Os populares lembran que “Burela é o terceiro concello da Mariña pola cola en gasto social por veciño e veciña” e sinalan “a mala xestión do goberno local nos accesos ao centro de saúde” despois do festival Osa do Mar, “salpicando coa súa lamentable actuación a boa organización de Fanto Fantini”
Burela, 9 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Popular sinala “dous pequenos exemplos” que desmenten “o proteccionismo social do que se vangloria o bipartito da señora López Moreno”. Por unha banda, “Burela é o terceiro concello da Mariña pola cola en gasto social por veciño e veciña” e, por outra, “o goberno local é responsable da mala xestión do acceso ao centro de saúde para persoas con mobilidade reducida despois da celebración do festival Osa do Mar”.
Os populares trasladan a súa “profunda alegría” polo éxito acadado pola asociación Fanto Fantini esta fin de semana á hora de organizar o festival Osa do Mar, que un ano máis conta co apoio da Xunta de Galicia. E lamentan que “este evento se vexa salpicado pola lamentable actuación do Concello de Burela gobernado pola señora López Moreno á hora de xestionar o acceso ao centro de saúde”.
Dende o PP local aseguran que “foron numerosas as queixas de persoas con mobilidade reducida que viron dificultado o seu aceso ao centro de atención primaria debido ás rúas cortadas sen ton nin son, falta de información e valados colocados mal e a destempo”, subliñan. Incluso se apreciaba este luns pola mañá a presencia de valados na escalinata que impedían o acceso ás persoas que acompañaban ás persoas con mobilidade reducida.
Os populares levan denunciando dende o pasado mandato esta falta de compromiso do goberno local co ámbito social. “A algún veciño pódelle sorprender os datos feitos públicos recentemente polos medios de comunicación sobre o gasto social en Burela á vista de que se vanglorian do proteccionismo social, pero nós xa o levamos anos advertindo”.
Os concelleiros do Partido Popular aseguran que “o bipartito constantemente di que fai e aparenta facer, pero os feitos falan por si sos”.