do Mitma de que en Asturias e Cantabria o servizo será gratuíto como medida compensatoria pola tardanza na entrega dos novos trens. De feito, comprometeu a transferencia dos recursos necesarios ás dúas comunidades autónomas para bonificar o seus servizos de cercanías ata o 2026, é dicir, para calmar a indignación de Asturias e Cantabria o Goberno central tira de recursos públicos para tentar rebaixar a tensión das críticas; pero desvincula a Galicia das bonificacións, sendo tamén prexudicada e afectada polo atraso na incorporación dos novos trens á frota da rede de ferrocarrís de ancho métrico.
Outro dos prexuízos do Goberno con Galicia e, concretamente, coa provincia de Lugo é que “a nosa provincia quedou fóra da rede da alta velocidade, mentres que en Asturias comezará a operar a finais deste ano”.
PROPOSTA DE ACORDO
Os concelleiros do Partido Popular propoñen os seguintes puntos de acordo:
1.- Instar ao Goberno de España para que outorgue a Galicia as mesmas medidas compensatorias anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens da liña ferroviaria de ancho métrico que operan na nosa Comunidade e que aseguran aos usuarios a gratuidade do servizo, cando menos, ata 2026.
2.- Instar á alcaldía a liderar un movemento nas comarcas da Mariña e Ferrol-Terra que impulse coa maior brevidade posible un Plan integral de mellora que aborde todas as súas deficiencias. Un plan para a electrificación da totalidade da liña de ferrocarril de ancho métrico que opera en Galicia.
3.- Acompañe a necesaria modernización do material rodante na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo co incremento de frecuencias que permitan atender axeitadamente a demanda de mobilidade dos usuarios.





















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



