Burela, 12 de maio de 2025. Este mércores día 14 ás 12:00 horas, as oficinas de Cruz Vermella en Burela acollerán unha charla/coloquio entre varias empresas da comarca pertencentes a sectores crave como a loxística, a atención ao cliente e vendas, a construción e a limpeza.
O encontro, organizado no marco do Plan de Emprego de Cruz Vermella, ten como obxectivo xerar un espazo de diálogo entre o tecido empresarial e a organización humanitaria para identificar de forma conxunta as principais necesidades de formación no territorio, valorar os apoios recibidos por parte de Cruz Vermella e compartir os resultados obtidos grazas a esta colaboración.
Durante a xornada, as empresas participantes —todas elas colaboradoras activas do Plan de Emprego de Cruz Vermella— analizarán tamén se recomendarán este programa a outras entidades, destacando experiencias reais en procesos de selección, deseño de perfís profesionais, accións formativas ou programas de prácticas non laborais.
Este tipo de iniciativas permiten a Cruz Vermella seguir adaptando as súas accións ás demandas reais do mercado laboral, reforzando o seu compromiso co acceso ao emprego de persoas en situación de desemprego na Mariña lucense.