Burela, 5 de maio de 2025. O Concello de Burela celebrará esta fin de semana unha dobre homenaxe ao deporte local, cun recoñecemento especial ao equipo feminino do Burela FS tras a conquista da súa sétima Copa da Raíña.
Tamén se homenaxeará ao equipo masculino de fútbol da SD Burela, que vén de lograr o seu regreso a Preferente 17 anos despois ao longo dunha excelente tempada.
Por unha banda, o venres 9 de maio, no encontro do equipo feminino de fútbol sala contra o CFS Gran Canaria Teledeportivo no Pavillón Vista Alegre, realizarase a recepción e homenaxe oficial ás xogadoras do Burela FS.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, transmitiu o seu orgullo e a súa “máis sincera noraboa” pola nova vitoria do equipo. Co acto de homenaxe búscase “destacar o inmenso logro que supón acadar por sétima vez un dos títulos máis prestixiosos do fútbol sala nacional, que é reflexo dun traballo constante día tras día”.
“Este triunfo é posible grazas ao esforzo de moitas persoas: das que están no campo, das que animan cada fin de semana, dos patrocinadores, e tamén de todas e todos os traballadores do club, á directiva e a todas as persoas que dende hai anos sosteñen con ilusión este proxecto deportivo”, sinala o concelleiro de deportes Carlos Méndez Pena. “A cor laranxa é hoxe, máis ca nunca, símbolo de orgullo en Burela”, engadiu.
Por outra banda, a recepción ao equipo masculino da SD Burela será antes do comezo do partido contra a SDC Residencia deste domingo ás 12:00 horas. O Concello organiza este acto para amosar o seu apoio e recoñecemento ao equipo no seu regreso a Preferente.
Esta fin de semana Burela tamén celebrou a vitoria dos veteranos da SD Burela, que se proclamaron campións da Liga de Veteranos División de Honor Lugo Provincial, conseguindo unha praza no Campionato Galego de Veteranos.
“Dende o Concello de Burela convidamos a toda a veciñanza a participar nestes actos e a encher a vila de cor, emoción e orgullo polo noso deporte”, conclúe Carmela López.