“A todas as persoas que queren cambio, dá igual o que votaran noutras eleccións, dígolles que este é o momento de apostalo todo ao BNG para derrotar ao PP”, asegurou
Santiago de Compostela, 11 de febreiro, 2024. A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, pediulle aos galegos e as galegas “desde a humildade, que me permitan ser a súa presidenta e poñer en marcha unha Galiza mellor”. Así o afirmou no mitin en Lugo, onde se amosou convencida de que o cambio en Galiza non só é posible, senón que xa é imparable porque hai unha corrente de esperanza que medra día tras día en torno á candidatura do BNG.
“Hai un movemento imparable porque hai miles de persoas que están fartas de ver como Galiza perde e queren abrir un tempo novo poñendo en marcha unha Galiza mellor, facendo historia cunha presidenta coas mans libres para defender o País”, proclamou. “A min ninguén me vai poñer límites á hora de defender os intereses dos galegos e as galegas, eu ben sei a quen me debo”, engadiu no mitin da cidade das Murallas, no que tamén interveu a cabeza de cartel por Lugo, Olalla Rodil, e a candidata Montserrat Valcárcel.
Pontón apelou de novo á mobilización masiva e a concentrar o voto do cambio no BNG, a forza capaz de derrotar ao PP este 18-F. “Que nin un só voto do cambio quede na casa. Non se pode perder nun só voto”, recalcou, para a continuación insistir en que “da igual o que votaran noutras ocasións, este é o momento de que todas as persoas que queren cambio e queren abrir un tempo novo en Galiza aposten todo á papeleta do BNG”, dixo convencida de que o Bloque é, a menos dunha semanas das cita coas urnas, a forza que representa “a esperanza para todos os galegos e galegas que queren que Galiza empece a gañar”.
Na súa intervención Pontón aludiu ás declaracións do candidato Alfonso Rueda, que dixo que como o PP ten palabra non promete nada do que non pode cumprir. “Recordades cando en 2009 dicían que ían construír o Ave de Lugo a Ourense con cartos da Xunta? Recordades cando dicían que se o PP gañaba se acababan os problemas en Alcoa? Recordades cando prometían rehabilitar a Tinería, construír vivenda pública nesta cidade, cando anunciaban o Museo da romanización ou a posta en marcha dun centro de emprendemento da industria aeronáutica porque Rozas ía ser a Citroen de Lugo?”, preguntou Pontón ao auditorio de Lugo.
“Menos mal que teñen palabra! Menos mal que só prometen o que poden cumprir”, ironizou a continuación a candidata nacionalista, para quen “o PP fixo da mentira a súa forma de facer política”. “Señor Rueda, tanta trola xa non cola”, afirmou.
Por iso, Pontón dirixiuse á maioría social que quere pasar a páxina da Galiza gris e en pequeno que deixa o PP, que xa demostrou que “non ten nin proxecto, nin ideas nin ilusión” e, pola contra, se ten convertido nunha “rémora” para o País . Unha maioría de xente que quere cambio á que emprazou a votar masivamente ao Bloque para “facer historia” facendo que o País colla outro rumbo cara unha Galiza cun goberno, do BNG, que resolva os problemas e mellore a vida da xente.
“Quero ser a presidenta dos galegos e das galegas para defender a sanidade pública, para poñer en marcha un novo modelo de coidados no que as persoas maiores poidan desfrutar desa etapa da vida nas súa casa; para darlle oportunidades á xente nova para que teña futuro aquí e non se vexa na obriga de emigrar e para seguir construíndo unha Galiza que aposte pola igualdade e polo feminismo”, asegurou.
“Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, continuou Pontón, que asegurou que estes días ve aos dirixentes do PP “enfadados, preocupados e moi, moi nerviosos” ante o avance imparable do BNG, un PP que confía tan pouco no seu candidato que o esconde e non o mandan aos debates. “Confían tan pouco que ata mandaron reforzos”, dixo aludindo ao “turismo electoral” desta fin de semana.
“Pois aínda que traian a toda a Armada e a toda a artillería o l18 de febreiro van saber o que é perder unhas eleccións. Porque imos gañar”, proclamou Pontón, segura de que o 18F os galegos e as galegas van apostar por construír a Galiza en grande que propón o BNG.
Na cidade das Murallas, Pontón fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas de Lugo para que o 18F sexan o motor do cambio que a Galiza do interior precisa cun goberno que aposte de maneira decidida pola cohesión territorial e a igualdade de oportunidades no conxunto do País.





















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



