Que Trump, Musk ou Vence amosen ir, quer no político, quer no económico, fronte á Unión Europea non é casual. O trumpismo alicérzase no decisionismo político de Karl Schmitt, adoptado desta volta por plutócratas ou representantes dunha plutocracia que, nomeadamente, van contra o concepto de lei, dunha orde xurídica que regule os dereitos e liberdades dos pobos, das nacións e da cidadanía. Dun Dereito que regule esixencias mínimas laborais, fiscais, de calidade ambiental, de inclusión e de igualdade para as actividades produtivas. Uns plutócratas que falsifican e prostitúen o concepto de liberdade que fica reducido á liberdade dos poderosos. Reducido á liberdade de abusar e depredar da cidadanía, dos pobos e das nacións sen ningunha caste de limitacións.
Até de agora a Unión Europea calou e amosou moi limitada, cando non case nula, capacidade de se afirmar no seu acervo, nos seus valores comúns: a paz, o pluralismo político, lingüístico e cultural, a democracia, as liberdades, o Estado de Dereito, a lexitimidade e eficiencia da regulación e o Estado do Benestar. E fíxoo por unha morea de causas concorrentes, entre elas polo propio déficit democrático do seu proceso de construción e estadía actual.
Mais a intensidade do ataque (denuncia tácita do pacto de defensa mutua, ameaza de altísimos aranceis ás exportacións europeas, falla de recoñecemento da propia institucionalidade da Unión Europea…) dos actuais dirixentes USA e máis o cabalo de Troia que a extrema dereita europea de Patriots for Europe ( Vox, Chega, Rassemblement Nationale, o húngaro Fidesz, os austriacos do FPO, os neerlandeses do PVV ou os alemáns da AfD) e outros grupos representan. Partidos todos eles que han ser considerados inimigos da convivencia democrática e da paz e, xa que logo, rigorosamente suxeitos a exclusións e cintos sanitarios canto á formación de gobernos ou a adopción de acordos lexislativos ou programáticos. A principiarmos pola escea postelectoral alemá despois do 23-F e a seguirmos pola exclusión do PVV e do FPO da gobernabilidade neerlandesa ou austríaca.
A Unión Europea ha reaxir dende os seus valores de inclusión e igualdade, dende a súa identidade liberal e democrática, dende o recoñecemento da plurinacionalidade e pluriculturalidade da UE e da meirande parte dos seus Estados Membros (EM) e dende a redefinición e afortalamento da súa unidade, priorizando a súa autonomía estratéxica a respecto do, até de agora, aliado norteamericano. O reto é moi difícil e amósase cheo de dúbidas. A transformación interna que un tal reto esixe das institucións europeas é moi importante. Mais as crises fan as oportunidades e Europa conta con vimbios para esta transformación se é quen de mirar polo que a define e a fai entender no mundo.
Onde ha ir esta nova Unión Europea (UE)? Velaí algunhas ideas.
A UE ha asumir a toda velocidade as políticas de defensa e diplomática de todos os EM, dun xeito consorciado cos mesmos . Ou, polo menos, dos EM que o asuman, que probabelmente sexan a maioría e representen máis do 75% da poboación. De certo que, no que atinxe á defensa, imos ter unha sorpresa canto a cantidade de medios que os EM destinan a unha finalidade que ha ser común. A autonomía estratéxica europea esixe, por outra banda, que as necesidades da defensa europea sexan prioritariamente fornecidas por empresas europeas
A UE ha priorizar unha política de unidade alfandegueira, mercado común e cooperación estratéxica co Reino Unido (UK) e as súas nacións constituíntes, aproveitando os máis de catro anos de mandato do prime minister laborista Keir Starmer.
A UE ha de se reivindicar a si propia como comunidade de Dereito. A regulación constitúe o xeito europeo de sermos, estarmos, construír e producir. Cómpre, si, desburocratizar moitos procesos, nomeadamente a respecto das nosas pemes e darlle pulo ao investimento e á innovación, como defende Draghi. mais é fulcral producir, crear e innovar dende o respecto pola igualdade, polas liberdades, polos estándares ambientais, laborais e fiscais. Europa só pode medrar dende a legalidade, a regulación intelixente e a inclusión.
A sanidade, a educación pública e os servizos sociais han constituír alicerces das sociedades doo benestar que son parte substancial da identidade e dos valores europeos.
Os inevitábeis aranceis USA haberían darlle pulo á priorización de novos mercados (Mercosur, Brics, India, China…), sen que esta apertura poida permitir a exportación de alimentos producidos en condicións incompatíbeis cos estándares europeos no prexuizo das nosas actividades do sector primario. A autonomía alimentaria ha ser un alicerce da nova Europa
A autonomía enerxética europea ha ser prioritaria, mais distribuíndo equitativamente os seus custos entre todos os territorios, compensando axeitadamente as comunidades atinxidas e respectando a vocación de produción alimentaria das comunidades agrogandeiras e pesqueiras.
A acción diplomática da UE haberá de se rexer pola Carta das Nacións Unidas, a legalidade internacional e o recoñecemento da xurisdición do Tribunal Internacional.
A UE haberá afondar tamén a toda velocidade na súcaa unión política, alicerzada na cidadanía e nos distintos pobos e nacións no canto do actual predominio dos EM. As políticas europeas haberanse alicerzar no territorio sobre as unidades políticas e administrativas subestatais, dándolle pulo a unha rexionalización xeral, aplicando o principio de subsidiariedade, de xeito que os grandes EM non desenvolvan as competencias e funcións públicas que poden desenvolver as nacións sen Estado ou rexións dotadas de autonomía política.
E, en último de contas, financiarmos este proceso de unidade política e de europeización das políticas diplomática e de defensa vai esixir suspender ou mesmo reconsiderar as regras de gasto e os límites de endebedamento dos propios EM, fronte a un trumpismo que quere vivir no déficit fiscal permanente e non fai problema ningún do mesmo. Como tamén mutualizar o financiamento, cando menos, das políticas de defensa, diplomacia e cooperación exterior.





















Xunto coa alcaldesa e a concelleira de Infancia, confirmouse tamén a renovación, por terceiro ano, da colaboración co Grupo Entrepinares, que patrocinará estas xornadas e apoiará actividades do Samaín e do Nadal. As dúas xornadas incluirán actividades gratuítas en horario de mañá e tarde, con inchables, xogos, propostas acuáticas e catro funcións do espectáculo do Mago Antón. Entrepinares ofrecerá ademais merendas gratuítas para todos os nenos e nenas. O Concello destaca que esta alianza permite reforzar unha programación infantil de referencia e ampliar as propostas de lecer para as familias ao longo do ano.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



