Sada (A Coruña), 22 de agosto de 2025. A Organización de Produtores de Pesca de Cerco de Galicia (Acerga) presentou a súa campaña Vivir o Cerco con Peixe de Acerga que ten como obxectivo divulgar o labor desta frota e esta arte de pesca de proximidade e sostible así como a relevancia de garantir a orixe do peixe mediante a trazabilidade. No acto, celebrado na lonxa de Sada, estivo o director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, que puxo en valor o traballo que realiza esta entidade sectorial en defensa dos intereses do sector pesqueiro galego.
O director xeral salientou das vantaxes que representa esta técnica, altamente selectiva, que permite capturar peixes peláxicos como a sardiña, a xarda ou o xurelo, reducindo ao mínimo as capturas accidentais e garantindo unha explotación responsable dos recursos mariños e garantindo a súa conservación. Unha actividade que permite que chegue aos mercados un produto de excelente calidade e en perfecto estado de frescura cun gran valor engadido para a marca Galicia como potencia pesqueira internacional. Tamén puxo en valor o seu impacto social desta frota, composta por máis de 140 buques, en termos de facturación e emprego.