Tras dominar o partido e cunha vantaxe de 0-2 no marcador, escápaselles a copa aos burelenses nos últimos dous minutos de xogo
Burela, 14 de xaneiro, 2025. O conxunto masculino do CD Burela FS enfrontouse ás 20.00h desta tarde ao Stellae-Leis Pontevedra FS no encontro de semifinal de Copa Galicia no pavillón Monte Carrasco de Pontevedra, cun resultado final 2-2 (4-5 nos penaltis). Cunha plantilla moi xustiña se enfrontou hoxe o CD Burela FS á semifinal de Copa Galicia en Pontevedra, 8 xogadores dos que un deles, R. Ribeira, non arriscou a xogar tras sufrir unhas molestias no xeonllo a raíz do partido do sábado pasado. Encontro sufrido por este motivo, contando con poucas rotacións, pero que como cada fin de semana nos partidos de Liga, os nosos Pícaros loitaron, dándoo todo durante os 40 minutos de xogo. Aínda que dominaron o partido e parecía que tiñan a vitoria no peto, un último minuto fatídico para os mariñáns róuballes a clasificación para a final da copa, chegando a empatar o Stellae e finalmente caendo nos penaltis con dúas paradas do porteiro local e unha de Mika.
Na primeira parte custa atopar o gol a ambos conxuntos, ocasións polas dúas bandas aínda que lixeiro dominio do Burela con máis posesión do balón e máis tiros a porta. Un par de saídas de porteiro con Mika nos primeiros 10 minutos, unha delas preto de atopar o gol que salva Dani sacándoa por encima do travesero. Ocasión de Pitero no minuto 13 nunha boa transición que remata cun pase cruzado de Isma na área ao xogador burelense e que desvía o porteiro local cunha cruz. Disparo de Quelle que se vai fóra rozando o pau a 4 minutos do descanso. Presión alta do Burela nos últimos minutos do primeiro tempo, unha ocasión do Stellae no 18 nun bo contraataque que non acerta coa portería de Mika e outra de Juninho nos últimos segundos que logra burlar a case toda unha defensa pontevedresa e logra coala ao segundo pau onde non consegue chegar ningún dos seus compañeiros. Imos ao descanso sen goles.
Comeza a segunda parte non moi diferente á primeira, dominio dos visitantes con algún contraataque perigoso do Stellae. Minutos ofensivos dos locais do 23 ao 25, que tentan manter a posesión de balón e a presión con saídas de porteiro. Paradón de Mika no minuto 25 que a saca á banda co pé tras un disparo afastado do porteiro Dani en situación de presión de 5 con porteiro. Outra boa ocasión de Said no minuto 27 que se vai rozando o pau nun disparo raso cruzado. Volve recuperar a presión o Burela e case a mete Juninho no minuto 28 tras un saque de banda cun lanzamento afastado que bloquea o porteiro e téntao o Pontevedra cunha contra na seguinte xogada lanzándoa de novo fóra. Recuperan o dominio do xogo os mariñáns e case logra Quelle o primeiro gol cun disparo dende a área que despexa Dani, e segundos despois chega o gol, o mesmo Quelle protagoniza unha preciosa xogada individual que finaliza cun golazo por toda a escuadra. Non pasa un minuto cando chega o segundo, un gol de Araya a portería baleira tras unha recuperación nunha presión do Stellae con saída de porteiro. Téntao o Leis Pontevedra con xogo de 5 para 4 con Mario de porteiro-xogador e logra o gol no último minuto, un tanto de Jony nunha situación de presión de 5. O xove Santi Valladares pide tempo morto a un minuto do final do partido tentando empatar o marcador con outra presión con porteiro-xogador e tras a primeira xogada Mario é expulsado e o Burela pode desfrutar duns últimos segundos cun xogador máis. Pero vólvese tolo o partido durante estes últimos segundos de encontro e a 99 centésimas sobre a bucina, a última ocasión será para o Stellae cunha falta moi perigosa preto da área que lanza Ailardo conseguindo o empate no último segundo. Nos penaltis adiántase o Burela cunha parada de Mika no terceiro lanzamento dos locais, pero posteriormente o porteiro local detén o disparo de Pitero (cuarto) e o de Isma (sexto), levando á final ao Stellae-Leis Pontevedra FS.
Os Pícaros quedan fóra da competición en Copa Galicia e toca centrarse na permanencia en Primeira División, tarefa que están levando moi ben ata agora con 17 puntos a un partido de rematar a primeira volta, encontro que se celebrará o próximo día 25 de xaneiro ás 19.00h nunha Tarde Laranxa en Vista Alegre, despois dun finde de descanso que virá moi ben para recargar pilas e volver á carga ante o Viña Albali Valdepeñas.
Ficha Técnica Stellae-Leis Pontevedra FS (5) 2-2 (4) CD Burela FS
Stellae-Leis Pontevedra (2(5)): Dani; Ailardo, Said, Nico (C), Semedo –cinco inicial-, Alan, Yeray, We, Andrés, Mario, Silva, Jony. Entrenador: Santi Valladares.
CD Burela FS (2(4)): Mika; Araya, Quelle, Isma, Alberto -quinteto inicial-, Pitero, Juninho, Charly. Entrenador: David Rial.
Goles: 0-1, min.34: Quelle. 0-2, min.35: Araya. 1-2, min.39: Jony. 2-2, min.40: Ailardo.
Árbitros: Adrián Figueroa Veiga, Daniel López López, Clara Diez Gil.
TA: We, Pitero, Isma,
TR: Mario.



















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



