A Mariña, 21 de xullo, 2025. A Asociación Saúde Mental A Mariña desenvolve, un ano máis, o programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade Coidando de min, que chega xa ao seu IX ano de realización. Este programa está cofinanciado pola Unión Europea e a Consellería de Política Social co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades para contribuir á reducción da dobre discriminación na que se atopen as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
O obxectivo deste programa é que as mulleres fagan do coidado da súa saúde mental unha prioridade, así como a integración na comunidade de forma activa cunha intensidade de apoio adecuada as súas necesidades e expectativas.
Este programa comezou no mes de febreiro e desenvolveráse ata o mes de agosto. Entre as actuacións que se desenvolven atopamos: atención psicolóxica, desenvolvemento de talleres vinculados a mellora da comunicación, á identificación de estereotipos de xénero, labores de acompañamento e orientación formativo laboral…
O que se espera, a través do desenvolvemento do programa, é que as mulleres que están a participar aumenten o coñecemento sobre a enfermidade mental e as estratexias de manexo ante situacións adversas, eviten recaídas, melloren a seguridade en sí mesmas, a súa rede social de apoio e a integración na comunidade.