Urxe ao Goberno do PP a deixar de poñer os montes galegos a disposición de pasteiras e macrocelulosas como Ence, Navigator ou Altri
Santiago de Compostela, 2 outubro 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo desde Agolada unha “moratoria indefinida do eucalipto” como primeiro paso para acadar un monte ordenado, multifuncional e en mosaico que permita “protexer mellor” a Galiza fronte aos lumes.
Esta é a proposta que o BNG vai levar ao Parlamento para evitar a proliferación dunha especie que converte os montes galegos “nun polvorín en pleno cambio climático”, advertiu Pontón logo de visitar e manter un encontro coa veciñanza da parroquia do Sexo, en Agolada, unha das afectadas pola última vaga de incendios na comarca do Deza.
A portavoz nacional reclamou un “xiro de 180 graos” na política forestal do Goberno do PP para evitar que o acontecido este verán se volva repetir, polo que incidiu na necesidade de establecer unha moratoria indefinida do eucalipto, máis tendo en conta que o que houbo até o ade agora foi “unha moratoria pantasma” de escasa eficacia.
Neste sentido, recordou que a propia Asociación de Enxeñeiros Forestais da Xunta alertou de que a plantación de eucaliptos aumentou en 6.000 hectáreas desde que empezou a actual moratoria decretada pola Xunta que remata este 31 de decembro.
A líder nacionalista advertiu que hoxe en día hai, como mínimo, 230.000 hectáreas máis desta especie das que estaban previstas no propio Plan Forestal da Xunta ata 2032. Unha cifra que pode ser maior, recalcou, ao estar desactualizada porque o Executivo de Alfonso Rueda “oculta os datos do último censo forestal”.
“Desde o BNG solicitamos a aplicación inmediata dunha moratoria indefinida do eucalipto porque cremos que o noso monte non ten que estar ao servizo de grandes pasteiras como Ence, Navigator ou Altri”, incidiu, para advertir que con esta nefasta política do PP “quen gañan son as celulosas e quen perde é Galiza e a xente do medio rural”.
Pontón recriminou aos populares que sigan empeñados en “querer tapar a súa responsabilidade” na última vaga de lumes e que continúen negándose a “cambiar nada” para evitar que unha situación así se volva repetir.
“Lamentablemente, o que temos é un Goberno do Partido Popular que non quere cambiar nada, que quere seguir cunha política que é contraria aos intereses do noso País e que quere seguir promocionando unha especie que se está descontrolando en Galiza”, denunciou.
A portavoz nacional recalcou que a última vaga de lumes ten que ser “un punto de inflexión” xa que non se chegou a ela por casualidade, senón “despois de máis de 35 anos de goberno do Partido Popular que fomentan o abandono do medio rural cunha política forestal fracasada”
Nesta liña, contrapuxo a posición do PP en contra dos intereses de Galiza á do BNG en favor do País e cunha clara aposta por un “medio rural vivo e produtivo” e por un modelo forestal baseado nun monte multifuncional e en mosaico que protexa mellor aos galegos e ás galegas fronte aos lumes.
Ademais da moratoria indefinida do eucalipto, e a preguntas dos medios, Pontón avogou tamén por elevar a 100 metros as franxas de protección a vivendas e núcleos de poboación, unha medida para a que o Bloque propón crear un fondo extraordinario da Xunta xa que, subliñou, “de nada vale poñer medidas no papel se logo non hai os medios necesarios para levalas adiante”.
Así mesmo, apostou por duplicar os fondos destinados á prevención e que estes sexan “realmente executados”, dado que o que se viu este ano é que o Executivo de Rueda non acometeu as medidas preventivas, “nin tan sequera nas zonas nas que ten a responsabilidade de executar as franxas” e, o máis grave, advertiu, “que non o fixeron nin nas parroquias de alto risco”.
“Polo tanto, o que ten que facer a Xunta é o seu traballo e deixar de botar balóns fóra”, reclamou, para remarcar que se non se toman medidas a tempo, “o que vai pasar é que dentro de catro ou cinco anos a situación vai ser peor porque estes lumes son só un aviso”, advertiu en alusión aos efectos do cambio climático.
Por último, defendeu a necesidade de apoiar a quen quere seguir vivindo no rural, dotándoo tamén dos servizos que precisa. “O mellor servizo de extinción que podemos ter é a prevención, porque os incendios apáganse en inverno, e tamén apostar por que haxa actividade agraria, por un monte multifuncional e por outro modelo forestal porque o que está en xogo é o futuro deste País”, concluíu.




















A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
Ao acto están convidadas a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias, Mª Begoña López Fernández; o director xeral do Medio Natural, David Villar García; así como as alcaldías dos 14 municipios que forman parte da Reserva, entre outras autoridades.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.



