Olalla Rodil: “Temos unha rede de residencias sostida sobre o lombo de mulleres precarizadas, e só dous de cada dez centros son 100% públicos”
Santiago de Compostela, 18 de decembro 2024. A deputada do BNG Olalla Rodil recriminoulle ao PP o alto grao de privatización nas residencias de maiores en Galiza e esixiulle un cambio de modelo que garanta dereitos fundamentais como o dereito a unha vellez digna”. Advertiu que temos unha rede de residencias “sostida sobre o lombo de mulleres precarizadas, nas que só dous de cada dez centros son de titularidade e xestión públicas”.
Rodil reclamoulle ao Executivo de Rueda no Pleno deste mércores un cambio de modelo por outro que fortaleza e amplíe a rede pública apostando pola xestión directa das residencias, “non por teima”, senón para “garantir dereitos fundamentais como é o dereito a unha vellez digna”, explicou.
Para a deputada nacionalista é preciso “un modelo de atención centrada nas persoas”, advertindo que “iso non se garante con ordenadores e robots, senón con persoas, con xerocultoras e auxiliares, que son as que coidan, as que erguen, limpan, asean, estimulan e dan, nunha palabra, vida”. “Temos unha rede de residencias sostida sobre o lombo de mulleres precarizadas”, manifestou.
Durante a súa interpelación á Conselleira de Política Social, Fabiola García , Rodil quixo agradecer a presenza no Parlamento de persoas e familiares de usuarias de residencias de maiores, ademais de traballadoras de residencias privadas que levan meses mobilizándose por un convenio xusto e por condicións laborais dignas. Traballadoras que, tal e como lembrou a deputada, seguen agardando unha reunión coa responsable das políticas sociais, porque, “lonxe do que se poida intentar facernos crer, as condicións destas mulleres dependen do Goberno da Xunta de Galiza, que é quen financia con máis de 100 millóns de euros ao ano ás empresas para as que traballan”, indicou.
Rodil exemplificou coa nómina dunha xerontóloga as condicións das traballadoras das residencias privadas, que cunha antigüidade de case vinte anos, cobra 1.232 euros ao mes, con plus de nocturnidade e plus de domingo. Sen esa antigüidade, que serían 200 euros ao mes, “estás por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional con 1.062 pírricos euros”, precisou. “Esas son as condicións nas que coidan aos nosos pais, avós, veciños e irmáns”, salientou.
Afondando nas súas condicións, exemplificou a escaseza de persoal en “residencias regadas con diñeiro público” con un centro privado de 160 prazas e cinco plantas onde na quenda de noite están só dúas auxiliares e unha enfermeira. “E é legal”, engadiu.
Engadiu que o BNG non cren no modelo de coidados que se ten hoxe, cunha rede de residencias con “prazas insuficientes e absolutamente privatizado”.
Na resposta á conselleira, que presumiu de estar aumentando a rede de residencias públicas cos centros construídos pola Fundación Amancio Ortega, Rodil recordoulle que a Xunta “non tivo que meter un euro nela pero púxoas en mans de entidades que nin sequera se dedican ao sector do coidado ata hai catro días”, como a que xestiona a Fundación Fesán en Lugo, con 85 usuarias, 60 grandes dependentes, dúas auxiliares na quenda de noite e dúas na da mañá. “Como se pode atender a dez grandes dependentes por persoa traballadora?; en que condicións está a xente? É responsabilidade súa Consellería” resaltou.
A deputada nacionalista contrapuxo o exemplo dunha residencia pública, con 130 prazas, catro auxiliares nunha quenda de noite, unha enfermeira e unha ordenanza, para demostrar que outro modelo é posible.
Rodil insistiu na precarización deste modelo de residencias baseado en “rateos de persoal de atención directa fixados hai 30 anos e que nin sequera se cómpren”. “Este luns vimos que decidiron reformar, sen falar con ninguén, a Orde de 1996 para incrementar levemente a rateo de enfermería pero sen tocar o máis mínimo o número de xerocultoras”, subliñou.
Tamén recriminou que a Xunta do PP anunciase que en 2025 se ían suprimir as suxeicións físicas. “Iso é propaganda porque en realidade comezaron hai un par de semanas a falar do tema nas residencias públicas, coma a Torrente Ballester na Coruña. Na privada nada”, apuntou, sinalando que a día de hoxe non hai nin material esencial para levar á práctica esa supresión, nin camas a ras de chan, nin cadeiras adaptadas nin moito menos persoal suficiente nos centros públicos nos que hai máis de 20 persoas con suxeicións.
Rodil criticou tamén o “raquítico” persoal para atender perfís sociais que nada teñen a ver coas residencias de maiores e asegurou que, tal e como leva denunciando o BNG desde o ano 2023, “todo o sector está alarmado coas consecuencias do ingreso nas residencias de persoas con enfermidades psiquiátricas, persoas con drogodependencia, sen persoal e sen formación específica. Denuncia que o persoal médico só recibiu seis horas de formación teórica e outras seis de formación presencial impartida por unha empresa privada, mentres as enfermeiras, que son as que están día a día “poñendo o corpo”, se lles impartiron seis horas de formación temática”.
Recollendo as palabras das propias traballadoras, e ante estes anuncios propagandísticos da Xunta do PP, Rodil manifestou que “para poñer en práctica a xeriatría do futuro, hai que poñer persoal e mirar as condicións nas que está a xente hoxe”.
Os datos dunha rede “absolutamente privatizada”
Durante a súa exposición, Rodil tirou dos datos da Consellería de Política Social, que din que en Galiza hai a día de hoxe 1.500 persoas agardando por unha praza de residencia, para constatar que “temos unha rede insuficiente que non chega nin sequera para atender as necesidades actuais das persoas co dereito recoñecido a unha praza de residencia pública”.
Rodil lembrou neste punto os datos coñecidos esta semana de que 6.500 persoas morreron en Galiza esperando desde o ano 2017 esperando por acceder aos dereitos que teñen recoñecidos pola Lei de Dependencia desde 2006.



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



