Para entendermos o proceso que se desenvolve dende hai case dous anos no Consello de Ministros de Asuntos Xerais da UE a respecto da oficialidade do galego, catalán e euskera nas institucións europeas, cómpre entendermos o réxime lingüístico operante na UE e o xeito no que se integrou no 1986 nas Comunidades Europeas (precedentes da UE actual) o Estado español.
O Tratado de Funcionamento da UE dispón que o réxime lingúistico da mesma ha de se fixar nun Regulamento aprobado por unanimidade de todos os Estados Membros (EM). O Regulamento é o 1/1958, que fixou como linguas oficiais daquelas Comunidades Europeas dos seis EM fundadores (Francia, Italia, Alemaña e os do Benelux) o francés (oficial tamén na Bélxica francófona e Bruxelas), alemán (oficial tamén en Luxemburgo) , italiano e mailo neerlandés (oficial na Bélxica flamenga e en Bruxelas e nos Países Baixos). Os EM que ingresaron, daquel 1958 en diante (o Estado español e mais a República portuguesa no 1986) negociaron cadanseu Tratado de adhesión que determinaba a oficialidade de cadansúa/s lingua/s oficial/is.
E velaí o conflito. No 1985 o Estado español adheriu ás Comunidades Europeas dende a manifestación de posuír unha única lingua oficial de Estado, malia que na altura catalán, euskera e galego eran xa oficiais tamén na Catalunya, País Valenciá, les Illes, Nafarroa, Euskadi e Galicia. Cando algúns EM amosan dende setembro de 2023 dúbidas xurídicas a respecto da oficialización do galego, catalán e euskera refírense á necesidade de mudar substanciamente o Regulamento 1/1958 a respecto da única oficlalidade do castelán no conxunto do Estado dende o 01.01.1986. É dicir, algúns EM veñen dicir que o problema do veto á oficialidade do galego na UE nace, precisamente, da vontade estatal española manifestada no seu Tratado de Adhesión de 1985. Neste senso, o Regulamento europeo dispón que o uso das linguas oficiais dun EM no que haxa máis dunha lingua oficial regúlase polo Dereito interno dese mesmo EM. É dicir, a conclusión ven sendo: “…o galego pode que non sexa oficial na UE porque constitucionalmente non é oficial no conxunto do Estado español…”
Mais xa no 2005 o galego, canda o catalán e euskera, acadou certo estatuto de lingua de uso europeo, malia que non a oficialidade do Regulamento 1/58. Xa que logo é evidente a grande conveniencia, cando non a necesidade de acadar de feito a oficialidade do galego en Madrid e Bruxelas, mentres non sexa posíbel unha modificación do artigo 3 da Constitución do Estado que recoñeza a cooficialidade e igualdade lingüística do castelán, galego, euskera e catalán para o conxunto do Estado.
No 1986 o Estado español díxolle aos socios europeos que o seu non era o caso do plurilingüísmo de Bélxica, Suiza, Malta ou Irlanda. Mais os progresos acadados na UE polo galego como lingua de uso no Comité das Rexións, o Valedor do Pobo ou como lingua oficial para que calquera cidadán/á poida facer propostas e pedimentos e recibir respostas aos mesmos, canda a admisión do galego como lingua oficial no Senado, no Congreso e, no que atinxe á Administración de Xustiza, no Tribunal Supremo (TS) e na chamada “Audiencia Nacional”(AN) reforza a posibilidade de que a nosa lingua ingrese na oficialidade europea a medio da excepción, xa debullada, da admisión da oficialidade plurilingüe dende o Dereito estatal, recoñecida no propio Regulamento 1/1958.
No expediente presentado polo Goberno do Estado perante ao Consello de Ministros europeo xustifícase unha cooficialidade do galego no Estado de máis de 40 anos na Galicia, mais tamén a súa presenza nas institucións europeas dende hai máis de 20 anos e máis a súa oficialidade no Congreso, no Senado, no TS e na AN. É dicir, preséntase perante a UE unha cooficialidade global do galego na UE.
Este 18-X os ministros europeos tiveron de diante, canda este alicerzamento normativo, a reivindicación da oficialidade europea do galego, catalán e euskera das universidades todas de Catalunya, Euskadi e Galicia, dos presidentes de Catalunya e Euskadi e, no atinxente ao noso país, das alcaldesas de Compostela e da Coruña e dos alcaldes de Lugo, Pontevedra e Vigo, canda os presidentes das Deputacións coruñesa e luguesa e os líderes dos sindicatos todos. Faltou a sinatura do presidente deste país, malia ser requirido polos presidentes catalán e vasco, polas demais forzas políticas galegas e polos principais representantes da sociedade civil. Velaí, pois, unha traizón incomprensíbel do presidente Rueda ao galego, ao autogoberno, ao país e ao noso benestar e prosperidade dun presidente que preferiu subalternizar os intereses de Galicia aos do PP estatal. Que preferiu atender os intereses do centralismo e do supremacismo españois denantes que cumprir co supremo interese de Galicia, como prometeu no Pazo do Hórreo hai pouco mais dun ano.




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



